OS SINDICATOS CALIFICAN DE “DESASTROSA“ A XUNTANZA DA MESA DE TRANSICIÓN XUSTA DAS PONTES DO PASADO DÍA 2 DE XUÑO.
Dende a Centrais Sindicais criticamos que na reunión da Mesa non se garantise o mantemento de emprego na industria auxiliar e a paralización dos traslados da empresa principal mais aló do 30 de xuño, compromiso conseguido anteriormente polas continuas mobilizacións realizadas e que agora xa está en cuestión.
Nesta xuntanza vimos e padecemos a confrontación entre MITECO, Xunta de Galiza e Endesa, no que se refire ao proxecto de biocombustibles. Neste sentido criticamos que despois de ano e medio con probas, e cando na reunión de xaneiro se quedara en concretar o proxecto en quince días, atopámonos cunha proposta presentada pola Xunta de Galiza, sorprendentemente a noite anterior á reunión deste día 2, onde se solicita unha prima de 30 €/megavatio/hora para facer viable o proxecto.
Os sindicatos consideramos de irresponsable a actitude da Administración Galega ante esta situación, que só busca na súa proposta poñerlle “deberes” ao Ministerio e a Endesa, sen asumir, como Goberno Galego ningún compromiso, nin sequera a presentación dunha proposta empresarial alternativa a Endesa que acepte levar a cabo a súa propia iniciativa sobre biocombustibles, e iso que se lle solicitou repetidas veces.
Tampouco podemos calar ante a postura do Ministerio (Miteco) e da propia Endesa que, alegando o trámite ordinario de impacto ambiental para o peche formal da Térmica, que prolonga os prazos da súa execución, se poñan de
“perfil” e non aporten ningunha solución, só o silencio, ante o inminente impacto que vai ter no emprego. Así non temos nin Transición Xusta nin se mantén a consigna de “non deixar ninguén atrás”. Con estas actitudes os efectos sobre o emprega van ser demoledores.
Ante esta situación estamos a ver como os traballadores/as están a ser abandonados, sen garantirlles alternativas, mais desta situación teranse que responsabilizar a Xunta de Galiza, Miteco e Endesa.
Dende as Centrais Sindicais esiximos medidas inmediatas que garantan unha Transición Xusta, que garantan o emprego durante o proceso administrativo que se agora vaise prolongar polas alegacións presentadas ao procedemento medioambiental por parte da Xunta de Galiza e da administración local.
Tamén esiximos que se deixen de anuncios e se concreten proxectos de futuro que sexan reais e que garanta a continuidade do emprego.
Demandamos, dende as Centrais Sindicais, a sinatura do Protocolo de Transición Xusta, para posteriormente formalizar o Convenio de Transición Xusta para As Pontes, pero unha vez máis atopámonos co enfrontamento Ministerio-Xunta, sobre cuestións de cogobernanza e formación, sen que ao final quedase claro tampouco se íamos a avanzar da creación deste instrumento para impulsar unha Transición Xusta.
Para nós, o tempo real remata o 30 de xuño, e a partir desa data estamos na maior das indefensións.
As Pontes, 3 de xuño de 2021.
CIG - CCOO - UGT
Enviado por:
ucferrol
ucferrol@galicia.ccoo.es
3 de junho de 2021 11:09
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon