O pasado xoves, os sindicatos UGT e CCOO accederon á petición da patronal da construción de modificar o calendario laboral da provincia da Coruña, sacrificando os festivos de convenio en aras do "permiso retribuído recuperábel", eufemismo empregado polo executivo español para implantar a desregulación masiva da xornada a raíz da crise da Covid-19.
A Federación de Construción e Madeira da CIG negouse a renunciar ao calendario laboral de 2020 acordado en outubro, xa que foi asinado por todas as partes e asumido polas empresas. A central nacionalista defendeu unha alternativa máis beneficiosa para os traballadores e as traballadoras, de xeito que non asuman en exclusiva o custe dunha paralización da actividade da que non tiveron a culpa.
"A nosa proposta baséase na premisa de que non é o mesmo unha hora normal que unha hora extra ou festiva, e pasa por, previo acordo entre empresa e persoal obrigado a acollerse ao permiso retribuído, realizar un máximo de unha hora extraordinaria por día, compensando cada hora traballada por unha hora e media do permiso, e/ou traballar algún día non laboral -excepto 24 e 31 de decembro- ou de vacacións, caso no que a compensación sería de dúas horas recuperadas por cada hora traballada, até resolver o desaxuste da xornada causado polo goberno español", explica o secretario de Negociación Colectiva da FCM-CIG, Mario Maceiras.
Porén, a patronal APECCO negouse e aproveitou unha proposta de CCOO moito máis beneficiosa para os intereses empresariais, que implica renunciar a todos os festivos de convenio excepto o 24 e o 31 de decembro, días nos que o sector xa está practicamente paralizado. Finalmente UGT acabou por sumarse ao postulado de CCOO e da patronal, permitíndolles así acadar a maioría para asinar. Fronte a esta actuación, hai que subliñar que, en Pontevedra, estas organizacións si comparten a postura da CIG , que conta nesa provincia con ampla maioría no sector.
Decisión salomónica que non ten en conta as casuísticas do sector
Desde o punto de vista da FCM-CIG, "a nosa proposta non só era moito máis beneficiosa para o persoal do sector senón tamén máis acorde coas diversas casuísticas que se poden dar nas empresas, pois en moitas delas xa estaba preacordado como se efectuará -ou non- a devolución do permiso retribuído".
Tampouco se pode obviar, sinala Maceiras, que existen moitas empresas con crédito de horas extraordinarias pendentes de abono ou compensación en tempos de descanso, vacacións atrasadas, reducións de xornada, ERTEs, que xa traballaron o festivo de convenio do 13 de abril, etc. "E tamén debemos ter en conta a situación do persoal eventual que rematará pronto o contrato, así como das novas contratacións que se produzan". Coa proposta da CIG todas estas situacións podían encaixarse sen demasiada dificultade, sendo unicamente necesario un acordo da empresa co persoal sobre como facelo, igual que se fai coas vacacións.
En cambio, "a decisión salomónica adoptada" non ten en conta ningunha desas variábeis, "tratando a todo o persoal coma se gozaran por igual da integridade do permiso retribuído recuperábel, sen ningún matiz, e agora deberán devolvelo a conta dos seus festivos de convenio. Ademais, o novo persoal que se incorpore ás empresas seguramente acabará 'devolvendo' un permiso que xamais gozou".
A central nacionalista lamenta o acordo acadado e mesmo cuestiona a legalidade de substituír un calendario laboral en vigor por outro diferente sen contar cunha das organizacións asinantes do texto orixinal.
Fonte: Avantar.| Baixo Licenza Creative Commons.
Enviado por:
Inacio Caranza
-inaciogz@gmail.com-
04 de maio de 2020 18:30:10
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon