UGT chama á cidadanía galega a mobilizarse o 1º de Maio pola suba dos salarios, a contención dos prezos e máis igualdade
UGT e CCOO convocan manifestacións en toda Galicia, en Ferrol partirá desde o Inferniño ás 12 do mediodía.
O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, xunto á secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, presentaron hoxe en Santiago en rolda de prensa o 1º de Maio que este ano vaise celebrar baixo o lema “A solución: subir salarios, conter prezos e máis igualdade”.
Segundo Amelia Pérez, "reivindicamos que o centro das políticas deste país siga sendo o factor traballo, porque é o verdadeiro elemento transformador da sociedade". Neste sentido, as políticas que se adoptan na materia "son o que ao final mellora a vida das persoas", apuntou a dirixente sindical.
José Antonio Gómez, destacou que "este 1º de Maio vai ser unha data para a celebración, orgullo polo conseguido froito da concertación e diálogo social, para defender e esixir que o conseguido se cumpra pero tamén para poñer enriba da mesa vellas reivindicacións non acadadas e novas demandas".
O Secretario Xeral de UGT-Galicia, fixo fincapé en que "a celebración deste 1º de Maio no pode escapar ó contexto, abafado pola guerra en Ucraína que está a levar a unha situación de crise económica a nivel mundial pero tamén ao sufrimento inxusto do pobo ucraíno e de moitos cidadáns rusos que están a ser perseguidos polo súa postura en contra desta inxusta guerra". Neste senso, manifestou a solidariedade do Sindicato con todos eles e con "moitos outros pobos onde celebrar esta data e mesmo facer sindicalismo no día a día é causa de represión e persecución".
A secretaria xeral de CCOO reiterou o apoio dos sindicatos de clase ao pobo ucraíno, rexeitando tanto a invasión rusa como a represión por parte do Goberno de Putin contra os manifestantes que piden a paz; tamén ao pobo saharauí, criticando o cambio de postura do Goberno de España, "que non compartimos".
Amelia Pérez, amosou a súa preocupación polo avance da extrema dereita no Estado español e en Europa: "Estase banalizando e normalizando de xeito alarmante", e puxo como exemplo a recente entrada de Vox no Goberno autonómico de Castela e León.
A secretaria xeral de CCOO defendeu a importancia de subir os salarios, debate que ten lugar cunha guerra en Ucraína e cun aumento aínda maior da inflación, que xa viña subindo nos últimos meses. "Estase falando dun pacto de rendas, que ten que ser como asumamos entre todos e todas, e non só a clase obreira, o custo da crise que se está producindo", advertiu.José Antonio Gómez, destacou "a bagaxe positiva coa se concorre a esta edición do 1º de Maio, cos acordos en materia de pensións, o SMI, teletraballo, ERTE`s ou reforma laboral, froito todos eles do diálogo social e dunha ardua tarefa de negociación e concertación. E, precisamente, isto debe animar ós galegos e galegas a saír ás rúas para defender o conseguido".
"Pero a cara negativa deste 1º de Maio é unha conxuntura económica marcada por un IPC na contorna do 10% que se non vai acompañado dunha suba de salarios e non se garante a suba das pensións, como algúns xa están a suxerir, conducirá ó empobrecemento das familias deste país".
Finalmente, Amelia Pérez, reclamou máis igualdade, "porque iso significa máis xustiza social". Neste sentido apelou a "aproveitar os plans de igualdade e as novas normas en materia de igualdade que se aprobaron nos últimos anos para reducir os desequilibrios que se rexistran nas empresas".
O Secretario Xeral de UGT-Galicia, manifestou que "a postura da CEOE, en relación ó AENC, ten que mudar. Ten que apostar por garantir cláusulas de revisión salarial que aseguren o mantemento do poder adquisitivo das familias. O contrario vai supoñer o conflito e o país, na conxuntura actual, require de pacto e negociación. Pero a cerrazón da patronal pode conducir ó contrario porque non se pode consentir que sexan os traballadores, cos seus salarios, os que paguen as consecuencias. Xa hai a día de hoxe sectores, como o do telemarketing ou o do alimentación e comercio da provincia da Coruña que xa están nunha situación de conflito aberto ata que non se lles garanta ós seus traballadores e traballadoras o mantemento do poder de compra".
José Antonio Gómez, recoñeceu que tanto o Goberno central como o da Xunta adoptaron medidas para paliar a situación, "medidas que UGT saúda pero que considera insuficientes. Urxe un maior soporte para os máis vulnerables. Hai en España 9.500.0000 persoas con salarios de 1.000 euros ou menos, desempregados, perceptores de pensións non contributivas ou con complementos a mínimos. Cifra que en Galicia sitúase nas 500.000 persoas, que, de seguro, teñen serias dificultades para chegar a fin de mes. Por iso, urxe habilitar outro tipo de achegas para os máis vulnerables".
Na súa intervención, o Secretario Xeral da UGT-Galicia, tamén rexeitou a receita, para combater esta crise, das rebaixas fiscais que, "de seguro traerían consecuencias negativas no eido internacional e traerían consigo consecuencias moi negativas no eido do investimento público".
A secretaria xeral de CCOO envioulle unha mensaxe ao Partido Popular e á Xunta, advertíndolles aos seus dirixentes que "Galicia non pode pagar as consecuencias desta longa interinidade". A situación actual "esixe tomar medidas e as familias non poden agardar aos tempos dos partidos políticos. A Xunta ten que traballar xa", afirmou Amelia Pérez.
Finalmente, José Antonio Gómez, explicou que neste 1º de Maio vanse levar ás rúas unha serie de reivindicacións como a suba do SMI a finais de ano para que este se sitúe no 60% do salario medio do país; seguir avanzando en materia de igualdade; poñer en marcha un plan de loita contra a lacra da sinistralidade laboral; as 32 horas semanais; unha transición ecolóxica xusta; e a reforma dun ET para o século XXI.
Santiago, 26 de abril de 2022
✔ Manifesto 1º de Maio conxunto de UGT e CCOO de Galicia. | Acceder/Baixar.
✔ Manifesto 1º de Maio do S.N. de CCOO de Galicia. | Acceder/Baixar.
UGT Galicia
https://www.ugtgalicia.org/
S.N. de CCOO de Galicia
https://www.ccoo.gal/
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon