martes, abril 20, 2021

Unha análise crítica dalgúns puntos do Proxecto de Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia, aprobado o pasado mércores 13 de abril no Congreso


Posicionamento de AGAMME sobre o Proxecto de Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia

Trala lectura do Proxecto de Lei aprobado o pasado mércores 13 de abril, AGAMME, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores congratúlase dos avances logrados e das melloras na redacción do texto durante o trámite parlamentario.

Non obstante, a asociación detecta a permanencia de varios puntos sobre os que xa alertara no prego de enmendas que fixera chegar aos grupos parlamentarios en setembro do ano pasado. Varias cuestións que poderían crear contradición coa normativa europea e xerar desprotección ás vítimas.

AGAMME amósase especialmente preocupada por que no se considere maltrato a exposición de nenos, nenas e adolescentes a pornografía, sempre que a mesma teña sido solicitada ou consentida pola persoa menor de 18 anos, e sen límite de idade. Con esta redacción queda aberta a posibilidade de que servizos dixitais en liña oferten material pornográfico a menores de idade ou que persoas adultas lles amosen este tipo de contidos.

Outro dos puntos problemáticos é considerar a elección do lugar de domicilio habitual dos fillos e fillas como un dereito de ambos proxenitores. Establécese este principio independentemente de cal sexa o réxime de custodia e visitas, de que o lugar de domicilio dificulte ou non o contacto dos fillos e fillas co outro proxenitor e, incluso, de que existan contextos de violencia por parte dun dos proxenitores.

Ligado a isto, modifícase a definición do delito de sustracción de menores, de tal forma que cambiar de domicilio sen contar coa aprobación do outro proxenitor poderá ser tratado como unha acción delictiva, ignorando o risco que isto pode comportar no caso de mulleres vítimas ou nais de vítimas menores de idade.

Outras cuestións que preocupan á entidade refírese á consideración dos Servizos Sociais como Axentes da Autoridade, outorgándolles plena liberdade de acción nas situacións de urxencia. Ao mesmo tempo modifícase a definición de situación de risco (administrativamente anterior á declaración de desamparo), que inclúe a idea dos conflitos familiares e contempla como un dos indicadores que o neno ou a nena teña vivido en contextos de violencia de xénero. Desta forma ponse en interdito a capacidade das nais vítimas de violencia de xénero de atender adecuadamente as necesidades dos fillos e fillas, engadindo con iso un nivel máis de vitimización.

Prohíbese a aplicación da suposta síndrome de alienación parental, pero non se fai mención no apartado de formación específica de profesionais que non se admitirán este tipo de contidos nos programas. De feito, AGAMME considera insuficiente a medida de prohibir a utilización da suposta síndrome de alienación parental se non se describen os distintos aspectos teóricos e prácticos da mesma. Como advirte cada ano o Consello Xeral do Poder Xudicial na súa recomendación aos xuíces de que no utilicen esta pseudo teoría nas súas sentencias, unha das súas características é a facilidade coa que cambia a súa terminoloxía. O único que permanece estable son os seus principios metodolóxicos e de acción.

A Lei non garante os dereitos da vítima durante a súa declaración, ao non impedir de forma tallante a súa participación na vista oral. Ademais establece que durante a declaración do neno ou da nena vítima ou testemuña poderá estar presente a persoa acusada, debendo evitarse tan só o contacto visual. Isto é incorrecto dado que a Directiva Europea aclara que se evitará calquera contacto “directo ou indirecto”. Non se fixan prazos máximos para a realización da proba preconstituída dende a data da denuncia, nin as características dos espazos e dos medios técnicos. Por outra parte, a participación de profesionais expertos queda a decisión do tribunal. La lei non contempla diferenza ningunha entre menores de 14 e non considera que existan tramos de idade nos que a participación de persoa experta sexa imprescindible.

Para finalizar, aínda que se avanza no recoñecemento das necesidades de protección dos nenos e nenas vítimas de violencia de xénero, déixase unha marxe de acción aos tribunais quen, a instancia de parte, poden non aplicar as devanditas medidas coa fin de garantir o interese superior da persoa menor menor de idade. Desta forma regresamos a un tipo de pensamento   no cal se asenta a idea de que un proxenitor violento pode ser ao mesmo tempo un bo padre.

A asociación dirixirase nos próximos días á Ministra de Dereitos Sociais e aos grupos parlamentarios no Senado para facer chegar estas cuestións debidamente argumentadas.

Xunta Directiva de AGAMME, Ferrol, a 18 de abril de 2021






Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME): Asociación sen ánimo de lucro, fundada en 2010. Os seus obxectivos principais son a visibilización da problemática do maltrato infantil, e de forma sinalada o abuso sexual incestuoso, ofrecer apoio e información a vítimas e as súas familias ou profesionais que traballan habitualmente con nenos, nenas e adolescencia. Para rematar a participación en procesos lexislativos e a presentación de demandas á administración para o cumprimento da lexislación vixente [+Info].

Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
18 de abril de 2021 21:29

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon