venres, abril 29, 2022

A CIG convoca mobilizacións en cidades e vilas de toda Galiza este Primeiro de Maio - En Ferrol desde a Avenida de Esteiro e n'As Pontes desde a Praza do Hospital, ás 12 do mediodía - A central sindical reclama políticas públicas e salarios dignos para combater a pobreza


A CIG convoca 16 manifestacións para conmemorar o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, baixo o lema “Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos”. A central sindical acompaña esta reivindicación cun paquete de propostas para facer fronte ao descontrolado incremento de prezos dos produtos básicos.



MANIFESTACIÓNS

A Coruña: 12h desde a Praza de Vigo

Cee: 12h na Praza Concha Blanco.

Compostela: 12h desde a Praza Roxa

Ribeira: 12h desde a Praza do Peixe

Ferrol: 12h desde o local da CIG (Avda. de Esteiro)

As Pontes: 12h na Praza do Hospital


Lugo: 12h desde o Edificio Sindical (Ronda da Muralla)

Foz: 12h na Delegación de Facenda

Ourense: 11.30h desde a Praza Maior

Verín: 12h na Praza do Concello

O Barco: 12h na Praza do Concello

Pontevedra: 11.30h desde a Ferreiría

Vilagarcía: 12h desde a Casa do Mar

A Estrada: 12h desde a Praza do Mercado

Vigo: 12h desde a Dobrada

Cangas: 18h na Praza do Concello


Neste ano o Primeiro de Maio ten lugar no medio da crítica situación económica e social pola carestía da vida na que xa viviamos, agravada polas consecuencias da guerra na Ucraína. A CIG propón un paquete de medida urxentes para atallar o impacto que os altos prezos dos bens e servizos básicos están a ter sobre as clases populares. Estas propostas, na liña das que xa se trasladaron aos Gobernos español e galego para avanzar nunha saída galega xusta da crise, requiren dunha decidida intervención pública e inciden en varios ámbitos para poder garantir unhas condicións de vida dignas. Entre as medidas destacan:


Electricidade

1.- Creación dunha Tarifa eléctrica especial que, durante 24 meses, fixe o prezo de referencia entre os 10 €/MWh e os 60 €/MWh para quen teña potencia contratada igual ou inferior a 15 kW.

2.- Implantar a Tarifa Eléctrica Galega mediante a eliminación do pagamento da peaxe de transporte e aplicando unha redución do 10% da tarifa mensual a quen teña o seu domicilio en Galiza, tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que ten o noso país.

3.- Limpar a factura dos cargos sen relación directa co funcionamento do sistema (fomento das enerxías renovábeis, custos extrapeninsulares e déficit de tarifa, etc.) e que sexan asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado.

4.- Retirar do mercado maiorista (pool) para fixar o prezo da electricidade as centrais hidráulicas, as nucleares e gas para conseguir unha baixada xeneralizada no prezo da electricidade.

5.- Controlar e fixar límite ao beneficio obtido polas empresas eléctricas.

6.- Crear unha Empresa Pública Galega de Electricidade.

7.- Fiscalizar as concesións hidroeléctricas. Reverter as instalacións hidroeléctricas ao sector público, destinado os beneficios da produción a abaratar o custo da electricidade.

8.- Aplicar na tarifa o tipo mínimo do IVE (4%) e eliminar do imposto á xeración (7%) que as empresas produtoras repercuten nos recibos.

9.- Esixir compromisos industriais, de emprego e de participación pública para as empresas que opten á concesión de instalacións de produción de enerxía renovábeis.

10.- Crear e pór en funcionamento en Galiza (As Pontes) o Centro para a Competitividade e a I+D+i no Almacenamento de Enerxía.

Salarios

1.- Os incrementos salariais deberanse situar nos 1.226 euros/ano lineais (87 euros/mes 14 pagas) e incremento salarial do 4,50%.

2.- Incluír en todos os convenios a cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo conforme ao IPC interanual acumulado.

3.- Aprobar as medidas necesarias para que as auditorías retributivas e os plans de igualdade conteñan medidas reais e eficaces para rematar coa fenda salarial e outras desigualdades.

4.- Fixar o salario mínimo interprofesional en 1.167 euros ao mes, que é o 60% do salario medio do Estado español, tal como recomenda a Carta Social Europea.

Emprego


1.- Prohibición de simultanear a aplicación dun ERTE con outras medidas de recorte: descolgues, modificación das condicións de traballo, mobilidade xeográfica, desregulación da xornada, etc.

2.- As empresas para podérense acoller ao ERTE estarán ao día na actualización das revisións salariais, completar até o 100% os salarios, e manter a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas.

Combustibles

Fixación polo Goberno dun prezo máximo de gasolina e diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022.

Mobilidade

Reforzar os servizos de mobilidade aumentando frecuencias e ampliando horarios para facilitar os desprazamentos, así como reducir as esixencias para o acceso a maiores descontos.

Alugueiro

Conxelación das cláusulas de actualización das rendas de alugueiro en todos os conceptos durante o ano 2022

1º de Maio de 2022

Confederación Intersindical Galega - CIG
https://www.cig.gal/
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon