Ante o desleixo do Goberno do Concello de Ferrol para executar o acordo Plenario do 29 de setembro do 2017, para erixir un Monumento como Memorial de dignidade para homes e mulleres asasinados do franquismo, convocase un acto reivindicativo e homenaxe na Praza de Armas diante do Pazo Municipal, o día 18 de xullo ás 12 do mediodía
PRO MEMORIAL ASASINADOS POLO FRANQUISMO
De Ferrolterra, Eume e Ortegal
O pasado 1 de xullo, reunían-se 23 persoas, co apoio de 100 máis, para recuperar a iniciativa para erixir un Monumento como Memorial de dignidade para homes e mulleres asasinados do franquismo, comprometidas co ánimo de seguir apoiando a causa, despois de deixar claro o desleixo do Goberno Municipal do Concello de Ferrol para a erección do MONUMENTO ÁS VÍTIMAS DE FRANQUISMO, que fora acordado por un Pleno Municipal o 29 de setembro do 2017. Quedou constituída unha Comisión, conformada por Mar Sabín Sueiras, Iván Rivas Rico, Ton Blanco Carballo, Suso Basterrechea, Anxo Ferreiro Currás e Vicente Couce Ferreira, para organizar o Acto que se acordou facer o vindeiro domingo 18 de xullo, ás 12 do mediodía, na Praza de Armas, diante do Pazo Municipal, para dignificar estas vítimas que loitaron pola democracia e pola liberdade e demandar do Concello a execución do citado acordo Plenario.
Para o acto elaborara-se un cartaz onde diga:
PRO MEMORIAL ASASINADOS POLO FRANQUISMO e coa listaxe das vítimas que nos proporcionaron os autores e historiadores: Xosé Manuel Suárez e Bernardo Máiz Vázquez, historiadores e promotores da iniciativa aprobada a quen se lle confiara a elaboración da nómina de vítimas.
A CONVOCATORIA FAI UN CHAMAMENTO A VECIÑANZA E ÁS PERSOAS QUE SODES FAMILIA DAS VÍTIMAS, QUE VIVIRON O TERROR, SILENCIO E ESQUECEMENTO
Sabemos que aínda hai familiares das vítimas que viven a tristeza dos seres queridos que loitaron e deron a vida pola democracia, pola liberdade contra do fascismo. Tamén sabemos que sufriron o abandono e o esquecemento de Ferrol, Ferrol viviu nun terror imposto por unha ditadura atroz. Exiximos do Concello de unha vez por todas levante ese Monumento como Memorial de dignidade para homes e mulleres e queden os seus nomes gravados de forma indelébel. Nós estaremos na fronte e non pararemos ate que o Concello faga o MONUMENTO ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO. Se non o pode facer que delegue.
En Xullo de 2018, fai tres anos, o Concello facía o chamamento logo de ser aprobado o Memorial nun Pleno Municipal que transcribimos a continuación:
Chamamento ás vítimas do franquismo. 1936-1976.
En xullo do 1936 importantes seccións do Exército español erguéronse en armas contra da legalidade republicana, desencadeando unha guerra de tres anos. A represión foi o medio principal para acadar un Nuevo Estado asentado de maneira permanente nunha represión metódica e implacable, un réxime que nunca se someteu a ningún control democrático: aquel tempo cruel durou ata 1976, catro décadas.
O Pleno municipal de Ferrol aprobou o 29 de setembro do 2017 (sen ningún voto en contra) a construción dun MEMORIAL que recollerá a lista nominal de vítimas do franquismo nos territorios de Eume-Ferrolterra-Ortegal, tomando como centro de referencia Ferrol como lugar onde a represión mortal foi cuantitativamente máis elevada.
A elaboración da nómina de vítimas foi confiada aos Drs. Hª. Bernardo Máiz Vázquez e Xosé Manuel Suárez como propoñentes dun proxecto elevado para o seu coñecemento e financiación á Mancomunidade, á Deputación e aos 21 concellos da área estudada. Non imos detallar agora as dificultades para pescudar as identidades de todas as vítimas. Nesta altura, os profesores Máiz e Suárez, como produto do xa esculcado, contrastado na análise dos sumarios dos consellos de guerra que produciu a represión e coa investigación en rexistros civís e parroquiais, contan cunha moi fiable e completa base de datos de persoas represaliadas con nomes, datas, lugares, ...
Podemos adiantar que de Ortegal ao Eume o número de vítimas de fusilamentos e de ”paseos” entre 1936 e 1939 supera con moito ás oitocentas. Tristemente, a represión continuou durante toda a Ditadura e aínda sobrepasou á morte do ditador, de xeito que a cifra total de persoas asasinadas ata 1976 achegase ás mil.
A lista permanecerá 15 días na páxina WEB do Concello de Ferrol, PREGAMOS COMUNIQUEN AS INEXACTITUDES, OMISIÓNS, ERROS, AUSENCIAS,... CUBRINDO O FORMULARIO ADXUNTO.
Con este MEMORIAL, renderemos homenaxe perdurable ás mulleres e homes que entre 1936 e 1976 deron a súa vida na defensa da democracia e a igualdade.
Ferrol. Xuño 2018.
LISTAXE PROVISIONAL REXISTRADO NO CONCELLO NO SEU MOMENTO, ACADABAN A 984 PERSOAS
Pode consultar a Listaxe de vítimas do franquismo 1936-1976 (Eume-Ferrolterra-Ortegal), elaborada en 2018, premendo no documento da dereita. | Acceder/Baixar.
PARTICIPA NA HOMENAXE A ESTES ASASINADOS, HEROES E MÁRTIRES !!
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon