Despois dunha primeira asemblea de representantes de organizacións e colectivos que se celebrou o pasado 25 de marzo, onde se decidiu recompoñer e impulsar a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol - SOS Sanidade Pública Ferrolterra, Eume e Ortegal, o pasado xoves día 8 abril, ás 6 da tarde celebrou-se a segunda Asemblea Plenaria, no local da UGT de Ferrol, para continuar coa recomposición e impulso da Plataforma nas comarcas, e ultimar a convocatoria da concentración de Ferrol, dentro da mobilización xeral que vai ter lugar o mércores 21 de abril en toda Galiza.
A asemblea, na que participaron diversos colectivos, asociacións veciñais, partidos políticos, ..., entre os que estaban: EU Ferrol, Plataforma Ferrolterra na Defesa do Sistema Público de Pensións - Modepen, A.C. Fuco Buxán, Podemos Ferrol, Asociación de Celadoras e Celadores de Galicia, U.L. de As Pontes da CIG, U.C. de Ferrol da CIG, BNG Ferrol, PSdeG-PSOE Ferrol, Agamme, Marcha Mundial das Mulleres e outras persoas a título particular.
No transcurso da xuntanza informou-se dos pasos dados e tomaron-se diferentes acordos.
Informou-se que está feita a comunicación sobre a convocatoria da concentración, do vindeiro 21 de abril, á subdelegación do goberno en tempo e forma; que se procurará anunciar a convocatoria nas mobilizacións que van a ter lugar con antelación, o vindeiro mércores 14 de abril, na Xornada Reivindicativa SOS FERROLTERRA, convocada polas centrais sindicais, ás 12 do mediodía nas prazas diante dos Concellos e ás 6 da tarde nas marchas que rematarán na Praza de Armas de Ferrol, mobilizacións en continuación da pasada Folga Xeral Comarcal do pasado 10 de marzo; e na mobilización en Defensa da Pensións Públicas que está convocada o sábado 17 de abril. Completara-se a convocatoria do 21 de abril, con notas de prensa e a difusión dun cartaz anunciando a concentración que será simultánea en diferentes vilas e cidades da Galiza. Neste sentido as organizacións participantes na Plataforma encargaran-se da difusión do contido do manifesto e da convocatoria polos seus diferentes medios e a través das redes sociais. Como tamén cada unha se encargará da confección e difusión do cartaz da convocatoria. Noutro orde de cousas acordou-se que o Manifesto sexa leido polo mestre e escritor Antón Cortizas. Unha hora e media (18:30 hs.) antes da concentración (20:00hs), voluntarias e voluntarios, mais coa garantía dunha persoa por organización, estarán na Praza para organizar o evento coas medidas de seguridade que o tempo de pandemia no que estamos esixe. Rematou a Asemblea Plenaria co compromiso de continuar coa organización da Plataforma nas comarcas, convidando a participar ao conxunto do movemento asociativo e acordar unha estrutura coa intención de permanencia na defensa da sanidade pública.
CONCENTRACIÓN
DÍA: MÉRCORES 21 DE ABRIL
HORA. 20:00 HS
LUGAR: PRAZA DE ESPAÑA DE FERROL
Info baseada na enviada por:
Gonzalo Busqué
-gbloren@hotmail.com-
10 de abril de 2021 18:13
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon