luns, maio 30, 2022

Contra a represión, solidariedade obreira - As centrais sindicais chaman a apoiar o indulto para Pintos - CIG, CCOO, UGT e CGT convocan manifestación en Ferrol o 31 de maio, ás 8 datarde, dende a Praza Amada Garcia (diante do edificio da Xunta) - Vídeo


MANIFESTACIÓN EN FERROL, EN SOLIDARIEDADE CON SUSO PINTOS, MARTES 31 DE MAIO, ÁS 8 DA TARDE, NA PRAZA AMADA GARCIA, DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA DE GALICIA

Contra a represión, solidariedade obreira. As centrais sindicais chaman a apoiar o indulto para Pintos CIG, CCOO, UGT e CGT convocan manifestación o 31 de maio, ás 20h, dende o edificio da Xunta en Ferrol Ferrol indulto lei mordaza loita obreira persecución sindical represión Xesús Anxo López Pintos.

Ante a represión, unidade. Esa é a consigna que os responsábeis comarcais de CIG, CCOO, UGT e CGT de Ferrol lanzaron este luns para demandar o apoio de toda a clase traballadora á solicitude de indulto para o compañeiro Xesús Anxo López Pintos. Os catro representantes sindicais animaron tamén a participar na manifestación que o 31 de maio sairá ás 20 horas do edificio da Xunta en demanda de xustiza para Pintos, evitar a súa entrada no cárcere e que se consume este ataque á liberdade sindical.

Manuel Anxo Grandal (secretario comarcal da CIG-Ferrol), José Hurtado (secretario comarcal da CCOO en Ferrol), Jorge Ulla (da xestora de UGT de Ferrol) e Xaquín García (secretario da sección sindical da CGT en Navantia Ferrol) coincidiron en criticar a desmesura actuación da que foi vítima Pintos, tanto no relativo á súa detención como ao proceso xudicial posterior, valéndose da aplicación máis humillante da chamada lei mordaza, que a día de hoxe segue vixente.

"Unha vez máis temos que denunciar que se converteu a vítima en verdugo", aseverou Grandal, quen sostén que estamos ante unha "actuación teledirixida cun obxectivo claro para o Goberno naquel momento". Lembrou que na altura de outubro de 2012 había unha enorme conflitividade derivada das políticas austericidas e dos recortes de dereitos e liberdades e "esta foi unha das maneiras de exemplificar como ir contra a loita dos traballadores e das traballadoras". Porén, afirmou, "a represión non vai parar a loita obreira e menos aínda nesta comarca onde temos unha longa historia de represión".

O responsábel da CIG de Ferrol pediu solidariedade e que a cidadanía se mobilice para evitar que o compañeiro Pintos poida entrar na cadea. Unha posibilidade que cualificou de "inxusta e surrealista" e contra da que, adiantou, "chegaremos a todas as instancias que sexa necesario".

Aclarou Grandal que, tras emitirse a resolución do Tribunal Supremo que ratifica a condena da Audiencia Provincial, presentáronse as alegacións correspondentes para evitar que Pintos poida entrar no cárcere, pois aínda que foi condenado por un delito de atentado á autoridade a unha pena de seis meses de prisión, a situación do ex secretario da CIG de Ferrol agrávase porque ten pendente de execución outra condena de nove meses por defender as mariscadoras de Mugardos.

Solicitude de reunión coa ministra de Xustiza

Sobre a campaña polo indulto, explicou que a recollida de sinaturas se fará tanto nos locais sindicais, onde se poden recoller os pregos, como nos centros de traballo e tamén está prevista a colocación puntual de mesas nas rúas. Ademais, como o indulto "é unha decisión política que ten que decretar o Consello de Ministros e Ministras", as centrais sindicais van pedir unha reunión co delegado do Goberno en Galiza e audiencia coa ministra de Xustiza porque "se algún indulto se debe conceder e é de xustiza, é o de Pintos". Ademais, levaranse mocións de apoio aos plenos municipais dos concellos da comarca.

Intento de coartar a mobilización social

Pola súa anda, José Hurtado valorou que a sentenza de Pintos constitúe un ataque ao mundo sindical e un intento de coartar a resposta sindical, fronte á que chamou á unidade e á solidariedade de clase. Na mesma liña Jorge Ulla cualificou esta sentenza de "condena a todos os traballadores e traballadoras", rememorou a situación de crise na que se fixo a mobilización de outubro de 2012 e enmarcou o proceso de Pintos no contexto das "receitas de recortes" do Goberno de Mariano Rajoy. Para Xaquín García esta campaña a prol do indulto debe servir ademais como recordatorio "do que supuxo o Goberno do PP de ataque aos dereitos laborais e democráticos, que ten o máximo expoñente na lei mordaza".

NOVA RELACIONADA: Arrinca a campaña de recollida de sinaturas en apoio ao indulto de Pintos: Asina.

Ultima hora:

"A suspensión da pena é un paso importante pero cómpre que se faga xustiza co compañeiro Pintos" - As centrais manteñen a campaña polo indulto e a manifestación do 31 de maio en Ferrol | 25 de maio de 2022. | Ir á nova.


Fonte: Avantar.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
26 de maio de 2022 10:53

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon