luns, xuño 07, 2021

O buque gaseiro 'LNG Fukurokuju', está descargando, miles de toneladas de GNL para Reganosa, aumentando exponencialmente o perigo que xa de por si supón a localización da planta de gas no corazón da Ría de Ferrol, para as miles de persoas que moran na súa contorna


Na tarde do domingo 6 de xuño, arribou ao porto de Mugardos o buque gaseiro "LNG Fukurokuju", actualmente navegando baixo bandeira de Bahamas. Un buque de grande porte, de 293 metros de eslora e 49 de manga, construído en 2016.

O "LNG Fukurokuju", cargou o GNL, o pasados 27 e 28 de maio, na terminal do porto de Bonny (Nixeria), situado no Delta do Nixer, unha zona en conflito permanente e das máis contaminadas do mundo. Os continuados vertidos de petróleo, durante décadas, danaron o medio ambiente e a economía local, arruinado a vida da poboación do Delta.

O buque gaseiro "LNG Fukurokuju", está descargando en Punta Promontoiro, miles de toneladas de GNL para Reganosa, farao-no perante 24 horas que dura o transvase do gas natural licuado aos tanques, aumentando exponencialmente o perigo que xa de por si supón a localización da planta de gas no corazón da Ría de Ferrol, para as miles de persoas que moran na súa contorna.

Este gaseiro fai o número 299 desde que en maio de 2007 entrara, con forte oposición popular, o "Galicia Spirit".

O "LNG Fukurokuju" atracou no peirao de punta Promontoiro para descargar decenas de miles de toneladas de gas natural licuado, na terminal regasificadora de Mugardos. Unha vez máis negocio para ao holding multinacional do gas no que se converteu Reganosa e pobreza para a nosa Ría que vai sofrer o arrefriamento duns 2.500 millóns de litros das súas augas (entre 4 e 7°C), un proceso de esterilización das augas e a creación de Sopa Química. Son 2,5 millóns de toneladas de auga mariña, os que se van a utilizar na regasificación do LNG que descargou o buque, por medio dos vaporizadores con auga do mar.

Foto: O "LNG Fukurokuju" atracado en punta Promontoiro o 6 de xuño de 2021.

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon