O BOE publica hoxe 9 de xullo de 2021, a vergoñenta Resolución de 29 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se outorga a Reganosa, autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da planta de gas de Mugardos, [1] despois de estar construída e 14 anos despois de entrar en funcionamento. A resolución non causa sorpresa, si o causa, que saia agora cando está a punto de ditar-se a Sentenza que con toda probabilidade anulará a segunda autorización, unha casual sincronización entre a xudicatura e a administración.
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, segue denunciando a unha planta de gas que non só pon en perigo as nosas vidas, contribúe ao deterioro da Ría e ao cambio climático, senón que foi construída ao amparo da corrupción económica e política. Foi construída e posta en funcionamento, sen avaliación ambiental e a sabendas de que, a súa localización, incumpría a lexislación medio ambiental en vigor. Aplicando unha política de feitos consumados. Confirmado por cinco sentenzas do Tribunal Supremo.
Consigue esta autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución, 17 anos despois de que se comezaran a executar as obras de construción e 14 despois de que comezara a operar coa accidentada entrada do "LNG Galicia Spirit" en maio de 2007. Antes de conseguir a autorización, máis de 38 millóns de m3 de GNL foron descargados por 301 buques gaseiros. E uns 753 millóns de litros de auga esterilizada e con sopa química, foron deitados á Ría, no proceso de regasificación cos vaporizadores. Sobre unhas 15.000 cisternas cargaron GNL da Planta. Sen contar os buques que cargaron para levar o GNL (Manobra á inversa) desde Reganosa ao mercado especulativo do gas e os que estiveron arrefriando os tanques despois dunha reparación ou parada. Todo un despropósito e un grande negocio para uns poucos.
A construción e posta en funcionamento de Reganosa, tivo un custo de tan só 333 millóns de euros, cando por retribucións do sistema gasista xa cobraron máis de 670 millóns, sen contar as retribucións variábeis en función do uso (regasificación, posta en frío, carga de cisternas, ...). Este dato obtívose da resposta á pregunta escrita ao congreso de ref. 184/35477, do 17/02/2021, 89682. O que supón unha sangría para o sistema gasista. Que pagamos todos nós, para un negocio privado.
Reganosa foi construída de xeito fraudulento ao amparo dun acordo confidencial, asinado o 20 de xullo do ano 2000, baixo o paraugas do goberno Fraga, con empresas multinacionais da enerxía, o Grupo Tojeiro e Caixa Galicia, entidade financeira corrompida pola súa directiva, hoxe moitos dos seus membros condenados por sentenza firme. Nun dos seus parágrafos a Xunta comprometía-se a tramitar "coa máxima celeridade todas as actuacións administrativas necesarias para a obtención de licenzas que dependan dela e instará e axudará ao máximo no que competa a outras administracións ate o normal funcionamento da planta e a rede de gasoductos", logo viñeron as sentenzas do Supremo, para tumbar todo.
O requisito de "adecuación urbanística", resolveron-no, o 20 de xuño de 2012, coa complicidade política e institucional do Concello de Mugardos e a Xunta de Galicia, adecuando, cinco anos despois da posta en funcionamento e case 10 desde que se iniciara a súa construción, o PAXOM aos intereses de Reganosa. Despois dunha Sentenza do Tribunal Supremo ratificando a sentenza do TSXG que anulaba a resolución do pleno do concello de Mugardos onde se modificaba o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mugardos para facilitar a instalación de Reganosa, mais sen que esta modificación puntual fora sometida a avaliación de impacto ambiental. Outra ilegalidade filla do famoso acordo confidencial do 2000 auspiciado por Manuel Fraga, Cholo Orza (Conselleiro de Economía e socio do Grupo Tojeiro) e o vello Tojeiro.
Todo o proceso administrativo de Reganosa estivo cheo de irregularidades, ás cinco sentenzas do Tribunal Supremo contra a planta de gas confirmaron-no, os promotores, o Grupo Tojeiro, sempre contaron co apoio institucional, político e mediático. Construíron a planta en Punta Promontoiro, beneficiando-se dun pelotazo urbanístico, e a sabendas de que non se podía nesa localización, pois non cumpría as condicións de seguridade e protección do medio ambiente, pois son imposíbeis de cumprir, pola localización da planta dentro da Ría a poucos metros de núcleos de poboación; á beira dun complexo pretroquímico que pode almacenar ate 300.000 m3 de líquidos tóxicos e inflamábeis, unha fábrica de colas e unha planta de coxeneración eléctrica que queima fueloi que traen quimiqueiros que atracan a poucos metros do pantalán dos gaseiros; situada apenas a 1.000 metros da Casa do Concello no centro de Mugardos, a pouco máis de 1.500 metros dunha base naval militar, a pouco máis de 1.000 metros da base de estacionamento das fragatas F-100, do Arsenal Militar e de Navantia; a pouco máis de 2.000 metros da delegación de 'La Voz de Galicia' en Ferrol; os buques gaseiros teñen que atravesar un sinuoso, estreito, pouco profundo, longo e de fondo rochoso, canle de entrada da Ría polo que en caso de emerxencia, o buque non pode saír polos seus propios medios como require a normativa de seguridade [2], e nun radio de 3.000 metros habitan 45.000 persoas. E a este potencial perigo hai que engadir a terminal de carga de GNL para camións cisternas dentro do recinto que cargan uns 502 m3 de GNL semanais.
Reganosa é a única instalación enerxética que necesitou ate por tres veces solicitar autorizacións para a súa execución e poder seguir en funcionamento. As primeiras [3] foran anuladas por dúas sentenzas do Tribunal Supremo [4]. Na actualidade o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, ten demandado ante o Tribunal Supremo, a Segunda Autorización da que non tardará en saír a sentenza. Esta segunda autorización [5] foi outorgada despois de que o goberno de Mariano Rajoy resolvera eximir a Reganosa de someter-se á avaliación ambiental, [6] resolución que foi anulada por unha Sentenza do Tribunal Supremo, [7] foi por iso polo que Reganosa tivo que volver a solicitar unha terceira "autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución" que agora lle foi concedida por esta resolución que foi publicada hoxe no BOE.
Na actualidade Reganosa [8], converteu-se nun holding multinacional, a pesares de ser unha empresa cuestionada e de malas prácticas no proceso de localización, construción e funcionamento, condenada polo Tribunal Supremo en cinco ocasións, forma parte a proposta do Presidente Nuñez Feijóo da sociedade encargada da xestión dos Fondos Europeos Next Generation na Galiza e hai uns días saíu publicamente como promotora dun proxecto de produción de hidroxeno verde e outras iniciativas enerxéticas xunto á multinacional de matriz portuguesa EDPR, apuntando-se á carreira para o negocio "verde" e contribuír a inflar a burbulla do hidróxeno.
Notas.-
[1] Terceira e Actual Autorización: Resolución de 29 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se outorga a Regasificadora do Noroeste, SA, autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da planta de recepción, almacenamento e regasificación de GNL de Mugardos (A Coruña). | BOE» núm. 163, de 9 de xullo de 2021, páxinas 82408 a 82420 (13 páxinas) Departamento: Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. | Ir ao BOE.
[2] UNE EN ISO 28460:2011 - Industrias do petróleo e do gas natural. Instalacións e equipamento para gas natural licuado. Interfaz terra-navío e operacións portuarias - ISO 28460:2010.
[3] Primeira autorizacións e permiso: Resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas pola que se outorga a "Regasificadora do Noroeste, Sociedade Anónima" (REGANOSA) autorización administrativa previa para a instalación dunha planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos (A Coruña). BOE núm. 176, de 24 de xullo de 2002, páxinas 6032 a 6033 (2 páxs.) Departamento: Ministerio de Economía. | Ir ao BOE. | Resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, de 13 de febreiro de 2004, que aprobou o proxecto de execución das instalacións da planta de recepción, almacenamento e regasificación de GNL, no término municipal de Mugardos. | Con data 7 de novembro de 2007, estendeuse a acta de posta en servizo da planta pola Dirección do Área de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno na Coruña.
[4] Sentenzas do Tribunal Supremo núm. 695/2016, de 28 de marzo de 2016, e núm. 889/2016, de 25 de abril de 2016. | Ir ás Sentenzas.
[5] Segunda Autorización: Resolución de 7 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se outorga a Reganosa, autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado de Mugardos (A Coruña). BOE» núm. 165, de 9 de xullo de 2016, páxinas 48146 a 48158 (13 páxs.) | Departamento: Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. | Ir ao BOE.
[6] Resolución do Consello de Ministros do 29 de Maio de 2016 polo que o Goberno en funcións de Mariano Rajoy, acordou excluír á planta de gas de Reganosa da tramitación ambiental, alegando carácter de urxencia para que seguira funcionando. | Ir á Resolución.
[7] Sentenza 1075/2019 do Tribunal Supremo. | Sala do do Contencioso Administrativo - Sección Quinta - 16.07.2019 | Recurso Ordinario 4825/2016. | A planta de gas de Reganosa aséntase nun cúmulo de ilegalidades, esta é a quinta sentencia do Supremo na súa contra. Agora, en sentenza inapelable que ven de anular a Resolución do Consello de Ministros do 29 de Maio de 2016 polo que o Goberno en funcións de Mariano Rajoy, acordou excluír á planta de gas de Reganosa da tramitación ambiental, alegando carácter de urxencia para que seguira funcionando, incorrendo en manifesta ilegalidade, logo de que o Supremo anulara en catro sentenzas firmes anteriores, as diferentes autorizacións outorgadas a Reganosa: modificación do Plan de Urbanismo, administrativa previa, autorización de construción e Plan de Emerxencia. | 13 páxinas formato pdf. | Recorría a Plataforma Veciñal da parroquia de Mehá. | Acceder/Baixar.
[8] O Grupo ToJeiro ten na actualidade o 59,64% das accións do holding gasista que controla Reganosa. | Co propósito de progresar no mercado global, os accionistas maioritarios de Reganosa formalizaron a creación dunha multinacional da enerxía de matriz galega. Desde este momento, unha matriz con sé en Mugardos, Reganosa Holdco, pasa a xestionar tres sociedades: Regasificadora do Noroeste, que é xestor cualificado da rede de transporte (TSO), opera o seu propio gasoduto e posúe a terminal de GNL do porto de Ferrol; unha para a prestación de servizos, Reganosa Servizos, que xa opera a terminal de GNL de Malta e outra en Cerdeña (Italia); e outra para o investimento en activos, Reganosa Asset Investments. | A actividade gasista de REGANOSA, que consiste principalmente na xestión de infraestruturas de Gas Natural Licuado (GNL) prestando servizos de carga e descarga de buques, gassing up e cool down, almacenamento de GNL, regasificación e carga de cisternas, e na xestión de redes de transporte de gas (TSO). Así, REGANOSA desenvolve operacións en España á vez que realiza actividades de servizos de operación, mantemento e apoio técnico das actividades enerxéticas en: Alemaña, Italia, Kuwait, Brasil, Chile, Canadá, Ghana e Mozambique.
_______
1 comentarios so far
Creo que hay que tener una lista con nombres y apellidos de las personas responsables de toda esta ilegalidad, además de los organismos.
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon