xoves, xaneiro 28, 2021

Agamme ante o Proxecto de Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e a Adolescencia Fronte á Violencia - Contribución ao documento de emendas


AGAMME ANTE O PROXECTO DE LEI ORGÁNICA DE PROTECCIÓN INTEGRAL Á INFANCIA E A ADOLESCENCIA FRONTE Á VIOLENCIA

Axuntamos o documento

COMENTARIOS E EMENDAS AO DOCUMENTO DE EMENDAS AO PROXECTO DE LEI ORGÁNICA DE PROTECCIÓN INTEGRAL Á INFANCIA E A ADOLESCENCIA FRONTE Á VIOLENCIA, PRESENTADO CONXUNTAMENTE POR PSOE-UP

que remitimos esta mañá aos grupos parlamentarios no Congreso dos Deputados relativa ao proceso lexislativo por medio do cal se debate a redacción de dita lei.

No escrito, AGAMME chama a atención sobre o escaso interese dos partidos que conforman o goberno para establecer un debate sobre algúns aspectos moi relevantes que os colectivos de defensa dos dereitos da infancia e de loita contra a violencia de xénero levamos reclamando dende hai anos.

En concreto, fai fincapé na necesidade de mellorar as condicións nas que se realiza a recollida do testemuño infantil, respondendo ás obrigas que impoñen as Directivas Europeas ao respecto.

Sinálase ao mesmo tempo a necesidade de erradicar a práctica da suposta síndrome de alienación parental, para o cal o parágrafo que os grupos parlamentarios propoñen no documento de emendas é absolutamente insuficiente.

Pedimos ademais que, coa fin de facer realmente efectivas as medidas para a erradicación da suposta síndrome de alienación parental do sistema xudicial, se establezan responsabilidades civís e penais daqueles profesionais que fagan uso da mesma e que se prohiban as accións que teñan como obxectivo a revinculación forzada de nenos, nenas e adolescentes con proxenitores cara aos que presenten rexeitamento.

No escrito que AGAMME dirixe aos grupos parlamentarios realízase unha forte crítica de que a modificación do domicilio habitual do neno e da nena dependa do consentimento de ambos proxenitores, dado que suporía un contexto de vulnerabilidade para as vítimas. Ao mesmo tempo consideramos grave que o incumprimento deste principio poida ser cualificado penalmente como subtracción de menores, tal e como propón o Proxecto de Lei.

No escrito remitido aos grupos parlamentarios proponse regular que tan só poidan realizar labores de mediación profesionais acreditados a tal fin por parte da autoridade competente en materia de xustiza, coa fin de evitar que poidan actuar outros profesionais ou figuras que carecen de regulación normativa.

Por último, AGAMME advirte do perigo de que se inclúan na definición de situación de risco conceptos como "conflito familiar" ou situacións de violencia de xénero, pois aumenta a vulnerabilidade das vítimas.

28 de xaneiro de 2021

Coordinador: Víctor M. López Casal.
Secretaria: Estrela Gómez Viñas.

✔ Documento de Emendas e Comentarios de Agamme ao Proxecto de Lei. | Acceder/Baixar.

✔ Enlace ao debate do Proxecto de Lei no portal web do Congreso dos Deputados. | Ir á Web.



Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
28 de janeiro de 2021

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon