mércores, xaneiro 19, 2011

A CUT chama á Folga Xeral para este 27 de Xaneiro

A CUT XA ESTÁ NA RÚA COA FOLGA XERAL

A CUT iniciou a súa campaña a prol da folga xeral convocada pola central maioritaria galega CIG. A pesares de, unha vez máis, non ter contado con nós para acumular forzas na folga do pobo traballador galego, non imos aforrar esforzos para que esta folga sexa un éxito e poidamos dar unha nova lección histórica sobre a irredutibilidade dos galegos e galegas; nós poñemos por diante os intereses da clase traballadora galega, non somos sectarios.

Dende a CUT sabemos que queda moito traballo por diante e chamamos novamente a esa acumulación de forzas para conseguir o obxectivo prioritario: o éxito da folga. Non pode haber dúbidas sobre a necesidade desta folga e a súa convocatoria, faise necesaria a mobilización con todos os colectivos e organizacións que estean na defensa dos traballadores e traballadoras; agardar por aqueles que viven nos despachos dos verdugos negociando a execución das nosas sentenzas de morte non é máis que complexo de inferioridade e complicidade con aqueles que nos condenan.

O 27 de xanerio, sen dúbida, a folga será unha nova demostración de forza e dignidade do pobo traballador galego.

CONTRA O CAPITAL, UNIDADE E LOITA SINDICAL!!

VIVA GALIZA CEIBE E PROLETARIA!!


A NECESIDADE DOUTRA FOLGA XERAL

Estamos inmersos nun ataque aos dereitos consolidados de traballadores e traballadoras sen precedentes, EREs, despidos gratuítos, reforma laboral, recortes nos servizos públicos e sociais e agora, o vindeiro ataque ás pensións, así o demostran, este ataque non rematou, dentro de pouco terá continuidade coa negociación que sobre convenios colectivos se comezará en breve e o copago sanitario que está tamén próximo.

Co pensionazo o que se pretende é que bancos, caixas e a patronal se apoderen dunha maior parte do negocio e teñan máis ganancias.

O sistema público de pensións, por moito que se fagan premonicións, non está en crise. Durante as últimas tres décadas as arcas da Seguridade Social non deixaron xamais de estar en superávit, en (2005.cando xa os preditólogos prevían unha diminución, foi de +0,67%), en todo este tempo, a pesares das previsións, foi e segue sendo positivo o ano 2009 houbo un superávit do +0,8%, O fondo para asegurar as pensións (Fondo de Reserva da Seguridade Social), pasou de 604 millóns de euros no ano 2000; a 60.022 millóns de euros no 2009.

O que está verdadeiramente en crise é o sistema privado, os plans de pensións privados reducíronse, no estado, nun 28% nos últimos anos. Como en todo proceso de privatización, o que se fai e debilitar o sistema público para impulsa o negocio privado.

En Galicia xa temos a pensión media máis baixa do estado, co recorte que suporá o pensionazo aínda se recortará máis, cos novos cálculos entre un 20% e un 25%.

Outros indicadores da situación na nosa nación fíxoos públicos o Instituto Galego de Estatística, neles reflíctese que o 9,5% dos fogares galegos chegaron con moita dificultade co fin de mes no último trimestre de 2010, o que supón un incremento en catro décimas con respecto ao trimestre anterior, mentres os fogares que declararon chegar con dificultade a fin de mes sitúase en case a metade, ao rexistrar un 43,3% do total.

A situación e abafante, a resposta non pode agardar, non podemos consentir que o goberno aprobe o proxecto para retrasar a idade de xubilación e para incrementar os anos de cómputo. É imprescindible responder a este novo ataque pero, tamén é necesario, acumular forzas para conseguir un cambio radical de modelo económico e social. Os gobernos son verdadeiros monicreques nas mans dos que verdadeiramente dan as ordes, o capital. Se non conseguimos dar unha estocada mortal a este sistema non cambiaremos nada.

A nosa forza está na unidade de acción e na convicción de que só coa mobilización cambiaremos realmente a correlación de forzas actuais. Este espazo de confrontación ten unha cita, o 27 de xaneiro. Demostrémoslle a todo o armazón capitalista a nosa forza e que non pararemos até rematar cos seus privilexios, privilexios fundamentados no noso empobrecemento e precariedade.

O 27 DE XANEIRO TODOS/AS Á FOLGA XERAL.

http://www.cutgalicia.org/
_____________________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon