xoves, abril 22, 2021

Non aos despidos en Cándido Hermida - Andaina ate a Casa do Concello de Narón - Venres 23 de abril, ás 10:30hs, desde a Nave de Loira Inter, en Río do Pozo ate a casa do Concello de Narón


NON AOS DESPIDOS EN CÁNDIDO HERMIDA

O pasado día 14 de abril comezou o carrusel de despedimentos nas empresas do Grupo Cándido Hermida, polo de agora máis de 20 que levaba moitos anos na empresa (mais de 15 de media) e cunha máis que demostrada valía na montaxe das tendas de INDITEX, Carolina Herrera e nos proxectos de Sunseeker ou STX.

As causas económicas que alegan son unha cortina de fume. Unicamente pretenden amedrentar ao plantel e reprimir ao persoal que tanto no 2019, cando a empresa tentou impor unhas xornadas de traballo escravistas, como na negociación dos ERTE COVID, mantiveron unha posición máis combativa.

Se hai problemas económicos como aducen, por que despiden ao persoal con máis antigüidade e que lle sae mais caro e @s substitúen por traballador@s contratados a través de ETT,s?

Por que esta suposta mala situación económica non se lle comunicou aos representantes dos traballadores/as para entre todos e todas tentar unha saída negociada e menos traumática?

Témolo ben claro, as causas económicas son a escusa para desfacerse dun número importante de xente que non traga coa precariedade e o empeoramento das xa malas condicións laborais que se dan nas empresas de Cándido Hermida.

Somos compañeiros e compañeiras desde hai ben anos e co apoio dos sindicatos CIG, CC.OO e UGT e de moita xente que se solidariza pola inxustiza desta situación, imos dar a batalla tanto para deter estes despedimentos como para mellorar as condicións laborais na empresa para a que levamos entregado unha parte ben importante da nosa vida.

PARTICIPA CON NÓS NA ANDAINA QUE VAI TER LUGAR O VENRES 23 CON SAÍDA ÁS 10:30 DA NAVE DE LOIRA INTER EN RÍO DO POZO E REMATE NO CONCELLO DE NARÓN

Narón, 21 de Abril, de 2021

#NonaosDespidosenCandidoHermida

Foto: Asemblea e concentración de traballadores de Candido Hermida - 20 de xuño de 2018 - Avantar.
___


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon