As orixes do Día da Patria Galega
O 25 de xullo, celebrámo-lo día do noso país, en palabras de Castelao: "a festa maor de Galiza, a festa de todol-os galegos".
As orixes desta celebración remóntanse ó 1920, ano no que as Irmandades da Fala organizan o primeiro Día de Galicia como acto de afirmación da nosa identidade colectiva.
Dende esta primeira convocatoria, as manifestacións organizadas para conmemora-lo Día de Galiza estiveron sempre condicionadas pola situación política de cada momento, aínda que sempre tiveron como eixo central a reivindicación dos nosos símbolos e a nosa identidade coma país.
Durante a longa noite de pedra, as sociedades galegas na emigración manteñen acesa esta convocatoria e, en Galiza, o galeguismo se concéntrase ó redor da tradicional misa por Rosalía na igrexa de Santo Domingo de Bonaval.
A finais da década dos 60, as organizacións nacionalistas comezan a convocar concentracións en Compostela o 25 de xullo. É no 1973 cando se empeza a utiliza-lo termo "Día da Patria Galega", denominación que pouco a pouco se vai consolidando e que se mantén na actualidade, aínda que tamén se segue utilizando a de Día de Galicia.
Dende a instauración da democracia e a promulgación do Estatuto de Autonomía, a práctica totalidade das organizacións políticas e unha boa parte das institucións públicas programan todo tipo de actividades para conmemoraren esta data. Ás declaracións institucionais da Xunta de Galicia e do Parlamento Galego; ós bandos municipais chamando ós veciños e veciñas a celebra-lo Día e a coloca-la bandeira galega o mesmo 25 de xullo en rúas e balcóns; ás conferencias, mitins e xornadas de confraternidade que preceden ou teñen lugar o propio 25, hai que suma-las manifestacións populares de carácter reivindicativo que ese mesmo día percorren as rúas de Compostela.
Noutro novo 25 de xullo , nós queremos , parafraseando ás Irmandades da Fala, "estreitar os lazos entre os galegos da metrópole e os que teñan residenza nas nosas numerosas colonias sen bandeira" e ser unha vía para amosarmos a nosa pertenza a un pobo con identidade de seu.
Fonte: Vieiros.
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon