A CIG concentrouse a mañá deste venres 9 de abril diante do Mercadona de Cee, para esixir a readmisión dunha traballadora deste centro e en rexeitamento aos despedimentos que a empresa aplicou nos últimos meses en varios supermercados da provincia. Estas rescisións prodúcense malia a sobrecarga de traballo que hai no comercio de alimentación dende o inicio da pandemia sen que se reforzaran os cadros de persoal e afectan ademais, "a aquelas persoas que se atreveron a reclamar os seus dereitos".
Esta é a terceira mobilización que a sección sindical da CIG desenvolve contra os arbitrarios despedimentos en Mercadona: cinco dende o pasado mes de decembro, aínda que poderían ser máis xa que a empresa non traslada esta información ao comité. Despois das protestas realizadas no supermercado que a empresa ten na Avda. de Oza na Coruña e no de Santa Marta de Santiago, apuntan dende a sección sindical da CIG, "parece que por agora non realizaron máis despedimentos".
A presidenta do comité provincial, María López Alejos, explica que Mercadona segue unha política de despedimentos pola que, ciclicamente, procede a expulsar do seu sistema a varios traballadores ou traballadoras "como medida exemplarizante, co único obxectivo de amedrentar o resto do persoal e crear ambientes laborais con excesiva esixencia de traballo". En concreto, no último que se produciu en Cee, que é o que provoca a protesta deste venres, a empresa utiliza eses supostos incumprimentos "para despedir miserablemente a unha compañeira".
Métodos imposíbeis de cumprir durante toda a xornada
López Alejos sinala que Mercadona sempre utiliza presuntos incumprimentos dos métodos de traballo interno para xustificar estas rescisións, pero nunca trasladou estes criterios por escrito, a pesar da representación da CIG terllos solicitado en reiteradas ocasións. Ademais, matiza, son tan exhaustivos "que resultan imposíbeis de cumprir durante toda a xornada laboral". "Ninguén é capaz de facelo, a dirección de Mercadona sábeo e utiliza eses pequenos e rutineiros erros que todo o mundo comete para despedir nun momento determinado a quen lle pete e provocar así o amedrentamento e a submisión do resto de persoal".
Como consecuencia desta política, apunta a presidenta do comité, "Mercadona é incapaz de ganar ningún xuízo por despedimento nos xulgados. Todos son declarados, como mínimo, improcedentes, e algún incluso nulo".
O persoal, sometido a un control exhaustivo
Explica que o persoal de tendas está sometido constantemente a un control exhaustivo das súas funcións, practicándoselles “preavaliacións e avaliacións” de minucioso control e supervisión, nas que se recollen apreciacións que son absolutamente subxectivas, xa que non dependen de criterios prefixados e coñecidos, senón do que valore en cada momento a persoa encargada da tenda.
Desas avaliacións depende en gran medida que se cobre ou non a prima anual, "que a empresa utiliza como unha chantaxe para manter submiso ao persoal", mais tamén serven para aplicar despedimentos á carta. Deste xeito, "as consecuencias non son iguais para todas as traballadoras/es, e ante o mesmo incumprimento unhas veces prodúcese unha apertura de sanción, noutras emítense actas de reprimenda (que na práctica Mercadona utiliza como sancións nas cartas de despedimento) e noutros casos non acontece nada".
En calquera caso, a presidenta do comité reitera "que non se entende que un incumprimento sexa motivación suficiente como para proceder ao despedimento e menos aínda que este se aplique de forma selectiva e discriminada". Pois, casualmente, "a quen acaban despedindo é ás persoas que teñen o atrevemento de facer valer seus dereitos laborais".
Sección Sindical da CIG en Mercadona na Provincia de A Coruña.
Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
9 de abril de 2021 20:14
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon