O certame escolar, promovido pola Xunta, o Festival de Cans e EDPR, pon en valor a lingua, o patrimonio e a paisaxe da costa galega a través do audiovisual, este ano foron gañadores o IES A Cachada (Boiro), o IES Monte Neme (Carballo) e o conservatorio Xan Viaño de Ferrol.
O certame escolar naceu co obxectivo de poñer en valor a lingua, o patrimonio e a paisaxe da costa galega a través do audiovisual.
O Terceiro Premio foi para o centro de Ferrol "CMUS Xan Viaño", cun proxecto denominado "A melodía do faro", a historia dun fareiro de Cabo Prior namorado da música, con interpretación do propio alumnado do centro. Este premio esta dotado cun cheque-regalo de 400 € para material audiovisual ou literario en lingua galega, figura e diploma acreditativo.
https://youtu.be/abMGVczDeaI
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade impulsou a iniciativa escolar Senda dos Faros no curso 2019-2020 cos obxectivos de promover o valor lingüístico, patrimonial e paisaxístico da costa galega ao longo do máis de medio cento de etapas que configuran o itinerario turístico, desde Tapia de Casariego (Asturias) ata Vila Nova de Cerveira (Portugal), para alén das etapas insulares de Ons, Cíes e Sálvora.
Nel contou coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-Agader, do Instituto de Estudos do Territorio (IET) e do Festival de Cans, co patrocinio da portuguesa Fundación Enerxías de Portugal Renovables (EDPR).
Destinado ao alumnado dos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparten ensinanzas de educación secundaria (ESO, bacharelato, formación profesional básica, ciclos formativos de grao medio) e ensinanzas especiais de grao medio, contou coa colaboración de 18 centros educativos que presentaron 24 curtas dun máximo de cinco minutos de duración, segundo o establecido nas bases da convocatoria.
O concurso ten como obxectivos:
- dinamizar o uso da lingua galega entre o alumnado e entre a comunidade educativa
- promover unha imaxe positiva e actual do galego por medio da vinculación coas tecnoloxías da información e da comunicación
- favorecer a presenza e o uso do galego en novos espazos e soportes
- fomentar o galego oral, coa creación de novos ámbitos de uso frecuente que favorezan a utilización da lingua dentro e fóra das aulas
- pór valor, promover e fomentar o coñecemento do patrimonio, a paisaxe, a natureza, as lendas, a gastronomía, ou calquera outro activo do territorio polo que atravesa a Senda
O Segundo Premio foi para o IES Monte Neme de Carballo, con "De naufraxios, faros e lendas: do Cemiterio dos ingleses a Camariñas", un proxecto centrado nos mitos e lendas arredor da Costa da Morte, alimentados polos numerosos naufraxios sucedidos nas súas augas. O afundimento do buque escola inglés Serpent, cuxos 175 tripulantes falecidos descansan e dan nome ao Cemiterio dos Ingleses, é un dos feitos narrados. E o Primeiro Premio foi para o IES Plurilingüe A Cachada (Boiro) co proxecto "Sálvora". Este proxecto é unha reflexión dunha rapaza sobre o cambio climático, a relación entre a pandemia e o descoido da natureza por parte da humanidade e a despreocupación que sinte da sociedade cara estes feitos. A protagonista lanza unha mensaxe de esperanza nunha botella desde a costa da illa para atopar persoas que, emulando ás Heroínas de Sálvora, se decidan a dar un paso adiante para a salvación do planeta, considerando que aínda non é tarde para actuar.
Resolución publicada o pasado 28 de xaneiro de 2021, pola que se conceden os premios do Concurso de Curtas Senda dos Faros.
Fonte: https://www.lingua.gal/. | 5 de Febreiro de 2021.
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon