Este martes, 19 de abril de 2022, a Asociación Galega contra ou Maltrato a Menores (AGAMME), en relación á petición de indulto presentada por María Salmerón Parrilla e o recente requirimento do xulgado para a súa próxima entrada en prisión, fixo chegar ao Presidente do Goberno; á Sra. Ministra de Xustiza; á Sra. Ministra de igualdade; á Sra. Ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030; ao Defensor do Pobo (España) e á Fiscalía Xeral do Estado, un escrito pedindo que se lle conceda o indulto solicitado. Escrito que transcribimos a continuación.
Como asociación de dereitos de infancia consideramos un deber político, moral e de xustiza a concesión do indulto a María Salmerón. Como trasladamos noutras ocasión ao goberno, é necesario evitar a prolongación da violencia que sofre Salmerón a mans do seu ex marido, primeiro de forma directa (da cal queda constancia pola condena de prisión que o violento nunca chegou a cumprir por non ter antecedentes penais) e durante máis de dúas décadas de forma indirecta a través da continua querulancia contra a vítima que a xustiza no se preocupou por deter. Así pois, consideramos que María Salmerón é tamén vítima dunha sorte de violencia vicaria por medio da cal o agresor se vale dos instrumentos do estado para seguir causando dano tanto a ela como á súa filla. En consecuencia, no só é necesario, imprescindible, deter o dano que se lle está provocando dende as institucións do estado ao prolongar os procedementos contra ela, obviando a súa condición de vítima (da nai e da filla), senón que ao mesmo tempo debe iniciarse un proceso de reparación de dito dano.
María Salmerón non é un perigo para a sociedade, non existe risco de reincidencia, pois a súa filla é agora maior de idade. María Salmerón é un exemplo de valores, de tesón e de valentía. A sociedade beneficiouse da loita que ela emprendeu hai máis de dúas décadas, agora ninguén pon en dúbida que os fillos e fillas de mulleres que sofren violencia de xénero son tamén vítimas e recentemente aprobouse unha lei que converte este principio nun dereito de protección para os nenos e nenas. Polo tanto é deber das institucións do Estado recoñecer a súa enorme valía e impedir que o agresor siga perpetuando a súa violencia contra nai e filla. A filla de María Salmerón é agora maior de idade pero sufriu durante toda a súa infancia e adolescencia os prexuízos creados por unha xustiza anticuada, non formada para responder de forma efectiva contra a violencia de xénero, e que non soubo protexela ante a violencia, esqueceuna entón e continúa esquecéndoa agora. Todo dano que se cause á súa nai será un dano causado a ela e temos o deber de impedilo.
SOLICITAMOS:
💜 A aprobación da concesión do indulto a María Salmerón Parrilla no próximo Consello de Ministros.
💜 Que a Fiscalía inicie de oficio un procedemento de investigación da violencia institucional sufrida por María Salmerón e pola súa filla.
💜 Que se realice un recoñecemento oficial por parte do goberno do valor da loita de María Salmerón e da súa filla e do beneficio que a mesma supuxo para a sociedade.
Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME): Asociación sen ánimo de lucro, fundada en 2010. Os seus obxectivos principais son a visibilización da problemática do maltrato infantil, e de forma sinalada o abuso sexual incestuoso, ofrecer apoio e información a vítimas e as súas familias ou profesionais que traballan habitualmente con nenos, nenas e adolescencia. Para rematar a participación en procesos lexislativos e a presentación de demandas á administración para o cumprimento da lexislación vixente [+Info].
Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
19 de abril de 2022 18:04
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon