mércores, abril 21, 2021

Un novo buque gaseiro (Catalunya Spirit) está descargando no despropósito gasista de Reganosa - ...un gas extraído por medio da destrutiva técnica do fracking (fracturamento hidráulico) - Este sábado 24 de abril, está convocada unha acción de protesta, ás 12 do mediodía, nas inmediacións da planta regasificadora, pola Coordinadora Galega por un reparto Xusto dos Fondos Europeos (Next Generation)


Un novo buque gaseiro, o "Catalunya Spirit LNG", entrou esta mañá na nosa Ría, cargado con decenas de miles de toneladas de gas natural licuado (GNL), para o despropósito gasista de Reganosa. O buque procede de Port Arthur, Sabine, Lusiana (USA). Está cargado cun gas extraído por medio da destrutiva técnica do fracking (fracturamento hidráulico). O gaseiro está nestes momentos descargando na planta regasificadora de Reganosa, no peirao de Punta Promontoiro (Mugardos). O "Catalunya Spirit", é un LNG Tanker de grande porte con 284 metros de eslora e 43 de manga, con bandeira española, construído en 2003. Este novo buque fai o 296, desde que en maio de 2007 entrara o "Galicia Spirit", o seu xemelgo, nom sen antes ser impedido, por dúas veces, pola xente do mar e o Comité Cidadán de Emerxencia, nunha acción sen precedentes, pola súa magnitude, onde se romperon os muros de silencio que construíra o poder mediático, económico e político, derredor do proxecto gasista promovido polo Grupo Tojeiro.

Como sinalamos, este gas que se está descargando en Reganosa, foi extraído pola técnica coñecida como fracking, que é moi daniña para a saúde e o medio ambiente, no proceso libran-se grandes cantidades de metano á atmosfera, contribuíndo deste xeito ao cambio climático, na súa extracción tamén se produce a contaminación das augas subterráneas e o subsolo. De feito, no Estado español está en cuestión. No artigo 8 do proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética que o Consello de Ministros remitiu ás Cortes, o 19 de maio de 2020, prevé expresamente a denegación de autorizacións de explotacións de hidrocarburos que empreguen a técnica fractura hidráulica de alto volume.

Mentres o "Catalunya Spirit" descarga decenas de miles de toneladas de gas natural licuado, perante 24 horas que dura a mesma, aumentará de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a planta regasificadora, para todas as miles de persoas que moramos na contorna da Ría de Ferrol, dentro do radio de 2000 ou 3000 metros que no caso de deflagración térmica ou explosión, sería arrasado.

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, segue denunciando a unha planta de gas que non só pon en perigo as nosas vidas, contribúe ao deterioro da Ría e ao cambio climático, senón que foi construída ao amparo da corrupción económica e política. Foi construída e posta en funcionamento, sen avaliación ambiental e a sabendas de que, a súa localización, incumpría a lexislación medio ambiental en vigor. Confirmado por cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra do despropósito gasista de Reganosa. Agora co novo goberno se lle aproba a avaliación ambiental, sen ter en conta a súa localización, alegando que xa é unha infraestrutura construída e en funcionamento (prescisamente a aplicación da política de feitos consumados que buscaban os seus promotores). Reganosa segue funcionando sen permiso de construción, nin acta de autorización para operar, logo de ser anulados polas sentenzas na súa contra. A planta regasificadora tramita por terceira vez, estes permisos e autorizacións.

Acción de protesta este sábado 24 de abril

Este sábado 24 de abril, está convocada unha acción de protesta, ás 12 do mediodía, nas inmediacións da planta regasificadora, no Camiño O Penedo, na parroquía de Mehá, concentrando-se previamente, na Travesía A Pedreira. Acción apoiada polo Comité e convocada pola Coordinadora Galega por un reparto Xusto dos Fondos Europeos (Next Generation).

Planta de gas, fora da Ría !!

Gas Non é Solución !!


#GasNoneSolucion

Gas: os excesos dun sistema que pagas na factura. Un especial dixital realizado por "Ballena Blanca".

Gas e fracking. | Ecoloxistas en Acción.

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon