Presentación en Ferrolterra do libro ‘O feminismo, imprescindible para construír outra Europa’, o venres 11 de maio, no Ateneo Ferrolán ás 19:30 horas, coa eurodeputada Lídia Senra.
Lídia Senra chama a rebelarse contra o machismo que campa na xustiza, que castiga ás mulleres e que segue provocando dor e sufrimento.
Despois de ser presentado noutras cidades e vilas da Galiza, chega a ferrolterra a presentación do libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa” coordinado pola eurodeputada Lídia Senra. No acto público, que dará comezo ás 19:30 horas, intervirán ademais da propia europarlamentaria e Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME).
Continúa deste xeito a rolda de presentacións do libro que a eurodeputada está a facer por varias localidades galegas. Así, despois de que a mediados de abril tivera lugar a presentación en Chantada, e a semana pasada en Vigo, este último sábado 5 de maio na Estrada e agora, o venres 11 de maio, presentarase tamén no Ateneo Ferrolán ás 19:30 horas.
Lídia Senra pretende con estes actos dar a coñecer a publicación, que se distribúe ademais de xeito gratuíto, e poñer a énfase no debate para lograr acabar co patriarcado que a día de hoxe continúa a imperar na sociedade, na xustiza e tamén nas organizacións políticas e sindicais. A eurodeputada critica “como se inventan todo tipo de argucias para castigar ás mulleres e seguir provocando dor e sufrimento e como esas argucias son aplicadas, en demasiadas ocasións, pola xustiza sen ningún tipo de base”. Así, chama a rebelarse contra o nesgo machista na xustiza e tamén a reflexionar sobre a necesidade de combater as resistencias que sigue habendo nas organizacións para que as mulleres feministas teñan voz.
Ademais da versión impresa, que conta cunha tirada inicial de 1.500 exemplares, o libro está dispoñible tamén en aberto na súa versión dixital na propia web de Lídia Senra. A publicación recolle textos de mulleres que participaron na xornada organizada por Senra en novembro do 2016 en Ourense co mesmo título que o libro e na visita realizada ao Parlamento Europeo en novembro do 2015 para participar na xornada “O nesgo machista na aplicación das políticas: o caso da Xustiza”. Así, na primeira parte recóllense artigos da feminista e profesora da Universidade de Valladolid Alicia H. Puleo, sobre o ecofeminismo; da brasileira doutoranda en socioloxía Eliane de Moura Martins, sobre o feminismo popular para facerlle fronte á colonialidade, ao capitalismo depredador e a todas as formas de machismos; de Fiadeiras, o Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), sobre a acción social desde o feminismo e a súa experiencia de traballo; das membros de Anova Ourense, Nerea Conde e Tania Bouzo, sobre participación política e liderado feminino; da deputada Paula Verao, sobre a loita contra a precariedade e pobreza laboral feminina; e da Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, Rosa Álvarez, sobre como os micromachismos cimentan o patriarcado.
Na segunda parte do libro, recóllense artigos da eurodeputada do GUE/NGL Ángela Vallina, sobre a figura da Síndrome de Alienación Parental (SAP) como reforzo do heteropatriarcado nas sociedades europeas; da concelleira de Marea de Vigo Marga López Barreiro, sobre o nesgo machista na xustiza; da psicóloga clínica forense e experta en vitimoloxía e violencia de xénero Sonia Vaccaro, sobre a utilización do SAP como unha forma de violencia machista máis; da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, sobre as dificultades da violencia machista nos procesos xudiciais; de Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), sobre por que se debe incluír a cuestión dos dereitos da infancia no debate sobre o nesgo de xénero presente nas institucións; da coordinadora da Área de Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG), Ana Eiras, sobre a realidade das mulleres labregas; e de Rosa Álvarez novamente, desta vez cunha ollada desde a psicoloxía á violencia contras as mulleres para unha abordaxe integral do problema.
Versión dixital completa do libro de 140 páxinas en formato pdf.. | Acceder/Baixar.
Sitio web da Eurudiputada:
http://ageuropa.gal/
Sitio Web de Agamme:
http://agamme.org/
__________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon