O BNG xunto a Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, a Sociedade Cultural Medulio, o Ateneo Ferrolán, a Asociación Veciñal de Ferrol Vello e a Fundaçom Artábria presentamos un manifesto co fin de solicitar ao goberno local que conte co tecido asociativo da cidade á hora de definir os usos da casa natal de Carvalho Calero sen perder a perspectiva de que este proxecto de rehabilitación ten que ter como elemento vertebrador os usos de tipo culturais e a figura do profesor ferrolán.
Co obxectivo de continuar con esta iniciativa e dar a coñecer este manifesto o vindeiro venres 4 de xuño ás 18 horas na praza vella de Ferrol, imos celebrar un acto no que ademais de música intervirán representantes das entidades convocantes.
Queremos poñer este acto no teu coñecemento para que participes e te achegues ao mesmo.
MANIFESTO
As entidades Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, Sociedade Cultural Medulio, Ateneo Ferrolán, Asociación Veciñal de Ferrol Vello, Fundaçom Artábria e o BNG, diante da presentación do anteproxecto de rehabilitación da casa natal do escritor Ricardo Carvalho Calero polo concello de Ferrol, queremos facer saber o seguinte:
O pasado día 9 de abril, o goberno local presentaba o anteproxecto de actuación para a recuperación do ámbito no que se atopa a vivenda natal do escritor Ricardo Carvalho Calero, no barrio de Ferrol Vello. Entre as liñas mestras do anteproxecto destacáronse as seguintes:
1. Que é necesaria a rehabilitación para evitar que os espazos síganse degradando.
2. Que a proposta consiste en recuperar aspectos identificables da vivenda en base ao arquivo fotográfico do Concello.
3. Que os edificios convértanse nun “complexo cultural e de servizos” entre os que se podería incluír un espazo de usos múltiples, un co-working, a Casa Museo de Carvalho Calero ou incluso algún servizo municipal.
Unha vez coñecida esta noticia polos medios de comunicación, as entidades asinantes deste manifesto queremos facer as seguintes consideracións ao respecto das importantes deficiencias que presenta o anteproxecto:
1. En primeiro lugar, que, se ben compartimos có Concello a necesidade de rehabilitación destes cinco inmobles (e destacadamente a casa natal de Ricardo Carvalho Calero), consideramos que este anteproxecto obvia a magnitude da figura de Carvalho e as necesidades veciñais.
2. Non parece axeitado facer este tipo de rehabilitacións tan só como un puro proxecto urbanístico sen fundamentar. Non é lóxico que se propoña facer unha rehabilitación sen definir previamente un plan de usos para as instalacións.
3. A ausencia deste plan de usos evidénciase na falta de cohexión e coherencia interna do proxecto, propóñense os mais variados usos, sen que garden unha mínima relación entre eles (co-working, oficina do peregrino, museo, servicios municipais…) Isto supón a creación de espazos compartimentados, illados entre si. Esta falta dun plan xeral toma forma na propia linguaxe arquitectónica proposta para cada un dos 5 inmobles, sendo o resultado dunha grande heteroxeinade, cunha linguaxe diferenciada para cada unha das vivendas
4. Os usos previstos no anteproxectos son moi xenéricos, pouco realistas e inxustificados, o que denota de novo unha falta de estudo e de profundamento. No caso do co-working a súa creación podería ter algún sentido se houbese na cidade unha escaseza de locais e dun sector de emprendedores que estivesen a demandar este tipo de espazos. Se ben, isto non semella ser a realidade de Ferrol. Habería que engadir outros factores a considerar, como o auxe do teletraballo e a falta de
previsión dos servizos auxiliares que require un co-working. Por outro lado, a creación dunha oficina do peregrino semella inxustificada, tendo en conta que no porto xa existe unha na actualidade.
5. O proxecto non considera os valores asociados a casa natal de Ricardo Carvalho Calero, en tanto que esta representa o estreito vínculo de Carvalho con Ferrol, e a transcendencia daqueles anos de vida en Ferrol Vello á hora de conformar a persoa e ao autor. O proxecto deberá ser acorde coa magnitude da figura de Carvalho e có lugar de memoria no que se ten constituído a súa casa natal. Por tanto, a actual proposta non concorda có que debería ser o fío condutor do proxecto: a recuperación da memoria do escritor, sen caer na banalización ou en usos inapropiados para un espazo destas características.
6. Exposto todo o anterior, cremos que o anteproxecto presentado non se acomoda ás necesidades dos veciños e veciñas, nin por suposto, á dignificación da memoria de Ricardo Carvalho Calero..
Non nos querendo quedar nunha mera crítica ao proxecto, facemos tamén unha serie de propostas, que cremos, son imprescindibles a ter en conta neste anteproxecto.
1. Cómpre partir da base de que se debe abrir un diálogo directo coas entidades que levan décadas reivindicando a figura do escritor en xeral, e a rehabilitación destes espazos en particular; así como coa veciñanza. Este proceso non se pode facer ás súas costas.
2. O fío condutor debe ser Ricardo Carvalho Calero. O seu contributo de cara a cultura e lingua galegas é tan importante como para que o espazo dedicado a súa figura e legado se converta nun referente e un punto de interese a nivel de toda Galicia. A súa vez, a figura de Carvalho e as súas múltiples facetas permiten, dentro do que deben ser uns usos exclusivamente culturais, abranguer diferentes usos e perspectivas, articuladas entorno á memoria de Ricardo Carvalho Calero (a interpretación histórica e a memoria do barrio no que se criou e ao que fai referencia en moitas das súas obras: o estudo da lingüística, a literatura galega, a actividade teatral, os persoeiros da cidade cos que se relacionou ou que teñan feito unha achega importante á cultura galega... son algúns dos aspectos que poderían ser asimilados dentro da dedicación principal como espacio á memoria de Ricardo Carvalho Calero).
3. Consideramos que é necesario un proxecto que se integre na contorna de Ferrol Vello. Por iso, dentro dun uso cultural, é importante ter en conta as necesidades da súa veciñanza: Isto é solucionar a falta de instalacións onde as veciñas e veciños do barrio poidan desenvolver a súa programación cultural. Punto crucial para a dinamización e recuperación do barrio.
4. Consideramos que a rehabilitación da casa natal de Carvalho Calero, xunto coas outras catro vivendas, é crucial na rexeneración de Ferrol Vello. O proxecto ten moita potencialidade e pode dar resposta tanto ás necesidades veciñais, como ás expectativas daquelas asociacións que foron as principais valedoras da figura de Carvalho Calero. Á vez que se crea un espazo cultural entorno á memoria de Carvalho que podería ser un referente a nivel de toda Galicia. Por tanto, chamamos a que o Concello comprométase de verdade coa recuperación da casa natal de Ricardo Carvalho. Isto pasa por elaborar un auténtico plan de usos que se fundamente nas necesidades e demandas sociais.
O 30 de outubro de 2020 unha serie de entidades, entre as que se atopan Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, Fundaçom Artábria, Sociedade Cultural Medulio, Ateneo Ferrolán, Asociación Sociocultural Muíño do Vento, Rede do Patrimonio Cultural, Colectivo Literario Moraima e Cerna de Carvalho, presentamos unha proposta de solicitude para a declaración como BIC (Ben de interese cultural da Casa Natal de Ricardo Carvalho Calero). Nesta expóñense moitas destas liñas anteriormente citadas.
Ás entidades asinantes deste manifesto invitamos a outras entidades e á cidadanía en xeral a sumarse a esta proposta, que por suposto, sempre estará aberta a melloras e ideas que poidan redundar no que cremos que é un proxecto compartido por todas e todos: a recuperación da memoria de Ricardo Carvalho Calero.
Ferrol, a 25 de Abril de 2021.
Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
2 de junho de 2021 14:12
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon