Hoxe un novo buque gaseiro (Arctic Discoverer LNG Tanker) está atracado no peirao de Mugardos. O está para arrefriar os seus tanques, logo de pasar unha tempada para reparar en carenas de Navantia Ferrol -lembrarede-o porque o ruído infernal, soltando vapor polas válvulas de seguridade, co que nos agasallou perante dous días e moitas horas, non pasou desapercibido- e saír en probas a poucas millas do golfo Ártabro, para entrar de novo na Ría. O arrefriado de tanques é un dos ganchos como estratexia de comunicación, co que os medios ben pagados, fan ligar a Reganosa coa industria naval asentada na Ría, cando a realidade é que se poden contar cos dedos dunha man os buques que arrefriaron os seus tanques logo de reparar en Navantia. Arrefriar os tanques tamén supón un aumento exponencial do perigo -que xa de por si ten a localización da planta de gas- a poucos metros dos núcleos de poboación, para a pobación da contorna da Ría.
Onte pola tarde o gaseiro "LNG Boris Vilkitsky" remataba a descarga das decenas de miles de toneladas de gas natural licuado na regasificadora de Mugardos. O GNL descargado polo buque -chega e se almacena en estado líquido nos tanques a uns -160° C e unha presión algo superior á atmosférica- hai que regasificalo para introducilo no sistema de gasodutos distribuídos pola península, para o que se vai a utilizar un sistema de vaporizadores.
Aínda que Reganosa ten tamén un sistema auxiliar de vaporización de combustión mergullada (SCV), que utiliza un queimador de gas natural, esta realiza a regasificación con dous vaporizadores que utilizan auga do mar (Vaporizador de Taboleiro Aberto - Open Rack Vaporizer - ORV) que se obtén a través dun sistema de captación da auga da Ría. No proceso de regasificación do GNL descargado polo gaseiro, van-se esterilizar, a base de hipoclorito sódico -producido coa propia auga do mar por electrocloración- uns 2,5 millóns de toneladas de auga da Ría de Ferrol que logo será devolta á Ría, na enseada de Santa Lucia, despois de engadir-lle un redutor de cloro (bisulfito sódico). No proceso, a auga do mar captada cede calor, polo que se devolve ao mar a unha temperatura moi inferior, próxima aos 6°C, moi inferior á que hai no medio mariño (entre 12° e 20°C dependendo da época do ano). Eses 2,5 millóns de toneladas de auga do mar que se van a utilizar no proceso de regasificación da carga que trouxo o gaseiro "Boris Vilkitsky", serán devoltas á Ría esterilizadas, o que supón a morte das larvas, ovos, especies, placton, micro organismos ... todo ser vivo, e cos restos da reacción (Auga do mar + Hipoclorito Sódico + Bisulfito Sódico + outros posíbeis compostos químicos das reaccións), vamos unha auténtica sopa química que se lle engade á xa depauperada Ría.
Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.
O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA
NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E
ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc
Nota.-
Vídeo cedido pola Delegación Comarcal de ADEGA | Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza. | http://adega.gal/.
Fonte: Comité Cidadán de Emerxencia e o BOE núm. 332, de 22 de decembro de 2020, páxinas 118214 a 118245.
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon