Por Iolanda Teijeiro Rei [*]
28.01.2021
CORONAVIRUS: OS MERCACHIFRES DO MEDO
A case un ano de pandemia ou como di unha amiga, plandemia, abafamos cos mercachifres do enredo. Atrapados entre a coartada do mal menor (non o da socialdemocracia cando a Guerra Fría, da que nos fala Peter Sloterdijk en Las epidemias políticas, senón do mal menor do neoliberalismo atroz) e a saída perversa, esa hostilidade cara a aqueles que poderían ser os meus pares e non cara os meus superiores, da que nos fala Francisco Sampedro en Setenta ideas para a (pos)pandemia. Padecemos dunha afaxia social, un dano estrutural resultante dun accidente colapsovascular debido á obstrución dun virus da economía da globalización que nos suspende a capacidade crítica e nos aboca a unha pulsión de repetición.
Nesa disxuntiva polar entre saída perversa do fascismo e mal menor do neoliberalismo selvaxe levamos enredados desde a caída do muro de Berlín. Ese segredo a voces da pandemia non fixo máis que desenbafar o espello no que nos miramos. Tanto é así que no mundo da pandemia a autocensura lévanos a tal grao de sumisión que serve de abono a unha especie de dictadura sen fascismo onde a autotitulada esquerda reclama obediencia cega á xestión neoliberal, tan selvaxe que esperta na povoación máis danada o alimento do fascio: a desesperación das masas. Se Tajani presidindo o Parlamento europeo ousou louvar a Mussolini, o actual Sassoli mestura migración, cambio climático e revolución dixital como quen emite sons de chifres coidando que calquera pito fai melodía e facendo oídos xordos á posibilidade dun colapso enerxético e ambiental. E se en España Vox parasita os corpos abandonados por aquel Estado que se chamou do Benestar e hoxe se chama precariado perpetuo, en Portugal a socialista apoiada por ecoloxistas, Ana Gomes, veu de sobardar por moi pouco ao ultradereitista André Ventura. Porque se a privatización da Sanidade e os Servizos sociais xunto á precarización extrema no laboral multiplicaron a mortandade dun virus que só a globalización económica fixo pandémico, teremos que construir outra normalidade que non pase por sacrificar á clase traballadora e o resto de seres e ecosistemas planetarios.
Mais os mercachifres do enredo son cobizosos demais para repartir a riqueza e evitar o colapso social. Teñen todos os medios ao seu dispor. Non, non son aqueles mercachifres de Lima que tras a conquista de Perú vendían teas e sementes nas prazas principais sen se acoller ás regras do comercio imperial. Aqueles mercachifres eran pobres locais ou inmigrantes que facían venda ambulante camiñando longas distancias para gañarse o pan. No século XVIII, os mercachifres eran o precariado do comercio por iso se saltaban as leis dos Don Celedonios (aquel tendeiro avarento de Risco en O porco de pé). Era tal a miseria dos mercachifres de antano que Ernesto Saguier di na súa Genealogía de la Tragedia Argentina, que estavan incluso por baixo dos que rexentavan pulperías na pirámide mercantil e en ocasións eran o antecedente dun futuro tendeiro ou un polbeiro.
Aqueles mercachifres do pasado eran como os manteiros dos nosos tempos. Vendían a quen non podían permitirse o comercio legal e non sempre eran chilindrainas de escaso valor senón que moitas veces eran artesanías, esas que foron tamén apropiadas polo Capital para encher o planeta de bazares das grandes cadeas do plastico e a explotación estrutural (léase A Caverna de Saramago). Anque existen outros manteiros ascendidos a falsos autónomos que esparexen as mercadorías dun lado ao outro do mundo para enriquecemento de D. Amazon.
Os comerciantes minoristas eran chacoteados como figuras de sainete ao igual que a pranchadora ou o español anarquista e así chegou a nós a verba mercachifre en sentido despectivo. Porque o mellor dos povos é malversado polo poder para voltarllelo sempre en feitío ridículo e de refugallo.
Tamén en Ferrol tivemos vendedoras ambulantes como Marcela Seco do Cantón, que vendía estraperlo dos comercios que pechavan e traíao de lonxe carregandoo na cabeza para revendelo xunto coa quincalla e os xoguetes na praza. As mulleres traballadoras sempre termando do mundo nas súas cabezas. Amais Marcela sabía ler e escrevíalle cartas á xente cobrándolle segundo as súas posibilidades. Algo que nunca faría un mercachifre moderno.
Hoxe os mercachifres son dunha outra catadura. Traballan xuntos, sen sabelo, os ananos de Ferreiro cos mercantilistas criminosos da gran banca mundial. O comercio dos manteiros xa sustituiu a artesanía local pola marca pirata fabricada pola mesma man de obra escrava que o comercio legal. E os migrantes do top manta portan hualí, esa alegría medoñenta que nin o acoso policial é quen de matar.
En fin, ao abeiro da pandemia os mercachifres das finanzas asubían o mesmiño que o chifre dos capadores que ían de aldea en aldea anunciando a porcos e donos a súa chegada. Anque os D. Celidonios saben de certo que non toda a vida ficarán de pé tras a matanza.
[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.
Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
27 de janeiro de 2021 22:33
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon