INFORME ADEGA: “5 VERDADES E 5 MENTIRAS SOBRE ALCOA. NA PROCURA DUNHA SOLUCIÓN INTEGRAL PARA A MARIÑA”
Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) pensamos que o debate público e social xerado tras ameaza de despedimento de 534 postos de traballo da factoría de Alcoa en San Cibrao, e doutros 300 empregos de empresas auxiliares, debe enfocarse na procura dunha solución integral para o futuro da Mariña lucense que transcenda o obxectivo de salvar a Alcoa ou o sistema actual de produción de aluminio. A decisión da multinacional de pechar a súa factoría de San Cibrao está tomada, malia que a luz eléctrica se lle outorgase de balde, polo que xa é hora de virar o debate público na busca dunha alternativa para a Mariña alén de Alcoa.
Neste contexto, ADEGA vén de elaborar o Informe “5 Verdades e 5 mentiras sobre Alcoa. Na procura dunha solución integral para a Mariña” co que pretende introducir no debate algunhas cuestións que considera necesarias para analizar desde unha perspectiva máis xusta e integral a problemática ou que precisan ser matizadas, desde o seu punto de vista.
5 VERDADES SOBRE ALCOA
1. “Os traballadores/as de Alcoa non deben pagar os custes da actual situación”.
Os 800 traballadores/as, entre o plantel de Alcoa e das empresas auxiliares, cuxo futuro se atopa ameazado, non deben pagar as consecuencias do peche da factoría, en particular, e dun modelo industrial frustrado, en xeral. De xeito inmediato, as administracións públicas, autonómica e estatal, deben poñer enriba da mesa unha solución para resolver a inxusta situación que atravesan os traballadores de Alcoa. Neste sentido, vemos que o Estado tería unha oportunidade clara de contribuír á resolución do conflito destinando ao mantemento deses postos de traballo parte dos fondos procedentes da UE para mitigar os efectos da pandemia no emprego e na economía, mais non para favorecer o sector electrointensivo, como propón a Xunta, senón para reactivar unha economía máis sustentable.
En ningún caso, a solución á actual problemática actual debería pasar pola condonación da débeda ecolóxica de Alcoa, o reforzamento do sector electrointensivo ou a venda de activos en falso que non garanten o mantemento dos postos de traballo nin a reparación ecolóxica (véxase a actual situación das antigas factorías de Alcoa na Coruña e Avilés, que volven reclamar a intervención Estado).
Así pois, a medio e longo prazo, ADEGA insta á Xunta e a todas as institucións e forzas galegas a abandonar as actuais propostas de reforzo dos sectores electrointensivos (necesariamente intensivos en impactos ambientais e emisións contaminantes) para pór sobre a mesa o desenvolvemento dun novo modelo industrial e económico máis sustentable, diversificado, que deixe beneficio na sociedade e para o que poidamos esixir o financiamento polo Estado e a Unión Europea.
2. “Alcoa debe pagar a súa débeda ecolóxica antes de marchar”.
O complexo de San Cibrao é dos complexos químico-industriais máis contaminantes de Galiza e dos que maior pegada teñen sobre o clima polas emisións e os enormes consumos de enerxía que demanda. Consume máis de 3.700 GWh/ano de electricidade, o que equivale aproximadamente ao 20% parte de todo o consumo eléctrico de Galiza, ao 65% do consumo eléctrico da provincia de Lugo, e ao total do consumo eléctrico das sete principais cidades galegas. Agora, perante a desaparición da súa principal fonte de enerxía, a central térmica das Pontes, e no marco da transición cara a unha economía descarbonizada, as necesidades enerxéticas de Alcoa terán que ser satisfeitas a partir de enerxías renovables, o cal volvería a condicionar por completo o deseño do futuro sistema enerxético galego e español. Cantos montes, chairas e vales máis teríamos que ocupar con parques eólicos e centrais hidroeléctricas para satisfacer o consumo inxente de enerxía de Alcoa?
Por tanto, a factoría de Alcoa en San Cibrao, indirectamente, sería responsable de parte do impacto ambiental xerado pola térmica máis contaminante do Estado español. Pero tamén, no seu proceso de fabricación de alúmina e aluminio, emite os seus propios compostos gasosos á atmosfera con efectos perniciosos sobre a saúde ambiental e humana, sendo unha das 5 industrias asentadas en Galiza que máis emite dióxido de carbono (1.098.000 t CO2), entre outros contaminantes: CO 31.000 t; SOx 3.740 t; NOx 165 t; HF (fluoruros) 114 t. e 177 t de partículas PM10, segundo o rexistro estatal PRTR1. Só na fabricación de aluminio emite á atmosfera: CO2 419000 t; CO 20.600 t, NOx 207 t, SO2 3.630 t, PFC 1,3 t; Ni 130 kg.; Fluor 111 t , PM 10 232 t.
Cabe lembrar que desde hai varios anos as estacións de control da contaminación atmosférica da Xunta situadas na contorna de Alcoa non son operativas, sendo substituídas por outra estación controlada pola propia empresa.
Alcoa recoñece na documentación presentada na Xunta para a renovación da súa autorización ambiental integrada (AAI) que supera os límites de emisión para o flúor e as partículas por factores moi altos (máximo de x20 e x14, respectivamente). Estas poden crear doenzas no gando e na saúde das persoas que viven próximas á planta a través da auga, ou do consumo de alimentos. En 2006, un estudo realizado por encargo dos veciños e coa colaboración de ADEGA, revelaba a contaminación por flúor acadaba os 3 quilómetros de radio arredor de Alcoa e que, neste radio, no era seguro beber auga dos pozos sen realizar análises periódicas.
O ano pasado, demostrando un absoluto desprezo pola normativa vixente, Alcoa solicitoulle á Xunta que lle concedese unha nova excepción para superar os valores legais de emisións contaminantes actualmente en vigor, ameazando con posibles despidos se non o facía.
O complexo de alúmina-aluminio tamén exerce unha presión importante sobre o recurso auga. Consume ao ano 6 millóns de m3 de auga que capta do río Cobo, o equivalente ao 15% do consumo anual de auga de todos os fogares galegos. Paralelamente, emite cada ano uns 7,5 millóns de m3 de
efluentes que van parar ao mar, ademais dos frecuentes vertidos que se coan a través das filtracións da balsa de lodos vermellos, o grande pasivo ambiental de Alcoa, cuxo futuro aínda é incerto.
3. “A balsa de lodos non cumpre cos parámetros ambientais e de seguridade”.
De cada 4 toneladas de bauxita utilizadas por Alcoa como materia prima para a elaboración de alúmina-aluminio, 3 convértense en residuos sen tratar que van parar á balsa de lodos vermellos de San Cibrao dunha superficie de 73 Ha e nunha cota elevada de 100 m fronte o mar. Prevese que o depósito, cando estea cheo, acade un volume de lodos de 41,26 Hm3.
Nun recente comunicado, a empresa aseguraba que a balsa de lodos vermellos cumpre coa lexislación vixente de responsabilidade ambiental e descarta calquera posibilidade de rotura do dique ou de que a balsa fique abandonada tras a súa saturación, prevista para 2025. Afirma que o peche da balsa se fará acorde á normativa e de maneira gradual nos vindeiros dez anos.
Sen embargo, segundo consta no expediente de actualización da autorización ambiental integrada (AAI) solicitada hai un ano por Alcoa, as pólizas de responsabilidade civil e ambiental para a factoría de San Cibrao poderían estar caducadas, alén de que o seu importe era ridículo para enfrontar os danos dun hipotético sinistro ou derrubamento, xa que non consta que se teñan renovado desde o 30 de xuño de 2019. Malia a negativa da multinacional, a balsa de lodos vermellos de Alcoa segue a constituír un elevado risco para o medio ambiente e as persoas. Nin tan sequera logo do desastre ecolóxico e humano producido polo derrubo dunha balsa de lamas vermellas en Hungría en 2010 fixo que Alcoa investise no reforzamento do depósito de San Cibrao, 7 veces maior que o húngaro, e onde se verten diariamente 4.500 toneladas de lodos vermellos. Como quere que confiemos na seguridade da balsa se deixa caducar as pólizas de responsabilidade ambiental?
A Xunta debería esixirlle avais ao día e maiores coberturas, porén, exerce de cómplice da multinacional. Hai 8 meses que ADEGA solicitou coñecer os contidos do proxecto de selado e clausura da balsa de lodos ao que Alcoa fai referencia, obtendo un absoluto silencio como resposta. Tampouco consta que o proxecto de clausura estea aprobado pola administración autonómica, polo que, formalmente, a día de hoxe, non existe.
Por outra banda, Alcoa leva décadas incumprindo a lexislación ambiental por canto o muro de contención da balsa, que non é máis que un noiro de xabre, pedras e terra sen impermeabilizar nin selar, contén multitude de fisuras causantes de reiteradas filtracións e de vertidos contaminantes á terra e ao mar que aínda a día de hoxe se seguen producindo e sobre os que a Xunta de Feijóo fai a vista gorda.
Tampouco se sabe nada daqueles proxectos de investigación que Alcoa prometía realizar para dar saída á reutilización dos lodos vermellos ou da súa aplicación en sistemas de contención e inactivación de residuos tóxicos e perigosos. Esta solución, investigada pola USC, recibiu o premio da Asociación para a Investigación e Desenvolvemento Industrial dos recursos naturais. Tamén o Instituto de Cerámica de Galicia instou nalgunha ocasión a estudar a reutilización dos residuos vermellos para a fabricación de tixolos, sen que a multinacional nin o goberno galego amosasen ningún tipo de interese.
4. “Nin a Xunta nin o Estado son quen de achegar solucións de futuro”.
Nos últimos anos o goberno de Alberto Núñez Feijóo só se ocupou de culpabilizar da hipotética marcha de Alcoa ao goberno central e de deitar neste toda a responsabilidade na procura dunha solución. Teima en situar a solución da problemática nun abaratamento do prezo da luz eléctrica e sen garantías de que, ante este suposto, a empresa fique en San Cibrao. Mais tampouco se preocupou nos últimos anos, nos que a empresa ameazou continuamente con marchar, por deseñar unha alternativa de tipo socio-económica para Alcoa ou para a Mariña lucense, unha alternativa que pulase pola ampliación e/ou diversificación do sector cara as industrias de transformación e derivadas que axudasen a amortiguar o impacto social e económico ante a posible caída desta industria de enclave.
Hai tempo que a Xunta tamén abandonou as súas obrigas como órgano competente na inspección e vixilancia sobre o impacto ambiental e sobre a saúde da actividade fabril de Alcoa, mesmo permitíndolle aumentar os límites de emisións e contaminación nalgunha ocasión. E á vista dos contidos do expediente de renovación da AAI da factoría, tampouco lle está esixindo a Alcoa a anovación dos obrigados seguros de responsabilidade civil e ambiental nin das garantías financeiras que procuren solventar a pegada ambiental co complexo antes de botar o peche.
Pola súa banda, o Estado ten o deber de favorecer aqueles territorios máis castigados pola transformación enerxética e industrial que xa se está perpetrando ao amparo da transición ecolóxica cara a unha economía descarbonizada. Galiza está a ser discriminada polo Estado no reparto de fondos europeos destinados a incentivar a promoción dunha economía sen carbón e de empregos sustentables, malia a ser un dos territorios do Estado español máis afectados nesta transición. Para que sexa sostible, a transición ecolóxica e o cambio do modelo de produción e consumo deben ser socialmente xustos, evitando que sexan os postos de traballo e as economías locais as que acaben pagando os custos da transformación enerxético-industrial ao tempo que as grandes multinacionais da enerxía e as industrias máis contaminantes reciben axudas públicas multimillonarias. No actual proceso de desindustrialización emerxente do país (Navantia, As Pontes, Alcoa A Coruña,... e quizais moi pronto Citröen), non se albisca a existencia do necesario plan de reconversión industrial que atraia procesos de produción e de transformación menos contaminantes ou que conteña fórmulas de compensación que permitan reparar as perdas no eido social e crear postos de traballo sostibles.
O goberno central tamén ten pendente resarcir a histórica débeda contraída con Galiza en materia de enerxía, pola que debera establecer mecanismos de compensación ou de discriminación positiva con respecto a outros territorios do Estado, que só consumen electricidade e que non teñen que soportar os impactos ambientais e sociais derivados da produción enerxética. A Xunta, pola súa banda, debería promover mecanismos que eviten que no territorio galego só fiquen os custes ambientais da produción da enerxía e que os beneficios marchen para fóra. Debería pular por que a sociedade galega fose cada vez máis dona dos seus recursos, favorecendo incluso a creación dunha empresa pública e galega da enerxía.
5. “O sector do aluminio é unha alternativade futuro para a Mariña lucense”.
Dicir que Alcoa é a única alternativa de futuro para a Mariña lucense, non só nos sitúa nunha posición derrotista e sumisa, senón que carece de fundamento. Non deberíamos estar procurando unha alternativa a Alcoa, en todo caso, deberíamos procurar unha alternativa máis eficiente e menos contaminante no sector da metalurxia ou do aluminio. Neste senso, unha das vías de desenvolvemento que aínda non se ten explorado é a dos procesos industriais ligados á reciclaxe do aluminio. A Asociación Española do Aluminio (AEA), da que forma parte Alcoa, define o aluminio como o “metal rei da reciclaxe” e un dos materiais de primeira liña na transición cara a economía circular. Ademais, consume
un 95% menos de enerxía e só xera un 5% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto á produción de aluminio primario.
A propia AEA afirma que o 75% dos 700 millóns de toneladas de aluminio fabricadas no mundo no último século aínda está en fase de uso e poderían ser obxecto de reciclaxe. As estimacións do sector son que en 2050 se poderán reducir á metade as emisións de CO2 derivadas da actual produción de aluminio, só a través da reciclaxe dos residuos. Ademais, o aluminio é un material permanente, polo que as súas propiedades inherentes non cambian durante o uso e despois do reciclado repetido en novos produtos.
O que non se entende é que, mentres en Lugo e Galiza cargamos cos custes sociais e ambientais da produción de alúmina e de aluminio, as industrias transformadoras do metal se estean a instalar noutros lugares do Estado (Madrid, Tarragona, Logroño, Guadalaxara, Sevilla…). As industrias derivadas do aluminio teñen maiores perspectivas de futuro, son infinitamente menos contaminantes e consumidoras de enerxía que as industrias de produción de aluminio primario, e ademais son xeradoras de emprego e de rendas de capital que fican no territorio de asentamento. Aquí en Galiza poderían abastecer a demanda crecente de aluminio do mercado das latas de conservas e de bebidas. En 2017, a empresa estadounidense Crown Holdings un investimento de 66 millóns nunha nova planta de reciclaxe de aluminio en Sagunto con 112 postos de traballo. En 2018, a norteamericana Ball Beverage Packaging instala unha nova fábrica en Guadalaxara (Cabanillas del Campo), cunha inversión inicial de máis de 100 millóns de euros e crea 122 empregos directos…
Mais, se falamos de alternativas sostibles e de futuro, que aseguren empregos e actividade produtiva na Mariña lucense, non podemos xogarnos o futuro a unha soa carta e desbotar o fomento doutros sectores económicos con potencialidade na comarca, que son alleos ao sector industrial da metalurxia ou do aluminio, e que foron sacrificados no pasado ante a chegada de Alcoa. Neste balanzo dos pros e contras do que supón e supuxo Alcoa para o noso país, non se están a contabilizar nin os pasivos ambientais nin as perdas sufridas por outras actividades económicas da zona como a agrogandeira, a pesqueira, a forestal, ou a turístico-cultural.
Por tanto, de cara a un futuro máis prometedor, as políticas industriais e de fomento da actividade económica na comarca da Mariña, e en xeral en Galiza, deberían virar cara a un novo modelo industrial máis diversificado, menos contaminante, con participación social e que cotice no país. Neste novo modelo industrial e económico, as industrias electrointensivas, fortemente dependentes de axudas e subvencións públicas, deberían ter unha menor promoción, xa que ademais, a día de hoxe só representan o 2% dos traballadores/as industriais.
5 MENTIRAS SOBRE ALCOA
1. “Alcoa ficaría en Galiza se o Estado abaratase o prezo da enerxía eléctrica”.
Non existe ningunha garantía. Confirmado recentemente polo secreatrio xeral de Industria, Raül Blanco, polo secretario xeral de CCOO Industria, Agustín Martín, e polo presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan. Indican que en diferentes encontros mantidos con altos cargos da multinacional estadounidense, estes reiteraron a súa vontade de pechar San Cibrao, “aínda que o prezo da luz fose gratis”. Hai dous anos, Alcoa tamén desvinculou as vendas das factorías de Avilés e da Coruña do factor enerxético, alegando “problemas estruturais inherentes” máis ligados á pouca eficiencia das fábricas que as facían “incompetitivas globalmente”.
Desde que Alcoa adquiriu en 2009 a factoría saudí de Maaden, á que a propia multinacional denomina “a máis grande e económica do mundo”, embarcouse nun proceso decidido de deslocalización da produción e de desmantelamento das súas factorías no Estado español cara a zonas con ligazón terrestre ás minas de bauxita e con tecnoloxías máis eficientes e económicas. Nese mesmo ano deixou de investir na renovación tecnolóxica da factoría de San Cibrao e nunca tivo a intención de promover sistemas de autoxeración eléctrica para o autoabastecemento da planta, en contra do que sería máis eficiente, dado o seu elevado consumo enerxético. Ademais, algúns dos convenios máis suculento promovidos pola multinacional nos últimos anos, fan pensar que se atopa inmersa nunha reconversión tecnolóxica total cara a era do aluminio “ecolóxico” ou da produción do metal sen emisións de dióxido de carbono.
Datos tirados de Eurostat e da patronal catalá Pimec sobre o prezo da electricidade en Europa no primeiro semestre de 2019, desmenten que España ofreza peores condicións de acceso á enerxía que outros países europeos. Os datos indican que os prezos da luz en España para as industrias electrointensivas están por debaixo da media europea, e máis barata que en Alemaña, Italia, Inglaterra, Dinamarca, Irlanda ou Eslovaquia.
Así pois, por moito que o Estado español favoreza as condicións de prezo da luz eléctrica para as industrias electrointensivas, moito nos tememos que Alcoa non vai ceder na súa postura de peche. O seu obxectivo é marchar do Estado español unha vez esgotado o ciclo produtivo da factoría de San Cibrao, deixando aquí o proceso produtivo máis contaminante e promovendo a industria transformadora e máis sostible noutros lugares. O prezo da luz é a súa escusa de “mal pagador”.
2. “A factoría de San Cibrao é competitiva globalmente”.
Unha das razóns polas que Alcoa está pechando os seus centros de produción no Estado español é porque estes centros se quedan obsoletos e son pouco eficientes e económicos fronte a revolución tecnolóxica que prevé o sector. Alcoa, xunto con outro xigante mundial do aluminio, Río Tinto Aluminium, creou a empresa Elysis, co apoio do goberno de Canadá, Quebec e Apple, para desenvolver un novo método de produción de aluminio libre de carbono. A tecnoloxía representa a culminación de décadas de investigación e, segundo os seus impulsores, está chamada a revolucionar o sector do aluminio e a mudar por completo o método de fabricación altamente ineficiente e contaminante empregado nos últimos 130 anos. A nova fórmula, que será comercializada a grande escala dentro de 4 anos, pretende eliminar as emisións directas de gases de efecto invernadoiro do proceso de fundición.
Este método máis sostible de produción de aluminio xa está a funcionar desde 2009 na fábrica de Alcoa en Pensilvania.
É bastante probable que a razón principal da marcha de Alcoa de San Cibrao estea máis relacionada coa obsolescencia da planta fronte a nova era tecnolóxica do aluminio que co prezo da enerxía. Certo é que habería que avaliar se as vellas factorías de Alcoa poden reconverterse cara a implantación desta prometedora tecnoloxía, mais o certo é que Alcoa leva máis dunha década sen investir cartos na modernización das instalacións de San Cibrao.
3. “O Estado español non investiu o suficiente en Alcoa”.
Alcoa sempre foi moi mimada polas administracións españolas desde que mercou a empresa pública Inespal en 1998. Malia a todo, a estratexia de Alcoa de someter ao país a unha continua chantaxe, ameazando con facer despedimentos masivos se non se aceptaban as súas condicións obtivo resultados.
Antes de 2012 beneficiouse da tarifa G4 que abarataba os custos das empresas, e mesmo se apuntou á existencia dunha cláusula segreda asinada coa SEPI (Sociedade estatal de participacións industriais) que garantía un prezo máximo da enerxía para a produción do aluminio. En 2014, tras ameazar co peche das factorías de Avilés e A Coruña, Alcoa percibiu unha substanciosa cantidade de 142 millóns de euros. E nos últimos anos beneficiouse da poxa polo servizo de ininterrompebilidade (pola disposición a esconectarse da rede en caso de necesidade) pola que adquiriría uns 1.000 millóns de euros a fondo perdido (695 millóns desde 2011), a cuarta parte da escandalosa cifra de 4.400 millóns de euros que pagamos todas e todos por este servizo ás industrias electrointensivas do Estado. E en 2018 beneficiouse da suspensión temporal do imposto de xeración ás industrias electrointensivas (que supuxo o 4% de aumento no recibo da luz) e da compensación indirecta por dióxido de carbono, outros 25 millóns de euros anuais dos 90 millóns totais destinados a tal fin. Actualmente, o goberno da Xunta propón que esta partida anual se aumente a 200 millóns de euros, ademais de presionar para que se aprobe o Estatuto das Electrointensivas que abarataría aínda máis o prezo da luz deste tipo de industrias. A ministra de Industria, Reyes Maroto, tamén revela que nos últimos dous anos Alcoa recibiu 38 millóns de euros en axudas públicas para o mantemento do emprego.
Ademais, é preciso lembrar que o porto de San Cibrao foi construído hai 40 anos polo Estado para uso exclusivo da factoría do aluminio que, desde aquela, se segue mantendo a cargo dos contribuíntes. Esta concesión, que remata en 2023, deixa fóra de disposición por outros axentes económicos da Mariña preto de 750.000 m2 de superficie terrestre e de 17.000 m2 de lámina de auga marítima. E, por se fose pouco, en 2015 destináronse 30 millóns de euros procedentes tamén de todas as contribuíntes para construír o gasoduto de 65 km que abastecería de gas natural á planta de Alcoa, co obxectivo de reducir nun 25% os seus custos de produción.
4. “Alcoa representa do 30% do PIB de Lugo”.
O PIB da provincia de Lugo nos últimos dados publicados polo IGE (Instituto Galego de Estatística) é de 7.139 Millóns de euros e o de Cervo, onde se contabilizan as rendas de Alcoa (nomeadamente, salariais) é de 372,5 Millóns de euros. Por tanto, como queda de manifesto, Alcoa podería representar o 5,2% do PIB da provincia de Lugo, moi lonxe da disparatada cifra do 30%, só atribuíbel a un afán de magnificar a importancia económica de Alcoa na Mariña ou en Lugo.
Ademais, outros concellos da Mariña como son Burela e Viveiro suman entre os dous case o dobre do PIB que o correspondente a Cervo, e nestes casos, o seu PIB é atribuíble principalmente a empresas e actividades económicas vinculadas á pesca.
Tampouco podemos obviar que Alcoa ten a súa sede fiscal en Madrid, non en Galiza, e a maior parte da riqueza que xera na factoría de San Cibrao reverte fóra da Mariña e da provincia lucense.
5. “A factoría de San Cibrao de Alcoa é estratéxica para o país”.
O feito de ser a única factoría en activo que fabrica aluminio no Estado español non significa que esta sexa estratéxica para o futuro desenvolvemento industrial do país. Se non mudan os parámetros de fabricación do metal, se non moderniza as súas tecnoloxías, se non reduce o seu consumo enerxético que condiciona totalmente o sistema enerxético galego, se non é capaz de dar solución á problemática dos lodos vermellos, nin de garantir a descontaminación dos solos nin a seguridade da balsa, se non é competitiva globalmente, se non cotiza no país nin deixa máis beneficio que as rendas salariais, se tampouco ofrece garantías de mantemento dos postos de emprego, se non paga a súa débeda ecolóxica a pesar de estar recibindo permanentemente milleiros de euros de fondos públicos….., onde está o factor estratéxico?
Se a fabricación de alúmina-aluminio en San Cibrao é estratéxica para o conxunto do Estado, resulta paradoxal que teñamos que seguir importando aluminio para a fabricación de latas de bebidas e conservas. A importación de aluminio no Estado español acada as 300.000 toneladas anuais, procedentes de Arabia Saudí, Rusia, Mozambique e A India. E a meirande parte das importacións entran por Galiza, polos portos de Vigo e Vilagarcía. Incluso, o porto de Vigo se gababa o ano pasado de ter realizado unha das maiores descargas de lingotes de aluminio convencional da historia.
Se realmente se quere apostar pola permanencia da industria do aluminio no país, o estratéxico sería adaptar estes procesos de produción ao novo paradigma da transición ecolóxica e da economía circular ou potenciar outras actividades económicas que diversifiquen a oferta de traballo.
Lugo, a 12 de xuño de 2020
ADEGA
ADEGA / Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal
http://adega.gal/
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon