luns, novembro 23, 2020

Manifesto ante a condena da avogada Beatriz Sestayo, por unha xustiza libre de prexuízos machistas e igualitaria - Enlace ao formulario de apoio

 


As organizacións, colectivos, e persoas a título individual, abaixo asinantes, queren expresar mediante este comunicado público as seguintes reflexións e pronunciamentos:

Seguimos asistindo a unha actuación claramente aliñada cos presupostos machistas e misóxinos, por parte de algúns xuíces e xuízas, que non dubidan en aplicar o SAP (Síndrome de Aliñación Parental), ou ditar sentenzas baseadas en argumentos de estereotipos de xénero, aplicando a terapia da ameaza ou simplemente partir do prexuízo de que o relato da vítima, por ser muller, non é críbel.

As profesionais que asumen a defensa das vítimas de violencia machista, son á súa vez vítimas en demasiadas ocasións destas actitudes, que intentan acoutar a liberdade no exercicio da súa profesión, criminalizando a defensa das vítimas. Vímolo nalgúns casos mediáticos, e pasa invisible en moitos xulgados. Estas profesionais son de vital importancia tanto como defensoras ou peritos en procedementos, como no seu papel de apoio moral ás vítimas. Esta estratexia ten como obxectivo dificultar ás vítimas o acceso a uns servizos de psicoloxía, avogacía, cada vez máis escasos e nos cales as profesionais traballan con preocupación por posibles efectos adversos, polo tanto condicionadas e con frecuencia con temor, poñéndose en risco a imprescindible independencia profesional.

As consecuencias de certas actitudes persoais contrarias ao Dereito, que teñen nos procedementos de violencia machista, e a escasa formación que se lles require ás persoas que operan na xustiza, xuíces e xuízas incluídas, producen vitimización e violencia institucional. Ista é unha das principais razóns de retiradas de denuncias por parte das vítimas.

Nesta última semana, a condena da avogada Beatriz Sestayo por cualificar, nunha rede social, a actitude dun xuíz como "machista", cun importante eco mediático, onde se vinculaba a súa vida persoal e social, co feito de ser denunciada por este xuíz, é un caso máis a engadir á longa lista de actuacións, que o bloque machista e misóxino, que aínda resiste nalgúns xulgados, ven executando, com efectos claramente lesivos contra os dereitos das mulleres e o dereito á defensa. Resulta especialmente grave o feito de incluír argumentos subxectivos na sentenza, valorando a palabra machismo como un insulto, ou que sería un agravante o feito de que a denunciada teña unha actividade política e feminista.

Precisamos unha xustiza libre de prexuízos machistas e igualitaria, con xuíces e xuízas libres de prexuízos e de estereotipos, cos medios necesarios para que podan impartir a única que pode considerarse xustiza para as mulleres, a xustiza libre de machismo.

Apoia o manifesto
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon