luns, febreiro 15, 2021

E a Conselleira do Mar e mariscadores preguntan-se que pasa na Ría de Ferrol para que esta minguara a súa produción marisqueira a cifras tan alarmantes?

Tags


Esta mañá partía desde o peirao de Punta Promontorio, o buque gaseiro "Yakov Gakkel", onde arribara o pasado sábado 13 de febreiro, para descargar miles de toneladas de gas natural licuado (LNG), na regasificadora de Reganosa, situada no corazón da Ría de Ferrol, aumentando exponencialmente o perigo de que por si mesma, xa ten a planta de gas que ameaza noite e día, ás miles de persoas que moran na contorna da Ría.

O LNG "Yakov Gakkel" é un buque de grande porte, con 299 metros de eslora e 50 de manga que navega baixo bandeira de conveniencia das Bahamas, construído en 2019, procedente do porto ruso de Sabetta, a onde volveu a poñer rumbo. Sabetta é un porto onde está localizada unha planta liquaficadora de gas natural, na Península de Iamal, no Ártico siberiano, inaugurada en decembro de 2017 e que xestiona un consorcio transnacional privado -participado pola rusa a Novatek (50,1%), a francesa Total (20%) e as chinesas CNPC (20%) e Silk Road Fund (9,9%)-.

As miles de toneladas de gas natural licuado descargado polo "Yakov Gakkel", terán que regasificarse na planta de Reganosa, utilizando os vaporizadores que, ao ano, recollen máis de cen mil millóns de litros de auga da Ría (11.000 m3/h, aprox. 300.0000 m3/día) [1] que son logo devoltas á mesma, en forma de sopa química, a uns 4 ou 6⁰ C máis frías e esterilizadas, para o que se utilizaron toneladas de hipoclorito sódico que acabaron coa vida da auga (provocando a morte de larvas, ovas, especies, plancton, rompendo a cadea trófica) contribuíndo a un maior deterioro da xa de por si depauperada Ría de Ferrol. A cantidade de auga da Ría que vai ser clorada (esterilizada) tras a descarga deste último gaseiro van ser 2.442.625 toneladas, máis de 2.442 millóns de litros de auga do mar.  E a Conselleira do Mar e as cofradías de pescadores preguntan-se que pasa na Ría de Ferrol, para que esta minguara a súa produción marisqueira a cifras tan alarmantes?

Unha parte importante da resposta a esta cuestión está aquí, na medida que se intensifica a regasificación, aumenta a esterilización das augas mariñas. Cantos máis gaseiros decarguen en Reganosa, máis se empobrece a Ría e máis metano se libera á atmosfera, perxudicando o medio ambiente, ao favorecer o cambio climático. A resposta tamén está nos residuos industriais que verte [2] o conxunto do complexo petroquímico de punta Promontoiro á nosa Ría (Forestal del Atlántico ten unha autorización de vertedura ao mar, de máis de 27.400 millóns de litros/ano de augas residuais industriais).

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Notas.-

[1] Consumo de auga do mar dos vaporizadores. | Doc. Técnico de Reganosa. | Xullo de 2019. | Acceder/Baixar.

[2] Verquidos do complexo petroquímico de Forestal (e Imegasa) e uso de auga do mar pola planta de Reganosa. | Acceder/Baixar.

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon