luns, maio 07, 2018

Xosé Manuel Sanxoán Caamaño (Mel), ... Por Amadeo Varela - No noso corazón quedará para sempre, porque era 'dos de sempre' - E alí onde estea, nós queremos estar con el - Ata sempre, amigo


Intervención do compañeiro Amadeo Varela, no nome do Colectivo Ártabra 21, no acto de Homenaxe a Mel, na contorna do Inferniñofolk, celebrado o pasado venres 4 de maio, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño (Ferrol).

Por Amadeo Varela [*]
07.05.2018


XOSÉ MANUEL SANXOÁN  (MEL)

Os integrantes do Colectivo Artabra 21, do que Mel foi fundador e colaborador activo, unímonos á súa dona, os seus fillos e demais familia, na dor por esta irreparable perda. E queremos participar neste homenaxe á súa persoa, como un intento de acompañar a Mel, na súa derradeira viaxe.

Fóisenos MEL, con só 63 anos escasos. Como é lóxico supoñer, para a súa familia significa unha perda irreparable, pero tamén para nós, os deste Colectivo, a súa ausencia é un duro golpe, pois que era un verdadeiro “compañeiro de fatigas”; desas fatigas diarias que da a vida, nunha cidade tan abandonada e maltratada como é a nosa.

Sen pretender facer un relatorio dos seus méritos, que todos coñecemos, queremos lembrar a Xosé Manuel Sanxoán, como un deses inesquecibles compañeiros, dedicados a unha loita solidaria e continua, na defensa dos dereitos de todos. Activista consagrado, sempre estaba disposto a aportar traballo e ideas, alí onde podía axudar.

Mel era activista por convencemento; el sabía que tanto nas pequenas aldeas, como nos pobos ou nos barrios das cidades, a loita continua da veciñanza é, a única posibilidade para acadar unhas melloras indispensables, na educación, na cultura e na sanidade, aspectos nos que el participaba decididamente.

Firme defensor do asociacionismo, participou nun feixe de agrupacións, asociacións e plataformas, tratando de axudar na solución de problemas e mellorar esta sociedade egoísta e insolidaria.

Pola súa incesante actividade era sinalado como “un dos de sempre”, deses que “sempre están metidos en todo”, deses que tanto molestan aos que, desde o poder, non aturan que os veciños os critiquen e lles pidan contas.

Mel nos deixa un oco imposible de encher, pois como dixo o poeta, “cando un amigo se vai, queda un espazo baleiro, que non se pode ocupar, con un novo compañeiro”. El era un máis deses “bos e xenerosos”, que na nosa terra loitan día a día por unha sociedade mellor.

No noso corazón quedará para sempre, porque era “dos de  sempre”. E alí onde estea, nós queremos estar con el.

Ata sempre, amigo.




[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon