xoves, xuño 03, 2021

O Secretario de Estado da Memoria Democrática, Fernando Martínez, comprométese coa A.C Memoria Histórica Democrática e a Executiva do PSdG-PSOE de Ferrol a declarar o Castelo de San Felipe símbolo da Memoria Histórica



O pasado mércores 2 xuño, tivo lugar un acto aberto da Agrupación Socialista de Ferrol que consistiu nunha conferencia-coloquio telemática, baixo o título: "Recuperando a Memoria Histórica" coa participación de Fernando Martínez López, Secretario de Estado de Memoria Democrática e Juan Andrés Perelló Rodríguez, Secretario de Xustiza e Liberdades da Executiva Federal do PSOE, presentados por Beatriz Sestayo Doce, Secretaria Xeral de Ferrol. Foi un acto aberto no que participaron diferentes persoas de organizacións da comarca entre as que estaba o presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, asociación que despois do acto emitiu un comunicado que a continuación transmitimos.


O Secretario de Estado da Memoria Democrática, Fernando Martínez, comprométese coa A.C Memoria Histórica Democrática e a Executiva do PSdG-PSOE de Ferrol a declarar o Castelo de San Felipe símbolo da Memoria Histórica.


Como Asociación, tivemos onte a oportunidade de participar, convidados pola Agrupación Socialista de Ferrol, nun concorrido encontro virtual, “Recuperando a Memoria Histórica”, no que Fernando Martínez, Secretario de Estado de Memoria Democrática e Juan Andrés Perelló, Secretario de Xustiza e Liberdades da Executiva Federal do PSOE, presentados por Beatriz Sestayo, Secretaria Xeral de Ferrol, fixeron unha interesantísima exposición da situación actual da Memoria Histórica e da importancia que a nova Lei de Memoria Democrática vai ter en todas as ordes, en canto á recuperación, reparación, pedagoxía e prevención para a non repetición de feitos que deixaron tráxica pegada na historia deste país e dos seus habitantes.

No coloquio, a nosa A.C. Memoria Histórica Democrática tivo oportunidade de lembrar dous temas para nós fundamentais: O Centro de Interpretación da Memoria, no Castelo de San Felipe, aprobado por acordo plenario do noso Concello en 2017, como espazo permanente de recordo e de exposición pedagóxica que o Concello deberá administrar e pór en valor, ao que ambos relatores manifestaron a súa consideración de que San Felipe ten que ser un dos lugares principais da Memoria e ofreceron a súa colaboración para a súa posta en marcha.

Outro tema que apuntamos foi a recuperación e dignificación dos Cemiterios no Norte de África (Túnes, Alxeria e Marrocos) onde descansan exiliados españois da Mariña Republicana, e as súas familias, entre os que se atopan numerosos ferroláns, considerando, nos casos que proceda, a exhumación e repatriación dos seus restos. Sobre isto comunicounos o Secretario de Estado a total disposición do Goberno de España para levalo a cabo, que é un tema no que xa están a traballar e en casos concretos o labor está moi adiantada.

A nosa satisfacción por este acto interesante e necesario e o noso agradecemento á Executiva Local Socialista.

Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática
http://www.memoriahistoricademocratica.org/
http://memoriahistoricademocratica.wordpress.com
en facebook: Memoria Historica Democratica
en twitter: Memoria Ferrol @memoriaferrol
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon