Este domingo 8 de novembro de 2020, procedente de Malabo (Guinea Ecuatorial), arribou a Ferrol o buque gaseiro "Maran Gas Efessos". Atracou pasadas as 8 da mañá na regasificadora de Mugardos, en Punta Promontoiro, para descargar o GNL no despropósito gasista de Reganosa, aumentando de xeito exponencial a xa de por si perigosidade da Planta de Gas, localizada no interior da Ría de Ferrol. Un buque gaseiro construído en 2014 e navegando baixo a bandeira de Grecia, con case 90 mil toneladas de gas natural licuado, para a perigosa e ilegal Reganosa. Un buque de grande porte con 294 metros de eslora, por 44 de manga e un calado de 11,2 metros. Mentres se produza a descarga, perante 24 horas, aumentará de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a Planta de Gas, instalada no corazón da nosa Ría. Un potencial perigo, para todas as miles de persoas que moramos na súa contorna.
Accidentes
Os accidentes ocorren, é por iso polo que hai que tomar medidas de prevención e unha delas é a da localización da industria nunha zona que en caso de accidente o dano que se puidera causar sexa o máis próximo a nulo.
En Italia, a planta de 'Icmesa Chemical Company' en Seveso, unha poboación duns 17.000 habitantes próxima a Milán, dedicábase á produción de herbicidas e pesticidas. A produción aumentara de xeito significativo nos últimos anos, xa que se pecharan algunhas plantas noutros países debido a problemas de seguridade cos produtos que se utilizaban. O 10 de xullo de 1976, unha explosión sacudiu a planta química (ICMESA) situada fóra do pobo e provocou unha nube de po ao aire, onde se mantivo esparexéndose e deitándose sobre as casas e a terra. En poucas horas, a vexetación da inmediacións das instalacións empezou a volverse amarela. As follas das plantas e as árbores se enrolaron e machucaron e os animais pequenos comezaron a morrer. As nenas e nenos do lugar comezaron a desenvolver chagas en brazos e pernas, manchas vermellas e erupcións na cara e febre. As dioxinas, apenas empezaba a facer efecto. O veleno perdurou por tempo afectando á poboación, animais e a terra. A raíz do sucedido en Seveso comezou-se a lexislar en Europa, na prevención dos riscos industriais chamando-lles ás directivas co nome de Seveso (I, II e II) [1], directivas que se trasladaron ás diferentes lexislación dos estados membros, son lexislación medioambiental que toda industria ten que cumprir [2 e 3], Reganosa está condenada polo Tribunal Supremo, en sentenzas firmes, por nom cumprir a lexislación medio ambiental. Ate tal punto se chegou que o goberno do Partido Popular, presidido por Mariano Rajoy Brey, en Acordo do Consello de Ministros de 27 de maio de 2016, aprobou unha resolución que declaraba excluída a Reganosa do trámite de avaliación de impacto ambiental, resolución que foi anulada en Sentenza firme do Tribunal Supremo en xullo de 2019.
Distancia e localización
Reganosa incumpre o artigo 4 do Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas. ... "En todo caso, as industrias fabrís que deban ser consideradas como perigosas, insalubres ou nocivas, só poderán emprazase, como regra xeral, a unha distancia superior a 2.000 metros, a contar do núcleo máis próximo de poboación agrupada". [4 , 5 e 6] Sobran palabras, para todas as persoas que viven na contorna da Ría de Ferrol e para quen non a coñeza pode-se achegar con múltiples aplicacións das que hoxe se dispoñen [Localización de Reganosa na Ría de Ferrol].
Cinco Sentenzas do Tribunal Supremo
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, segue denunciando unha vez máis a unha planta de gas que non só pon en perigo as nosas vidas e contribúe ao deterioro da Ría, senón que foi construída ao amparo da corrupción económica e política. Confirmado por cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra do despropósito gasista de Reganosa, e está última ditada en xullo do pasado ano, onde tumba a resolución do anterior Goberno Español de Mariano Rajoy, dun partido corrupto até o espiñazo, que eximiu a Reganosa de ter que someter-se a avaliación ambiental, intentando chulear deste xeito as sentenzas condenatorias que declaran ilegal, á perigosa planta regasificadora.
A sentenza núm. 1075/2019 do Tribunal Supremo, de 16 de xullo de 2019, anulou o Acordo do Consello de Ministros de 27 de maio de 2016 polo que se declaraban excluídos do trámite de avaliación de impacto ambiental aos proxectos da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos [Sentenza].
Apoios políticos, económico e mediáticos
A pesares de se demostrar a ilegalidade e a mentira coa que se construíu a planta de Reganosa, esta segue contando cos apoios económicos, políticos e mediáticos que fan que poda funcionar sen os permisos e licenzas necesarios, mesmo sen o permiso de construción, prolongando-se no tempo esta provisionalidade, mais sen perder tempo nunha campaña mediática e política, de busca de apoios institucionais, intentando facer ver o "imprescindíbel da planta regasificadora", para unha comarca en crise permanente. Un despropósito que se apoia nas miserias que nos fan padecer nunha comarca en declive industrial e socioeconómico, para que admitamos o "inevitábel deterioro da nosa Ría", a corrupción e o potencial perigo de vivir con unha enorme planta de gas coa potencial capacidade explosiva de varias bombas atómicas como as que se lanzaron en Hiroshima e Nagasaki.
Notas.-
[1] En Europa, o catastrófico accidente na cidade italiana de Seveso en 1976 provocou a adopción dunha lexislación sobre prevención e control destes accidentes. A chamada Directiva Seveso (Directiva 82/501 / CEE) foi modificada posteriormente tendo en conta as leccións aprendidas de accidentes posteriores como Bhopal, Toulouse ou Enschede resultando en Seveso-II (Directiva 96/82 / CE). En 2012 adoptouse Seveso-III (Directiva 2012/18 / UE) tendo en conta, entre outros, os cambios na lexislación da Unión sobre clasificación de produtos químicos e o aumento dos dereitos dos cidadáns a acceder á información e á xustiza. A Directiva aplícase a máis de 12.000 establecementos industriais da Unión Europea onde se utilizan ou almacenan substancias perigosas en grandes cantidades, principalmente na industria química e petroquímica, así como nos sectores de venda polo miúdo e almacenamento de combustibles (incluídos GLP e GNL).
[2] Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental. Última actualización o 24 de xuño de 2020. | Ir ao BOE.
[3] Real Decreto 840/2015, de 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan sustancias perigosas. | Última actualización o 20 de outubro de 2015. | Ir ao BOE.
[4] Decreto 2414/1961, de 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas. (Artigo 4) | Ir ao BOE.
[5] Fundamento 1 dos Fundamentos e razóns que invalidan técnica e legalmente o asentamento da planta de Gas Natural Licuado (GNL-LNG) que REGANOSA ten no corazón da Ría de Ferrol, en Punta Promontorio - Mugardos - Galiza. Elaborados polo Colectivo Universitario: Cidadáns Aliados para Protexer o seu Contorno >>> f-cape.org. | Ir á Web.
[6] De conformidade co establecido no artigo 67.2, a da Lei 34/1998, de 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, a REGANOSA, deberá acreditar de novo o adecuado cumprimento das condicións técnicas e de seguridade das instalacións, e que se concretan entre outros aspectos, no novo réxime contido no Real Decreto 840/2015, de 21 de setembro, polo que se aproban as Medidas de Control dos Riscos Inherentes aos Accidentes Graves nos que Interveñan Sustancias Perigosas e sobre todo, respecto de: i. As políticas de prevención de accidentes graves (artigo 8); ii. Efecto Dominou (artigo 9); iii) Informe de Seguridade (Artigo 10), e iv) Un Plan de Emerxencia elaborado de conformidade coa Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves nos que interveñen sustancias perigosas, aprobada por Real Decreto 1196/2003, de 19 de setembro.
---
Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.
O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA
NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E
ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc
_______________
1 comentarios so far
Seguide mentido, que se vos da ben. Saúdos
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon