domingo, febreiro 07, 2021

Hoxe domingo 7 de febreiro, un novo buque gaseiro arribaba ao porto de Mugardos - O pasado venres 5 de febreiro, cumpría-se o trece cavodano da morte de Carmelo Teixeiro, ao redor desta data é cando o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, rende homenaxe a todas as persoas que como Carmelo participaban na loita contra o despropósito gasista de Reganosa


Este domingo 7 de febreiro de 2021, procedente do Caribe, do porto de Point Fortin (Trinidad y Tobago), arribou a Ferrol o buque gaseiro LNG Tanker "Clean Vision". Atracou pasadas as 12 do mediodía na regasificadora de Mugardos, en Punta Promontoiro, para descargar o GNL no despropósito gasista de Reganosa, aumentando de xeito exponencial a xa de por si perigosidade da Planta de Gas, localizada no interior da Ría de Ferrol. Un  buque gaseiro construído en 2016 e navegando baixo a bandeira de Malta, con case 90 mil toneladas de gas natural licuado, para a perigosa e ilegal Reganosa. Un buque de grande porte con 289 metros de eslora, por 46 de manga e un calado de 11 metros. Mentres se produza a descarga, perante 24 horas, aumentará de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a Planta de Gas, instalada no corazón da nosa Ría. Un potencial perigo, para todas as miles de persoas que moramos na súa contorna. Unha planta de gas que Reganosa construíu na ribeira sur da nosa Ría, a poucos metros dos núcleos de poboación, empobrecendo-a aínda máis do que estaba e poñendo en perigo a seguridade e a vida das miles de persoas que moramos na súa contorna.

O pasado venres, 5 de Febreiro, cumpría-se trece anos (2008) do falecemento do noso ben querido Carmelo Teixeiro, primeiro Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Desde entón ao redor desta data, todos os anos, é cando o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, rende homenaxe a todas as persoas que como Carmelo participaban na loita contra o despropósito gasista. Este ano, esta lembranza, ten un significado especial, estamos no cumio da terceira onda dunha pandemia por mor do Covid-19 que trae morte, enfermidade, desasosego e profunda crise social e económica; esta situación ten diminuída a actividade dos movementos sociais e coincide despois de que o goberno cedera ante Reganosa, formulando a Declaración de Impacto ambiental en resolución de primcipios de decembro do pasado 2020. Un dos aspectos máis significativos da citada resolución, onde se lle facilita o seguinte paso de acadar a concesión de permisos de construción e funcionamento a Reganosa, co trámite de formulación da DIA e pasar do fundamental da discusión, en sedes administrativas e xudiciais, a actual localización da regasificadora, a súa clasificación como actividade perigosa e o necesario de ser sometida esta á propia DIA. Dan por imposíbel unha nova localización, alegado feitos consumados a existencia da propia planta xa en funcionamento, aínda que fora transgredindo toda a lexislación medioambiental en referencia a súa localización próxima a núcleos de poboación consolidados. Foron responsábeis políticos, funcionarios, tribunais, xornalistas e medios, ... os que se implicaron na fraude, para "legalizar" o despropósito gasista. Abrindo unha nova etapa na loita, despois de cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra da regasificadora de Mugardos.

A petición veciñal, un parque en Caranza leva o nome de "Carmelo Teixeiro" (Entre a Ermida, a Rúa Cartaxena e Avenida do Mar). Polo seu significado, este é o lugar elixido polo Comité, para a realización da homenaxe anual, onde hai unha placa en lembranza de Carmelo e da súa muller Victoria Fernández Paredes, falecida o 8 de novembro de 2014, compañeira de vida e de loita a favor de todas as causas sociais e que mantivo unha especial vinculación a este Comité Cidadán de Emerxencia.

Reganosa é unha ameaza para a vida humana e o medio ambiente e pode chegar a converterse nunha enorme traxedia, no caso dun accidente na Planta ou no gaseiro. Nesta localización, dentro da Ría, con 40.000 habitantes ao redor, non hai Plan de Emerxencia capaz de facer fronte a catástrofe que provocaría, contiguo como está ademais ao Complexo Petroquímico de “Forestal del Atlántico” con unha planta de coxeneración eléctrica (24,8 MW) e Imegasa.

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol dende o ano 1999, en ausencia e sen amparo das administracións, veuse na obriga de defender a Vida, a Ría e a Legalidade ameazadas pola construción da Planta de Gas de Reganosa. Foron cinco ás sentenzas do Tribunal Supremo que confirmaron que Reganosa está baseada nunha flagrante ilegalidade e non cumpre coa normativa esixida para a construción deste tipo de instalacións. Sentenzas que anulaban a falsa tramitación ambiental que fixo Reganosa ou mesmo o cambio de usos dos terreos nos que se construíu a Planta; a modificación do Plan Xeral de Ordenación de Mugardos, feita polo Concello, que serviu para que se instalara a Planta; ou a resolución do goberno de Mariano Rajoy que eximía a Reganosa de ter que someter-se a avaliación de declaración ambiental (DIA)...  Mais agora a administración, baixo o goberno Sánchez-Iglesias formaliza a DIA excluíndo da avaliación ambiental a localización da mesma...

A regasificadora entrou ilegalmente en funcionamento o 4 de maio de 2007; como ilegais tamén foron as entradas na Ría dos gaseiros que abasteceron, durante anos á planta; irregulares os permisos concedidos tanto de construción e funcionamento; todo o mundo sabía que non cumpría a Lei no asunto fundamental da localización ao non respectar-se a distancia de 2000 metros que marcaba a Lei, ate que en 2013 a Xunta de Galicia elaborou unha Lei á medida de Reganosa...

Estamos diante do maior fraude cometido no noso país coa escusa de que o gas é estratéxico para Galiza.

INMEMORIAM

Ademais de Victoria e Carmelo, lembramos a: José Gabeiras - presidente de honra do Comité Cidadán in aeternum (Xaneiro de 2005), Xaime Quessada autor do mural contra a imposición de Reganosa, mural que agora se expón no Auditorio de Ferrol (Decembro de 2007), Santiago Torrente 'Tito' (Marzo de 2009), Tino Deibe autor do logotipo do Comité (Maio de 2010), José Luís Estévez Barros 'Seli' (Decembro de 2011), Regino Varela (Xullo de 2014), Ramón Capotillo (Febreiro de 2015), Luís Matalobos (Outubro de 2015), Julio Videira (Xuño de 2016), Joaquín Cupeiro (Decembro de 2016), Julio Pico (Xuño de 2017), Bernardo Bastida, (Xaneiro de 2018), Mel Sanxoán (Abril de 2018) e Helena Sánchez (Novembro de 2018).

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon