Esta mañá AGAMME dirixiuse ao Ministerio de Xustiza para reiterar o seu apoio á petición de indulto de María Salmerón.
No texto remitido á Ministra Llop, AGAMME, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, discute o argumento esgrimido polo executivo segundo o cal existe un impedimento legal para conceder o indulto a Salmerón.
AGAMME non considera que se poida falar de reincidencia dado que se trata dunha mesma conduta que María Salmerón se viu na obriga de manter no tempo e que deu lugar a sucesivas denuncias realizadas polo seu agresor. Polo tanto, se ben existiron varios procedementos sucesivos, o acto sería un só prolongado no tempo.
Sinala AGAMME no seu escrito que coa expresión “se viu na obriga de” se refire a que, sendo ela sabedora de que a súa filla corría un perigo real dado o carácter violento do proxenitor, a omisión da súa acción protectora tería sido inmoral pero non unicamente iso. Na liña das leis anteriores, a LOPIVI define violencia contra a infancia e a adolescencia como “toda acción, omisión ou trato neglixente que priva ás persoas menores de idade dos seus dereitos e benestar”. Se Salmerón no tivese desobedecido tería sido neglixente ou violenta coa súa filla, polo tanto non tiña opción.
Por outra parte, AGAMME fai referencia ao carácter do sistema penal español que ten como fundamento e obxectivo a reeducación e a reinserción do reo na sociedade, tal como se establece na Constitución Española. Por iso carecería de sentido facer cumprir a María Salmerón unha pena por un delito que hoxe, trala aprobación da LOPIVI, non se tería producido pois o xulgado tería que ter contemplado a necesidade de protección de la filla menor de idade.
AGAMME lembra que se se ten producido o avance social e legal que permite hoxe en día protexer aos fillos e fillas de vítimas de violencia de xénero é grazas á valentía de mulleres como María Salmerón, que antepuxo a seguridade e os dereitos da súa filla aos seus propios, que soportou durante máis de dúas décadas a persecución xudicial instigada polo seu agresor sen por iso abandonar o seu deber de protección. Foron exemplos como o seu os que impulsaron á sociedade e ao poder lexislativo a acometer ese cambio tan necesario de incluír aos fillos e fillas das vítimas no sistema de protección ante a violencia de xénero.
AGAMME apunta que as vítimas teñen dereito á recuperación e que as institucións españolas lles están negando a María Salmerón e á súa filla este dereito ao permitir que se prolongue sine die o rosario de procedementos xudiciais. Consideran que existe unha indiscutible “razón de xustiza ou conveniencia pública” que sería argumento xurídico suficiente para que o tribunal se declarase favorable ao indulto, cousa que sorpresivamente no se produciu. AGAMME fai fincapé no feito de que María Salmerón foi premiada pola súa loita tanto por parte do goberno estatal como polo de Andalucía, co cal é evidente o carácter de interese público da súa acción protectora.
AGAMME advirte de que a situación á que se está expoñendo a María Salmerón e á súa filla a é unha clara mostra de revitimización e que é deber das institucións evitala en cada un dos seus actos.
Conclúe o escrito AGAMME alegando que se Salmerón chega a entrar en prisión será unha vitoria para os agresores e negacionistas da violencia machista e a derrota definitiva de todo o sistema xudicial e da lexislación vixente en materia de violencia de xénero, dereitos da vítima e dereitos de infancia. Significará un retroceso en todo o logrado ata o momento porque, efectivamente, as sanciones teñen unha función educativa no só para quen as cumpre senón para a totalidade da sociedade, miles de mulleres aprenderán que denunciar e protexer aos seus fillos e fillas é demasiado perigoso.
AGAMME considera contraditorio que o mesmo goberno que aprobou a LOPIVI permita que unha vítima entre en prisión polo único feito de ter protexido á súa filla dun agresor que fora condenado en firme. Por outra parte mostra a súa maior perplexidade ante a información recibida nas últimas horas segundo a cal a Ministra de Xustiza, Pilar Llop, tería denegado a María Salmerón a cancelación dos antecedentes penais, os mesmos que o seu propio Ministerio utiliza como argumento para rexeitar a petición de indulto.
Xunta Directiva de AGAMME
A 30 de maio de 2022
Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME): Asociación sen ánimo de lucro, fundada en 2010. Os seus obxectivos principais son a visibilización da problemática do maltrato infantil, e de forma sinalada o abuso sexual incestuoso, ofrecer apoio e información a vítimas e as súas familias ou profesionais que traballan habitualmente con nenos, nenas e adolescencia. Para rematar a participación en procesos lexislativos e a presentación de demandas á administración para o cumprimento da lexislación vixente [+Info].
Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
30 de maio de 2022 17:14
_______
Relacionada:
✅ AGAMME solicita ao goberno que conceda o indulto a María Salmerón - Que se realice un recoñecemento oficial ao valor da súa loita e o da súa filla, e do beneficio que a mesma supuxo para a sociedade - E que a Fiscalía inicie un procedemento de investigación da violencia institucional sufrida por ámbalas dúas. | Ir a Ártabra 21.
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon