O proxecto xornalístico non vería a luz se non fose polas persoas subscritoras que o fixeron posíbel no lanzamento e que día a día contribúen a manter unha cabeceira singular no panorama informativo. Aínda que son tempos difíciles, 'Nós Diario' quere ir a máis. Explicámosche os nosos motivos.
A realidade que ninguén conta... é a que conta. Un dos aspectos máis interesantes que nos fan chegar sobre os nosos primeiros 100 números é que somos os que contamos máis. Si, tendo uns medios limitados, somos das poucas voces críticas no panorama informativo galego. Queremos desenvolver novas liñas de investigación, mais iso implica ter máis recursos e para Nós Diario, os recursos proveñen da subscrición.
Emerxer a realidade galega
Moitas temáticas que trae á actualidade Nós Diario non están ben tratadas na maioría dos medios de comunicación galegos. De aí que busquemos un oco no panorama informativo con enfoques que teñen por norte que a realidade galega -magmática e plural- teña respiradoiros a través dos poros de papel das páxinas. Non só falamos de cuestións relacionadas coa educación ambiental, coa igualdade de xénero, cos dereitos laborais... tamén nos preocupa a capacidade de producir alimentos, de transformar materiais, de investigar, de innovar, de que as universidades galegas teñan un espazo para achegar na mellora das condicións de traballo dos galegos e galegas, sen necesidade de emigraren. A túa subscrición contribúe a colocar en primeira liña esas temáticas e a condicionar que outros medios tamén as teñan presentes.Un medio sostíbel
Nós Diario -na súa edición na web- publica a maioría dos contidos en aberto, porque a información crítica e en idioma galego non pode ficar fechada nun momento transcendental para o futuro da lingua. Precisamos atraer novos públicos para ela e non hai mellor escaparate que a web, mais este esforzo precisa da colaboración de todas e de todos nós. Se te subscribes á edición en papel ou a réplica para a lectura en liña, estás contribuíndo a agrandar o espazo informativo da lingua galega e a facelo con información centrada na Galiza e con calidade.12 + 1 cabeceiras editadas na Galiza
Pensamos que hai públicos para todos os gustos e que queren ler en formatos distintos, papel ou dixital. Sempre nos sorprendeu quen dicía que o papel non tiña sentido sen reparar que até a chegada de Nós Diario as 12 cabeceiras de prensa escrita editadas na Galiza (ás que hai que sumar máis editadas en Madrid) están redactadas en español, con espazos marxinais para a lingua galega. Iso si é sorprendente. Nacemos para corrixir unha anomalía no papel, e somos conscientes de que para chegar a máis públicos hai que comezar desde abaixo. Por iso ao subscribirte a Nós Diario contribúes a que no papel -e tamén no dixital- a presenza da información galega -en contidos e lingua- teña máis espazo e procuremos condicionar e mostrar o absurdo dun 12-0 ou dun 12-1.A información sempre a paga alguén
Manter unha axenda informativa galega é un esforzo colectivo, a comezar polo cadro de persoal de Nós Diario. Mais a información que les -en tinta ou en píxel- ten un prezo. Esta vocación de estar ao servizo dos intereses das galegas e dos galegos debe ser apoiada polas persoas subscritoras, que queren ver emerxer noticias que non están na axenda dos grandes bancos que son hoxe -na práctica- o soporte da inmensa maioría dos medios. A información non é gratis, alguén a financia, se ti non es, ten a certeza de que son as grandes empresas ou os Gobernos.Un 'bonus track': O semanario 'Sermos Galiza'
Subscribirse a Nós Diario tamén ten premio para as persoas subscritoras. En dúas semanas chegaremos ao número 400 do semanario Sermos Galiza, que nos acompaña desde 2012. Reformulámolo como un agasallo para a vista -e os sentidos-, para que fose unha revista que non se esgota nun día nin dous, mesmo para coleccionar. Onde a fotografía nas reportaxes ten un papel central e tamén a música, a literatura, o cinema, o teatro, a arte, etc... As manifestacións culturais non son cousa dun día, hai riqueza e variedade de opcións que deben ser mostradas. A túa subscrición contribúe a que a investigación de fondo, as reportaxes temáticas, a cultura no sentido máis amplo, saian reforzadas desta nova crise.Cen subscricións máis para celebrarmos os 100 números
Nós Diario saía á rúa no día de onte con esta ilustración de Pepe Barro, un dos máis recoñecidos grafistas da Galiza, autor do deseño do xornal para conmemorar os cen primeiros números desde aquel 'cero' presentado no mes de novembro de 2019 no marco do Culturgal, e tras o primeiro, que vira a luz o 2 de xaneiro de 2020. Unha celebración á que se sumará en poucas semanas a publicación Sermos Galiza, que fai 400 números e que acompaña cada sábado o diario.Fonte: https://www.nosdiario.gal/
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon