Este mércores 21 de abril, en Ferrolterra como en numerosas vilas e cidades da Galiza, tiveron lugar mobilizacións na defensa da sanidade Pública, para garantir a presencialidade no Sergas, reducir as listas de espera, incrementar o persoal e tumbar a modificación da lei de sanidade de Galicia que introduciu medidas represivas e de recorte de liberdades, en definitiva para recuperar o sistema sanitario público.
Esta foi a primeira mobilización, despois das diferentes asembleas para recompoñer e impulsar a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol - SOS Sanidade Pública Ferrolterra, Eume e Ortegal, que despois desta xornada de mobilización, en tempos de pandemia, con aceptábel suceso, vai comezar a súa andaina reivindicativa, propositiva e de denuncia.
A continuación transcribimos a mensaxe do voceiro da plataforma a nivel de Galiza:
A Plataforma SOS Sanidade Pública quere mostrar a súa satisfacción a agradecemento aos centos de persoas que se manifestaron en toda Galicia pola recuperación do Sistema Sanitario Público. E imposible poñer nunha mensaxe as decenas de imaxes de tantas concentracións nas diferentes localidades.
As concentracións foron un rotundo éxito pese ao mal tempo, ao temor de moitas persoas para manifestarse pola COVID (a pesar das medidas de seguridade adoptadas pola Plataformas) e a imposibilidade de realizar as necesarias reunións presenciais para organizar unha mobilización de tanta magnitude.
Esta mobilización supón o inicio dunha campaña para normalizar a atención nos Centros de Saúde, un Plan para abordar as tremendas listas de espera acumuladas, a vacinación universal contra a COVID, a recuperación do persoal recortado e as súas precarias condicións laborais e a retirada da Reforma da Lei Galega de Saúde que pretendía recortar os dereitos cidadáns (afortunadamente emendada polo Tribunal Constitucional).
Se a Consellería de Sanidade e a Xunta de Galicia non rectifican nin satisfán unhas reivindicacións, tan necesarias como razoables, a Plataforma organizará novas e masivas manifestacións, como as que viñemos realizando nos últimos catros anos.
Manuel Martin
Voceiro
O escritor e mestre ferrolán Antón Cortizas, dá lectura ao comunicado final
Nota.- Pasado o minuto 03:17 do vídeo hai uns segundos de corte, desculpar polo erro técnico.
Galería fotográfica da concentración en Ferrol
SOS Sanidade Pública Ferrolterra, Eume e Ortegal
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon