xoves, xullo 15, 2021

A Xustiza condena á Xunta por negarlle a Adega o acceso a expedientes sancionadores sobre plantacións ilegais de eucaliptos - #Deseucaliptización


A Xustiza condena á Xunta por negarlle a ADEGA o acceso a expedientes sancionadores sobre plantacións ilegais

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de ratificar a sentenza do Xulgado contencioso-administrativo nº 2 de Lugo polo que se admite a demanda de ADEGA contra a resolución da Consellaría de Medio Rural que denega á asociación ecoloxista ser parte interesada en dous procedementos sancionadores relativos a plantacións ilegais de eucaliptos no concello de Begonte.

Con este fallo, contra o que xa non cabe recurso, ADEGA consegue de novo vencer nos tribunais a pretensión da Administración pública de dificultar o acceso á información contida en expedientes administrativos que afectan directa ou indirectamente ao medio ambiente galego. O TSXG desestima o recurso de apelación presentado pola Consellaría de Medio Rural contra o fallo do xulgado contencioso-administrativo de Lugo que admite a demanda de ADEGA e obriga á Xunta a facilitarlle a esta entidade -nun período improrrogable de un mes desde que a sentenza sexa firme- a información contida en dous expedientes sancionadores incoados por corta de árbores autóctonas e posterior plantación ilegal con eucaliptos, feitos que foron denunciados por ADEGA no ano 2017.

O fallo do TSXG é especialmente relevante por canto confirma que ADEGA está totalmente lexitimada para ostentar a condición de interesada en todos aqueles expedientes sancionadores que teñan a ver con plantacións ilegais e, por extensión, con todos aqueles “feitos que comprometan directa ou indirectamente o medio ambiente”. Acadaría a condición de interesada en virtude da aplicación do réxime xurídico específico de acceso e participación pública e acceso á xustiza en materia ambiental derivado do Convenio Aarhus de 1998, ratificado polo Estado español en 2004, e regulado dous anos despois a través da Lei 27/2006. Esta normativa permite ás entidades sen ánimo de lucro que cumpran os requirimentos establecidos nos artigo 23 da devandita lei a “recorrer omisións imputables ás autoridades públicas que vulneren as normas relacionadas co Medio Ambiente” e, por tanto, concédelles o dereito a persoarse tamén nos expedientes sancionadores. Así pois, segundo o TSXG, a denegación por parte da Consellaría de Medio Rural da condición de interesada a ADEGA e do acceso á información contida neses expedientes, estaría furtando de facto o dereito da entidade ecoloxista de poder “impugnar ou replicar a decisión da administración nos procedementos sancionadores, que podería ser contraria á protección do medio ambiente”, principal obxecto social de ADEGA.

O absurdo e inxustificábel argumentario da Xunta

A Xefatura Territorial de Medio Rural en Lugo, mediante escrito do 23 de marzo de 2017, fundamentaba a súa negativa de dar acceso á información solicitada pola asociación ecoloxista ADEGA ao entender que dita información non ten carácter ambiental, malia a atender aos procedementos sancionadores por dúas plantacións ilegais, engadindo que tampouco é unha información “ambientalmente relevante”. Incluso chega a cuestionar que unha plantación ilegal (neste caso de eucaliptos, tras corta tamén irregular de bosque autóctono) teña que ter necesariamente unha incidencia ambiental.

Deste xeito, a Xefatura Territorial de Medio Rural pon de manifesto a súa concepción nesgada e cativa de información ambiental, restrinxindo esta só a aquela que, ou ben afecta a espazos naturais protexidos, ou ben faga referencia a feitos que precisen do pronunciamento expreso da Consellaría de Medio Ambiente: “Esta incidencia no medio ambiente tampouco pode sosterse por non constituír a totalidade do territorio forestal desta provincia un espazo natural protexido nin ter réxime legal aplicable ao efecto”.

Así mesmo, no escrito de oposición á demanda presentado pola Xunta, a Consellaría de Medio Rural considera satisfeitos os dereitos de información de ADEGA, tras serlle indicado unicamente en que estado de tramitación se atopaban os procedementos sancionadores. Esta tese non se ve refrendada nin polo tribunal contencioso-administrativo de Lugo, nin polo TSXG, que constatan a deficiencia da existencia da figura de “satisfacción extraprocesal”, “posto que se lle pecha o paso a indagar o seu resultado -dos expedientes sancionadores- en última instancia”.

Ao mesmo tempo, Medio Rural chega a asegurar que debe prevalecer o interese do infractor fronte os dereitos do colectivo á información ambiental: “...o dereito á información ambiental ten límites e neste caso debe prevalecer o interese do procedemento sancionador que atribúe a lexitimación aos afectados directa e individualmente pola resolución sancionadora”. Porén, este argumento tamén é criticado contundentemente polos tribunais: “Non hai interese que poida primar máis que a protección do amentado ben xurídico que é o medio ambiente, porque ademais co acceso á vía administrativa e no seu caso xurisdicional non se está privando do exercicio de ningún interese ou dereito, véxase que a Administración non queda privada da súa potestade sancionadora e, polo seu lado, o suposto infractor segue podendo dirimir nel o seu dereito de defensa”.

A Xunta, mesmo advirte a ADEGA da inutilidade de acudir a instancias xudiciais, gabándose de que cando chegue o fallo, aínda sendo favorábel á demandante, os procedementos sancionadores xa estarían resoltos: “...carecerá de obxecto cando se dicte esta sentenza a atribución da legitimación que interesa á recurrente porque os expedientes xa estarán resoltos”. Porén, e malia a demora do fallo, nunca é tarde para facer valer os lexítimos dereitos de acceso e participación pública da sociedade galega nos actos administrativos que afecten ao medio ambiente, fronte a intencionalidade manifesta de ocultamento e falta de transparencia dalgunhas administracións.

Maior opacidade administrativa desde o cambio de Xefatura Territorial

A opacidade da xefatura territorial da Consellaría de Medio Rural en Lugo con respecto á tramitación das denuncias por cortas de arboredo autóctono e plantacións ilegais con eucalipto fíxose especialmente patente desde o nomeamento da alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias Fontal como Xefa Territorial en 2017. Desde entón, este departamento aplícalle a ADEGA por defecto o silencio administrativo diante de calquera solicitude expresa de información ou de personamento en expedientes administrativos relativos a infraccións por cortas ou plantacións ilegais efectuadas na provincia. Precisamente, foi coa súa chegada, cando se produciu a primeira denegación de admisión como parte interesada a ADEGA nos expedientes sancionadores incoados polo incumprimento da Lei de Montes de Galicia, a meirande parte deles, resultantes de denuncias presentadas por esta asociación ecoloxista. Esta negativa foi a que deu lugar ao recurso contencioso-administrativo de ADEGA cuxa sentenza favorable se vén de resolver con carácter firme no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Desde ADEGA seguiremos exercendo, a partires de agora con máis razón, o noso dereito á información ambiental fronte aos intentos dalgúns cargos públicos de coartar o acceso a este tipo de información ou de vulnerar a lexislación co ánimo de favorecer aos infractores fronte a protección do medio ambiente galego.

Descargas

Sentenza TSXG desestimatoria recurso apelación Xunta 23.04.21.
✅  Sentenza estimatoria Contencioso-Administrativo Lugo 23.12.19.
✅  Notificación da XT de Lugo sobre inadmisión de ADEGA como parte interesada 27.03.2017.

#Deseucaliptización

Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Enviado por:
Miguel Anjo -Delegado de Adega-Trasancos
-adegatrasancos@adega.gal-
14 de julho de 2021 11:35

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon