Ferrol, Eume e Ortegal acolleron este mércores unha xornada reivindicativa para esixir respostas e solucións urxentes por parte do goberno español e galego ante a gravísima crise económica, industrial e social que atravesan estas comarcas. No marco desta xornada desenvolvéronse tanto mobilizacións como unha intensa rolda de xuntanzas con diversos colectivos, que incluíu unha reunión cos partidos políticos "porque as solucións que necesitamos dependen de decisións políticas e de que haxa vontade política".
O secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal Anca, sinalou que a decisión de convocar os diferentes partidos políticos tomouse ante o "fracaso das xestións das alcaldías". E neste senso, considerou moi relevante "que na reunión desta tarde foramos capaces de desbaratar, sobre todo no caso do PP e do PSOE, ese discurso de botarse as culpas uns aos outros". Por iso, Grandal adiantou que nun prazo de 15-20 días, as centrais sindicais volverán convocar os partidos para "que rendan contas do que fixeron, porque non imos permitirlles entrar en debates que non nos solucionan nada".
O máis urxente: ter traballo
Abundando neste punto, o responsábel da CIG-Ferrol reiterou que o "máis urxente que precisamos é ter traballo. E esa demanda centrámola en cuestións moi concretas e básicas que dependen de decisións políticas que se poden tomar no próximo Consello da Xunta ou no próximo Consello de Ministros/as".
Entre esas reivindicacións urxentes, puxo o exemplo da necesidade de facer a transformación do buque Galicia nos estaleiros da ría de Ferrol, que se asine de inmediato o convenio de transición para As Pontes (pois é a única localidade do Estado afectada polo peche das centrais térmicas no que aínda non se puxo en marcha), que se traballe a serio para buscar o financiamento do dique de reparacións (que ademais é unha infraestrutura fundamental para garantir o futuro das instalacións), ou a gratuidade da AP-9 no tramo Ferrol-A Coruña.
"Todo isto son decisións políticas e así llo reiteramos durante a xuntanza. As forzas políticas terán que responder, porque desta crise sáese con máis investimentos públicos e nós temos claro que imos seguir mobilizándonos até que os gobernos atendan as nosas reivindicacións", concluíu.
Unhas comarcas representativas da crise que vive Galiza
Na mesma liña pronunciouse o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen participou na marcha a pé desta tarde que saíu do mercado de Caranza, ao cualificar de "intolerábel o menosprezo dos gobernos ás demandas destas comarcas”.
Unhas comarcas que, indicou, son representativas da crise industrial e social que padece Galiza, advertindo que, canto "máis tarden os gobernos en pór en marcha as medidas necesarias máis difícil será encarar unha saída”. Por iso Carril valorou que canto máis demoren en actuar os gobernos español e galego, "a pouca credibilidade que teñen irá máis en descenso”.
O secretario xeral da CIG reiterou a urxencia de atender “no inmediato” cada unha das reivindicacións que se trasladan dende as comarcas “porque o que está en xogo é a súa supervivencia”.
Mobilizacións do naval e nos concellos
A xornada reivindicativa deste mércores comezaba coas xuntanzas que as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT mantiveron con representantes das asociacións de hostalería na casa do Concello de Ferrol, á que lle seguiron encontros coas asociacións empresariais.
De xeito paralelo, traballadores e traballadoras do naval saían en manifestación sobre as 10:30h dende o estaleiro até a Praza de Armas para demandar carga de traballo inmediata que deteña a sangría de desemprego na industria auxiliar, que se potencien departamentos tan importantes como carenas, turbinas ou a eólica mariña e se consigne financiamento para construír o dique cuberto que estaba previsto no plan estratéxico de Navantia. Pois esta é unha infraestrutura imprescindíbel para garantir a continuidade produtiva das instalacións da ría de Ferrol.
Ao mediodía tocaba a quenda das concentracións cidadás diante dos distintos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Pola tarde, a rolda das xuntanzas proseguiu coas asociacións de comerciantes, praceiros e confrarías e a seguir tocou a quenda cos partidos políticos que forman parte das corporacións locais. Posteriormente houbo encontros coas entidades veciñais e culturais.
Ás 18h, a xornada reivindicativa volvía ás rúas nas dúas marchas que discorreron dende o Mercado de Caranza e a Praza da Gándara de Ferrol para rematar na Praza de Armas. Alí, os secretarios comarcais das tres organizacións sindicais fixeron unha valoración global do día e deron conta do abordado nas distintas xuntanzas.
Fonte: Avantar. | Ferrol - 14 Abr 2021
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
16 de abril de 2021 07:50
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon