martes, abril 20, 2021

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, envía o Documento Ambiental de Inicio do Plan Eólico de Brión á Asociación Comuneiros do Chá - Convocada unha xuntanza onde se convida ao movemento veciñal e asociativo de Ferrol, para este venres 23 de abril, nos locais da Xunta Veciñal de Doniños


A asociación de Comuneiros do Chá de Brión - Doniños, difunde a información que facilitou a Dirección Xeral de Enerxía e Minas sobre Plan Eólico de Brión e convoca unha xuntanza do movemento asociativo e veciñal de Ferrol, para analizar a documentación sobre o proxecto eólico na zona e continuar coa constitución dunha plataforma para a defensa dp medio ambiente e a irracional invasión eólica que proxectan facer no termino municipal. A xuntanza terá lugar o vindeiro venres 23 de abril, ás 5 da tarde no baixo do local social da Xunta Veciñal de Doniños.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, envía o Documento Ambiental de Inicio do Plan Eólico de Brión (Abril 2020)


A Asociación informa que segundo lles contestaron desde a citada Dirección Xeral:

Trátase do documento de inicio no que o promotor se fundamenta para solicitar o alcance que deberá ter o estudo de impacto ambiental. Tamén debe sinalarse que non existen expedientes abertos para as seguintes tramitacións e expedientes que menciona o interesado na súa solicitude:

Proxecto de instalación eléctrica de evacuación.
Expediente de autorización ambiental.
Expediente de autorización das instalacións ou informes sectoriais.
Expediente de declaración de utilidade pública/prevalencia.

Menciona que se fará un informe arqueolóxico aparte (que teriamos que solicitar se está feito). O propio documento actual recoñece que:

33 mámoas se verán afectadas, polos vías, gabias e aeroxeradores.

Tamén fala de que se fará outro informe de impacto e integración paisaxística.

Menciona que levará unha liña de evacuación de alta tensión de 2 Km dende a subestación do P.E (no medio da maior concentración de mámoas) ata a subestación do porto exterior. (proxecto aparte).

O informe sobre afeccións ás aves recoñecía que era medio alto.

As explanadas para a cimentación dos aeroxeradores son de máis de 2000 m2 cada unha e abranguen un total de 1,5 Ha e obviamente achaiarían os curutos.

A area total afectada por pistas, movementos de terras, acumulación de palas durante a montaxe, etc sería de máis de 14 Has.

En definitiva DESFARÍA a mellor zona do MONTE e deixaríao inutilizable para uso sociais e recreativos.

Ademais tivemos noticia da aparición na web do Rexistro eólico de OUTRA NOVA SOLICITUDE DE PARQUE EÓLICO no termo municipal de Ferrol, na zona dos montes de Mougá e Vilasánchez - A Bailadora, con 10 aeroxeradores, dúas torres meteorolóxicas e unha subestación.

Realmente enfrontamos, non tres parques eólicos senón un macroparque de máis de 50 MW fraccionado de xeito fraudulento.

Achegamos captura de pantalla da web do rexistro eólico de Galicia e localización aproximada das instalacións.

Tivemos noticia de que no pleno municipal de Ferrol do día 29 o BNG vai presentar unha moción acerca dos eólicos, tamén de que no pleno do concello de Lalín aprobouse por unanimidade unha moción de rexeitamento á avalancha de eólicos que vos enviamos adxunta. A asociación comuneiros do Chá vai solicitar estar presente nese pleno telemático.

Por todos estes motivos e tal como acordamos na reunión que tivemos antes de semana santa o tecido asociativo CONVOCAMOS:

A todas as ENTIDADES veciñais, culturais, deportivas, ecoloxistas, feministas e doutra índole que poidan sentirse afectadas por estes proxectos a REUNIRNOS para compartir información e coordinar accións.

O VENRES 23 DE ABRIL ÁS 5:00 H da tarde
Nos baixos do Local da XUNTA VECIÑAL DE DONIÑOS.


A reunión conta coa oportuna autorización e seguirá os protocolos covid.

AGARDÁMOSVOS e agradecemos a difusión desta convocatoria entre outras entidades que poidan estar interesadas en defender a nosa contorna.

Dende a asociación comuneiros do Chá recibimos da Dirección Xeral de Enerxía e Minas o documento de inicio do Proxecto Eólico, é un documento de hai un ano abril 2020. Co plano máis significativo da localización dos aeroxeradores:

Clicar na imaxe para acceder ao documento



Documento Ambiental de Inicio - Parque Eólico Brión | Promotor: LAN2030 BRIÓN, S.L. | Situación: TT.MM. FERROL (A CORUÑA). | Autor: MARÍA JESÚS IGLESIAS MOUTEIRA. | Ingeniera de Montes. Col. no 4278. Fecha: ABRIL 2020. 161 páxinas en formato pdf . 33,1 MB . | Acceder/Baixar.

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

Enviado por:
Comunidade Montes do Cha
-comunidade-montesdocha@hotmail.com-
20 de abril de 2021 19:34

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon