Por Ramón Grosfoguel [*]
19.04.2022
O xaque mate non llelo fixo Putin. Fíxollelo o imperio estadounidense. Trátase dun "golpe de estado" xeopolítico internacional fabricado desde os EUA contra Europa, en primeiro lugar, e contra China, en segundo, vía Rusia e Ucraína. O gran gañador no curto prazo son os EUA. O gran perdedor é Europa. O imperio estadounidense tíñao planeado desde hai varios anos. Para os que teñan dúbidas e precisen aclarar que non se trata de teorías conspiradoras poden consultar o informe de 2019 da Rand Corporation, un think tank da intelixencia estadounidense titulado Extending Russia.
A estratexia resúmese en provocar a Rusia cara a unha guerra de desgaste para que se extralimite mais alá das súas capacidades fiscais, crebe economicamente e implosione, como fixeron coa Unión Soviética nos anos 80 do século pasado. Esta vez a "rateira" para o exército ruso non é Afganistán con mercenarios xihadistas terroristas islámicos apoiados pola CIA, senón Ucraína cos "xihadistas" terroristas nazis apoiados pola CIA e a OTAN.
Así funciona o imperio estadounidense e o seu brazo armado, a OTAN. Durante anos alentaron os nazis de Ucraína a unha guerra de exterminio contra ucraínos rusofalantes sementando falsas ilusións de que serían apoiados pola OTAN até o final, mentres cercaban Rusia con bases militares a través das súas fronteiras cos países de Europa do Leste e negociaban de mala fe con Rusia para provocar unha guerra co fin de destruír, por medio de sancións, o funcionamento do Nord Stream1 -gasodutos rusos vía Ucraína- e o Nord Stream 2 -gasodutos rusos cara Alemaña vía Báltico-. E así, dunha soa xogada, facer Europa dependente do gas de compañías multinacionais gringas.
Estas meterán no peto billóns de euros coa alza do prezo do gas un 40% por mor da guerra e, de paso, aplican sancións draconianas cun triplo obxectivo: golpear fortemente unha potencia emerxente como Rusia, subordinar neocolonialmente Europa baixo o seu dominio económico substituíndo as empresas rusas por transnacionais estadounidenses e privar Europa do comercio da Ruta da Seda con China que atravesa territorio ruso. Coas sancións, a banca róuballe 600 billóns de euros a Rusia e as compañías transnacionais americanas substituirán case todas as importacións europeas procedentes de Rusia, entre un 30-40% das importacións mundiais da Unión Europea. E lembremos que ademais de gas e petróleo, Europa importa de Rusia trigo, aluminio e moitos produtos agrícolas. Un negocio redondo para os EUA.
Ascenso do fascismo
Na mentalidade supremacista branca dos nazis ucraínos trátase de facer unha limpeza étnica para eliminar toda diferenza cultural e lingüística da nación ucraína, apoiados, financiados e armados pola OTAN. Esta guerra non empezou con Putin. Comezou co golpe de estado de 2014 das milicias nazis como parte da "revolución de cores" organizada pola CIA. Desde entón levamos oito anos dunha guerra de exterminio nazi contra ucraínos rusoparlantes e de provocación contra a seguridade do estado da Federación Rusa, por medio da expansión da OTAN cara ás súas fronteiras e de 30 laboratorios de armas biolóxicas de destrución masiva financiadas polo Pentágono en territorio ucraíno.
Levamos oito anos dunha guerra de exterminio nazi contra ucraínos rusofalantes e de provocación contra a seguridadeEuropeos, vostedes pagarán a hiperinflación que lles vén encima ás transnacionais oligopólicas estadounidenses, que lles venderán todo a prezo de monopolio, e terán que afrontar o ascenso do fascismo nos seus propios países. Unha vez o imperio estadounidense logrou o seu obxectivo dunha intervención rusa en Ucraína e de impor sancións contra Rusia, deixou sós os ucraínos fronte ao imperio ruso e sós os europeos para que paguen os custos militares da xogada imperial gringa. Non é a OTAN senón a Unión Europea a que acaba de aprobar miles de millóns de euros en axuda militar para Ucraína e aumentos dos orzamentos militares en toda Europa, incluída a perigosa Alemaña.
O complexo militar-industrial gringo está de festa porque Europa lles está a comprar cantidades billonarias de armamento. Cúmprese o soño americano de Trump e Biden de que Europa pague pola súa propia defensa, mentres vostedes se subordinan economicamente ás empresas transnacionais gringas. Os poucos fondos que antes ían a educación, saúde, vivenda... agora reduciranse aínda máis e pasarán a gastos militares para beneficio de empresas americanas.
Os ucraínos foron os peóns sacrificados de quenda no taboleiro da xeopolítica imperial estadounidense global. Vexan o que dixo o Presidente ultradereitista de Ucraína, a quen non lle debemos ter ningunha simpatía por golpista e por colaborador dos nazis ucraínos: "Deixáronnos sós", afirmou Zelensky logo de que Rusia entrase co seu exército a desnazificar Ucraína e a protexer os ucraínos de orixe rusa dos masacres do exército fascista ucraíno.
Europa vai pagar caro por todo isto porque irá da inflación a hiperinflación, ademais de perder a pouca soberanía que lle quedaba fronte ao imperio gringo e de ter que enfrontar o ascenso do fascismo como resultado de empoderar o "xihadismo" nazi europeo. Europeos, benvidos ao século XXI!
Publicado en Nós Diario - 19 de abril de 2022.
Faite Asinante de Nós Diario
[*] Ramón Grosfoguel (1956), sociólogo portorriqueño, membro fundador de Europa Decolonial; profesor da Universidade de California en Berkeley (EUA). Grosfoguel imparte cursos sobre socioloxía do desenvolvemento internacional, migración internacional, economía política do sistema-mundo e sobre os procesos políticos, económicos e culturais de cidades "globais" como Nova York, París e Londres. Os seus intereses de investigación inclúen a socioloxía urbana e a migración dos pobos coloniais do Caribe a Estados Unidos e Europa Occidental. Ademais, Grosfoguel ocupa o posto de investigador asociado na prestixiosa Maison des Science de l'Homme en París. | En Youtube.
Ilustración de Álex Rozados - Cúmprese o soño americano de Donald Trump e Joe Biden de que Europa pague pola súa propia defensa.
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon