Amosando publicacións coa etiqueta CUT. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CUT. Amosar todas as publicacións

luns, marzo 05, 2012

Convocada Folga Xeral para o 29 de Marzo: As centrais sindicais CGT, CIG, CNT e CUT presentaron a comunicación de Folga o pasado 2 de Marzo ante o rexistro xeral da Consellería de Traballo - Vídeo


A CGT, CIG CNT e CUT, facían entrega formal, o 2 de Marzo, no rexistro da Consellaría de Traballo, da convocatoria de Folga Xeral.

Os catro sindicatos chamaron a CCOO e UGT a sumarse, para dar unha resposta conxunta e frear a reforma laboral.



http://youtu.be/ZdZMpiFx6lI


Segundo explicou Suso Seixopretendemos así dar a imaxe de que aquí si existe unidade sindical. Outra cousa é que CCOO e UGT sigan na ambigüidade”. O secretario xeral da CIG fixo un chamamento a estas centrais sindicais para que se sumen, mantendo aberta a posibilidade de mudar a data, se iso vai favorecer unha máis ampla resposta á reforma laboral, que supón, dixo, “o maior ataque que se fixo á clase traballadora desde a transición”.

Seixo denunciou que o que se pretende coa reforma é non só precarizar o mercado laboral e pór man de obra barata a disposición das empresas, senón tamén deixar á clase traballadora nunha situación de total indefensión. Por iso, concluíu que “cantos máis sindicatos se sumen a esa convocatoria e canto maior sexa a resposta, moito máis doado será obrigar ao goberno a que retire a reforma laboral que é o noso obxectivo”.

Para o secretario xeral da CIG non se pode pretender “dulicificala”, porque do que se trata é de que o goberno “comece a facer políticas económicas en serio, a favor dos intereses da maioría social. Políticas que realmente contribúan a reactivar a economía porque iso é o que vai xerar emprego”. Cuestionou ademais que a reforma laboral vaia xerar emprego e afirmou que “hai datos abondo como para poder demostrar que iso non é así”.

Respecto da posibilidade de mudar a data se CCOO e UGT deciden finalmente convocala, asegurou que as catro organizacións sindicais coinciden en que estarían dispostas a facelo, para que a convocatoria fose conxunta, sempre e cando se trate de adiantala ou atrasala uns días. “O que non imos é a atrasar a folga para o mes de maio ou xuño, cando xa estea aprobado todo no Parlamento, tanto a reforma como os orzamentos”.

Nese sentido, explicou que a data de finais de marzo, en concreto o 29, decidiuse tendo en conta a dinámica do debate parlamentar. Por iso, afirmou “se atrasa moito no tempo, perdería a forza que ten nestes momentos”. Nese caso, informou, a CIG mantería a convocatoria do día 29 deste mes.

Seixo recoñeceu contactos con CCOO e UGT “desde o principio” e que a información extraoficial que ten a central sindical é que “teñen tomada a decisión de convocala para o día 29 de marzo. Parece que están agardando a reunir os seus organismos para tomar a decisión definitiva”.

Ricardo Castro, secretario xeral da CUT, pediu xenerosidade ás organizacións sindicais e afirmou que “agora é o momento de acumular forzas, de cara a crear un movemento de carácter social que impida que se impoñan estas reformas. É o momento da dignidade, de estar do lado da clase traballadora ou estar noutro lado”.

Pola súa banda, desde a CNT, Rita Giráldez denunciou que q reforma laboral cambia os piares do sistema de relacións laborais, rompe coa negociación colectiva e modifica substancialmente as condicións laborais, en función dos intereses do empresario.

Fonte: Avantar


Calendario da CIG na Comarca de Ferrol Terra para a convocatoria da Folga Xeral do 29M:

Ártabra 21: CIG informa do calendario comarcal de mobilizacións contra a reforma laboral, tanto en solitario como en compañía doutros sindicatos, até concluir na Folga Xeral do 29 de Marzo

* * *

Centrais Sindicais

Confederacións Internacionais

Outras centrais sindicais de interese
______________________

venres, xaneiro 28, 2011

A CUT estivo na Folga Xeral do 27 de Xaneiro de 2011

A CUT ESTIVO EN FOLGA O 27-X

Aínda que os medios de comunicación teñan a directriz de silenciar a realidade deste país, non haberá censura que impida saber que a CUT estivo presente as 24 horas de folga con determinación e traballo constante. Manifestámonos en Compostela, Coruña e Vigo, sendo esta última a manifestación máis númerosa con 1500 manifestantes.

A xornada de folga tivo un seguimento irregular motivado polos titubeos dunha parte da CIG e pola forte presenza policial, que tiñan a consigna de exercer a violencia para evitar o éxito dunha folga en clave de país. A represión foi tal que nas portas das nosas sedes, dende as 0:00 horas estaban as unidades da policía nacional facendo de piquetes antifolga. O resultado desta represión foi que disolveron os piquetes nocturnos de Vigo con violencia e oito compañeiros detidos postos en liberdade ao longo do día.

Dende a CUT agradecemos o esforzo da clase obreira galega que decidiu, con dignidade e conciencia de clase, non ceder ante a presión do capital e do estado español.

Fonte: cutgalicia.org
________________

mércores, xaneiro 19, 2011

A CUT chama á Folga Xeral para este 27 de Xaneiro

A CUT XA ESTÁ NA RÚA COA FOLGA XERAL

A CUT iniciou a súa campaña a prol da folga xeral convocada pola central maioritaria galega CIG. A pesares de, unha vez máis, non ter contado con nós para acumular forzas na folga do pobo traballador galego, non imos aforrar esforzos para que esta folga sexa un éxito e poidamos dar unha nova lección histórica sobre a irredutibilidade dos galegos e galegas; nós poñemos por diante os intereses da clase traballadora galega, non somos sectarios.

Dende a CUT sabemos que queda moito traballo por diante e chamamos novamente a esa acumulación de forzas para conseguir o obxectivo prioritario: o éxito da folga. Non pode haber dúbidas sobre a necesidade desta folga e a súa convocatoria, faise necesaria a mobilización con todos os colectivos e organizacións que estean na defensa dos traballadores e traballadoras; agardar por aqueles que viven nos despachos dos verdugos negociando a execución das nosas sentenzas de morte non é máis que complexo de inferioridade e complicidade con aqueles que nos condenan.

O 27 de xanerio, sen dúbida, a folga será unha nova demostración de forza e dignidade do pobo traballador galego.

CONTRA O CAPITAL, UNIDADE E LOITA SINDICAL!!

VIVA GALIZA CEIBE E PROLETARIA!!


A NECESIDADE DOUTRA FOLGA XERAL

Estamos inmersos nun ataque aos dereitos consolidados de traballadores e traballadoras sen precedentes, EREs, despidos gratuítos, reforma laboral, recortes nos servizos públicos e sociais e agora, o vindeiro ataque ás pensións, así o demostran, este ataque non rematou, dentro de pouco terá continuidade coa negociación que sobre convenios colectivos se comezará en breve e o copago sanitario que está tamén próximo.

Co pensionazo o que se pretende é que bancos, caixas e a patronal se apoderen dunha maior parte do negocio e teñan máis ganancias.

O sistema público de pensións, por moito que se fagan premonicións, non está en crise. Durante as últimas tres décadas as arcas da Seguridade Social non deixaron xamais de estar en superávit, en (2005.cando xa os preditólogos prevían unha diminución, foi de +0,67%), en todo este tempo, a pesares das previsións, foi e segue sendo positivo o ano 2009 houbo un superávit do +0,8%, O fondo para asegurar as pensións (Fondo de Reserva da Seguridade Social), pasou de 604 millóns de euros no ano 2000; a 60.022 millóns de euros no 2009.

O que está verdadeiramente en crise é o sistema privado, os plans de pensións privados reducíronse, no estado, nun 28% nos últimos anos. Como en todo proceso de privatización, o que se fai e debilitar o sistema público para impulsa o negocio privado.

En Galicia xa temos a pensión media máis baixa do estado, co recorte que suporá o pensionazo aínda se recortará máis, cos novos cálculos entre un 20% e un 25%.

Outros indicadores da situación na nosa nación fíxoos públicos o Instituto Galego de Estatística, neles reflíctese que o 9,5% dos fogares galegos chegaron con moita dificultade co fin de mes no último trimestre de 2010, o que supón un incremento en catro décimas con respecto ao trimestre anterior, mentres os fogares que declararon chegar con dificultade a fin de mes sitúase en case a metade, ao rexistrar un 43,3% do total.

A situación e abafante, a resposta non pode agardar, non podemos consentir que o goberno aprobe o proxecto para retrasar a idade de xubilación e para incrementar os anos de cómputo. É imprescindible responder a este novo ataque pero, tamén é necesario, acumular forzas para conseguir un cambio radical de modelo económico e social. Os gobernos son verdadeiros monicreques nas mans dos que verdadeiramente dan as ordes, o capital. Se non conseguimos dar unha estocada mortal a este sistema non cambiaremos nada.

A nosa forza está na unidade de acción e na convicción de que só coa mobilización cambiaremos realmente a correlación de forzas actuais. Este espazo de confrontación ten unha cita, o 27 de xaneiro. Demostrémoslle a todo o armazón capitalista a nosa forza e que non pararemos até rematar cos seus privilexios, privilexios fundamentados no noso empobrecemento e precariedade.

O 27 DE XANEIRO TODOS/AS Á FOLGA XERAL.

http://www.cutgalicia.org/
_____________________________________