sábado, maio 15, 2021

Os ninguén denuncian desafiuzamento en Vigo: Esta nai precisa con urxencia unha vivenda en alugueiro social para o seu acollemento e para poder coidar, protexer e educar aos seus catro fillos menores, adolescentes, xoves e a unha neta - O desamparo residencial de nais con menores a cargo que non cobren necesidades básicas é dramático


Queremos informar de que na nosa cidade hai institucións públicas sen recursos de acollemento e protección de menores a cargo de nais empobrecidas.

Esta mañá (14.05.2021) acompañamos a unha nai (de catro fillos menores, adolescentes, xoves e a unha neta), que ás 10h  entregaba as chaves á comisión xudicial por facerse efectivo un despexo da vivenda que ocupaba en precario.

A esta familia foille imposible atopar unha vivenda alternativa en alugueiro, por ter uns ingresos de 450 euros mensuais, procedentes da RISGA.

No mercado libre estase pedindo aos arrendatarios unha nómina cun ano de antigüidade como mínimo, que teñan polo menos ingresos de mil euros mensuais, un aval bancario e un seguro.

O concello de Vigo ofreceuse a pagarlle a esta nai unha fianza e un ou dous meses de alugueiro no caso de conseguir ela un precontrato dun posible arrendador, igualmente ofrecéuselle unha praza de acollemento no albergue ou unha habitación nun hostal.

Esta nai non foi capaz de aceptar estas propostas, ao sentiren medo a disgregar aínda máis aos seus fillos.

En setembro do ano pasado, este despexo foi paralizado do piso que ocupaban, propiedade de UCI Santander, acadando unha moratoria ata decembro do 2020.

Ante a imposibilidade de alugar un piso no prazo acordado polas esixencias anteriormente nomeadas, o xulgado decidiu ordenar o despexo para hoxe, 14 de maio de 2021.

Esta nai precisa con urxencia unha vivenda en alugueiro social para o seu acollemento para poder coidar, protexer e educar aos seus queridos fillos.

O desamparo residencial de nais con menores a cargo que non cobren necesidades básicas é dramático, por seguir sinalando que a solución sería que atopen eles mesmas unha vivenda, sabendo que é practicamente imposible, con estes ingresos minorados e falla de garantías. É moi duro tentar nesta cidade alugar unha vivenda con 450 euros mensuais.

É urxente polo tanto poñer en marcha un consorcio de vivenda social en réxime de alugueiro, dende a Xunta de Galicia, coa colaboración do concello de Vigo, e reiteramos unha vez máis que seguiremos sinalando publicamente a falta de alternativas residenciais familiares por parte das institucións, precisando esta cidade con urxencia un plan de vivenda social sendo permanentes, confortables e suficientes para atender a estes casos tan dramáticos.

*Matizamos que a carencia na permanencia nese piso negociouse dende Benestar social municipal.

Aclarado isto, insistimos en que no novo plan de Vivenda da Xunta apenas hai tres parágrafos adicados a solucións sociais de vivenda. Esperamos que a nivel estatal saia adiante un pacto que aporte neste senso porque no caso contrario, en poucos meses, a situación será de auténtico colapso.

Precisamos todos os esforzos para acadaren alternativa residencial, o cal non significa regalar pisos, senón cedelos transitoriamente por un importe adecuado aos ingresos das familias. Se non chegamos a iso estamos perdidas.

Asumimos cada despexo executado como fracaso. Adiante e que sexa o último!

Polo dereito a unha vivenda digna !!

Nin casa sen xente, nin xente sen casa !!

✔ A nova en "La Voz de Galicia". | Desahuciada una familia que vive con una risga de 450 euros y no encuentra quien le alquile. Os Ninguéns demanda un parque de viviendas sociales en alquiler. | Ir á Web.

Fonte: Os Ninguén.

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra |
forosocialdeferrolterra@gmail.com
https://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
@StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra


_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon