xoves, outubro 29, 2020

Por que o diñeiro europeo da recuperación non pode financiar o gas - Desde fai meses o lobby europeo do gas está inmerso nunha batalla terríbel para coarse nos plans de transición ecolóxica e recuperación económica - Europarlamentarios españois poderían ser decisivos á hora de excluír este combustíbel do horizonte enerxético europeo


Por que o diñeiro europeo da recuperación non pode financiar o gas. | Europarlamentarios españois poderían ser decisivos á hora de excluír este combustible do horizonte energético europeo.

Por Samuel Martín-Sosa, Javier Andaluz Prieto e Nuria Blázquez [*]
29.10.2020


Desde fai meses o lobby europeo do gas está inmerso nunha batalla terríbel para coarse nos plans de transición ecolóxica e recuperación económica. As empresas gasistas reclámanse imprescindíbeis no novo escenario enerxético e climático e están sometendo a unha enorme presión a gobernos e parlamentos.

O Parlamento Europeo ten un voto importante e o que fagan os eurodiputados españois "e en particular o grupo socialista" é crucial, como será tamén crucial a posición do Goberno español no Consello Europeo.

Unha presión que provoca efecto

Aínda que a narrativa dominante a nivel europeo é a dun compromiso coa transición ecolóxica e coa loita climática, o certo é que existe unha pugna forte por parte dos intereses gasistas para coarse nesa foto verde enmarcada polo Pacto Verde Europeo. En parte esta-no conseguindo e xa hai un movemento de países e eurodiputados premendo a torto e a dereito para conseguir diferentes salvagardas para o gas.

Así se conseguiu que o Parlamento Europeo se sitúe a favor de que o Fondo de Transición Xusta, o diñeiro que debe apoiar a transición económica a actividades sostíbeis en, por exemplo, antigas zonas dedicadas ao carbón, se poida dedicar a proxectos de gas.

Pero o peor podería estar por vir. Estes intereses están intentando tamén que outros fondos europeos fundamentais de moita maior contía, como os fondos de desenvolvemento rexional (FEDER) ou os do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (RFF), a cabeza do león do tan cacarexado plan de recuperación europeo, sirvan para financiar proxectos de gas. En relación ao RFF, a sensata decisión da comisión de medio ambiente do Parlamento Europeo de establecer unha lista de exclusión que saque ao gas dos proxectos financiábeis, parece agora ameazada polo voto nas comisións de economía e orzamentos, que se producirá o próximo 9 de novembro. A UE dotouse dunha metodoloxía con base científica para decidir que investimento é, e que investimento non é, sostíbel. As presións da industria do gas están conseguindo que os eurodiputados se amosen susceptíbeis de debilitar esa ferramenta que por agora deixa fóra ao gas fósil.

A eurodiputada que lidera o dossier na comisión de orzamentos, a socialista Eider Gardiazabal, ten un enorme peso nas negociacións. O papel do grupo socialdemócrata xa foi clave nas negociacións co grupo de Renew, no que está integrado Cidadáns, para deixar ao gas fóra no voto na comisión de medio ambiente.

Por que o gas debe quedar fóra


Quenta o clima. Para empezar por unha razón obvia: o gas é un combustíbel fósil que debe quedar xunto ao carbón e o petróleo no subsolo si queremos cumprir cos esixentes prazos da descarbonización que marca a ciencia. Malia ter menos emisións que o carbón, segue sendo unha fonte moi importante de gases de efecto invernadoiro, sobre todo si incluímos as importantes emisións fuxitivas de metano que se producen no seu ciclo e das que cada vez alerta máis a comunidade científica. O metano, que ten un potencial de quecemento 87 veces superior ao do CO2 nos primeiros 20 anos de vida segundo o IPCC, é responsábel de aproximadamente o 25% do quecemento observado a día de hoxe.

Condena o noso futuro. Non é críbel a escusa de que será só un combustíbel transitorio durante uns anos, como intenta vendelo o sector: a vida media das infraestruturas de gas nas que se inviste hoxe é duns 30 anos para a plantas de xeración eléctrica e de 80 anos para os grandes gasodutos e as terminais de regasificación, segundo un estudo de E3G. Non podemos investir hoxe nunhas infraestruturas que teremos que abandonar mañá.

Máis pobreza enerxética. Investir nestas infraestruturas é moito máis caro que investir en renovábeis e o sobre custo pagara-no os usuarios do común nas súas facturas do gas. Nun país cuns cantos millóns de persoas en situación de pobreza enerxética e coa que vén, pode ser un drama social de importante calado. As enerxías renovábeis como a eólica e a solar fotovoltaica xa son a fonte máis barata de nova xeración de electricidade en moitos países (entre eles España), segundo datos de Bloomberg New Energy Finance, e a súa mellora nas baterías de almacenamento está tamén avanzando a un ritmo moi rápido. Investir en novo gas fósil podería converterse nun problema para os consumidores porque impediría un cambio máis rápido a alternativas máis limpas e máis baratas e, xa que logo, achega maiores custos de transición enerxética. A falta de planificación na construción de novas redes de distribución e novas caldeiras, podería provocar a súa substitución en poucos anos (si queremos cumprir cos obxectivos climáticos), moito antes do final da súa vida útil operativa e son as comunidades e os contribuíntes quen pagarán a factura dese sobrecusto.

O consumo de gas está caendo. Quen fan as estimacións do gas que imos necesitar son os operadores do transporte, é dicir, as mesmas empresas "como a española Enagas" ás que logo se lles encarga construír os gasodutos necesarios para facer fronte a esa pretendida demanda, o que a estas empresas lle supuxeron ingresar 4.000 millóns de euros en subsidios do orzamento público europeo desde 2013. Un negocio redondo, vaia. Estes operadores han sobreestimado sistematicamente as necesidades futuras de gas, como é obvio. Entre o 2015 e o 2019 a sobre estimación da demanda de gas foi de entre o 6 e o 17% respecto da demanda real.

Non fan falta infraestruturas novas. O sistema gasista en Europa é altamente resiliente sen necesidade de novas infraestruturas e podería facer fronte sen problemas a un ano de supostas perturbacións e cortes de abastecemento do gas ruso e alxerino, como demostrou un estudo de Artelys. Os propios escenarios da UE consideran que cumprir cos obxectivos climáticos de 2030 provocará unha caída na demanda de gas do 29%, o que converte en innecesarios practicamente todos os proxectos de infraestruturas de gas suscitados a día de hoxe.

Empregos de peor calidade. O sector do gas fósil non é intensivo en empregos e os que se xeran non son empregos locais nin de calidade. Os investimentos en enerxías renovábeis xeralmente crean máis postos de traballo que a industria do petróleo e o gas debido aos maiores requisitos laborais. A Axencia Internacional da Enerxía estima que mentres o sector do gas xera en fabricación e construción 3,5 empregos por cada millón de euros investidos, a solar fotovoltaica xera 8,5 e o sector da eficiencia enerxética xera 12 [1].

O gas fósil non é a forma máis eficiente de quentarse
. Aínda que o gas é aínda fundamental para a calefacción de millóns de fogares, esta situación vai cambiar moi rapidamente coa transición enerxética. A diversidade de medidas que serán necesarias nesta transición provoca a necesidade de abordar distintas solucións para as distintas necesidades enerxéticas. Entre elas, por exemplo, as bombas de calor poden aproveitar a enerxía térmica do aire ambiente e, polo tanto, poden superar o 100% de eficiencia, situándose en torno ao 285%, mentres que as mellores caldeiras de gas poden chegar ao 95%, segundo un estudo de Frontier Economics.

Non hai escusas

Sobran os argumentos para non ceder ante as presións da industria gasista. Pero quizais o argumento principal e ineludíbel é que non temos outra opción que abandonar o gas fósil. Con combustíbeis fósiles non haberá futuro. Non se trata de algo negociábel nin moito menos aprazábel. O diñeiro que vai poñer Europa na recuperación non ten precedentes. Si hai unha oportunidade de financiar algo parecido a unha transición ecolóxica é esta. Por iso nin os gobernos europeos nin os eurodeputados poden equivocarse agora: a súa decisión marcará o futuro.

Publicado en ElDiario.es | 29.10.2020

[*] Ecoloxistas en Acción.
_______

Foto: Álvaro Ballesteros | Gaseiro atracando en Punta Promontoiro na regasificadora de Mugardos (Reganosa), na ría de Ferrol (abril 2017).

[1] IEA, empregos de construción e fabricación creados por millón de dólares de investimento de capital no Plan de recuperación sostíbel, IEA, París. | Ir á Web.
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon