martes, agosto 31, 2021

A sociedade de gandeiros galegos Leite Noso, impulsora da marca Deleite, presentou esta sexta feira en Compostela un novo produto que, segundo afirman, 'revolucionará' o mercado - Deleite A2A2, un novo produto creado a partir de recuperar a beta-caseína orixinal A2


Deleite busca "revolucionar" o mercado apostando polo leite orixinal natural A2

Leite Noso presentou en sociedade a Deleite A2A2, un novo produto creado a partir de recuperar a beta-caseína orixinal A2 e prescindindo da A1, habitual no leite actual e relacionada con molestias dixestivas. Comercializarase en todo o Estado español e as súas granxas cobrarán un suplemento.


A sociedade de gandeiros galegos Leite Noso, impulsora da marca Deleite, presentou esta sexta feira en Compostela un novo produto que, segundo afirman, "revolucionará" o mercado. Trátase dun leite que contén de maneira exclusiva proteínas con beta-caseína A2 e evita as que teñan A1, habituais no leite convencional, por estaren relacionadas coas molestias dixestivas dunha parte da poboación.

Pedro González, director executivo da empresa, explicou que os estudos clínicos comprobaron que "ao redor dun 34% da poboación do Estado español aseguran que teñen molestias co leite e só hai un 5% que é intolerante en realidade". Esa diferenza sería a que causaría a beta-caseína A1 e un dos factores polos que durante estes anos unha parte da poboación decidiu mudar os seus hábitos cara a outros produtos como os leites vexetais, malia teren un prezo moito maior.

"Buscamos volver ao leite orixinario anterior á mutación xenética que hai 8.000 anos causou a aparición da A1 e recuperar toda esa xente que deixou de consumir leite", resumiu.

Outro factor positivo da A2 é o seu efecto a nivel inmunolóxico, ao reducir os marcadores inflamatorios intestinais e diminuír a presenza do aminoácido BCM-7, que pode ter efectos adversos na saúde, e aumenta a produción natural do antioxidante glutatión. Alén diso, o leite A2 contén niveis de lactosa comparábeis ao leite estándar.

Porén, segundo explicaron desde Leite Noso sinalando estudos clínicos, parte dos problemas de intolerancia que se asocian normalmente á lactosa, un azucre presente no leite, débense en realidade á proteína A1 polo que a A2 con lactosa mellora algúns dos síntomas.

Cinco anos de traballo en silencio nas explotacións


O proceso para chegar a conseguir leite exclusivo con A2 non foi doado. González sinalou que levan desde que se fundou Leite Noso, en maio de 2016, traballando neste proxecto e seleccionando nas diferentes explotacións da sociedade, vendendo aquelas que tiñan a beta-caseína A1, para facelo realidade. "Coa chegada da pandemia complicouse, mais conseguimos superar todos os atrancos, mesmo o de manter en segredo tanto tempo este proxecto", indicou o xerente da empresa.

Jesús González, da explotación máis importante da empresa, relata que o primeiro paso foi realizar analíticas a todos os animais e separar as que só tiñan A2. “Fixemos un lote e enviámolo sen que tivera contacto coas de A1, muxímolas apartadas”, conta este gandeiro.

Polo de agora as granxas grandes son as máis adiantadas neste proceso con porcentaxes importantes de vacas con esta característica. En todo caso contan con tanques diferenciados para que as que aínda non se mudaron non interfiran na produción. Para certificalo, pasan periodicamente unha auditoría.

Aumentar mercado mellorando o produto

O leite A2 comezouse a producir e a elaborar hai máis de 15 anos en Nova Zelanda e desde ese país estendeuse aos Estados Unidos de América, China ou Australia. A proposta de Deleite será a primeira que se realice no Estado español. A nivel europeo hai algún exemplo de pequena comercialización en Holanda mais a marca galega será pioneira en apostar pola súa presenza nos lineais dos máis importantes supermercados ademais de seguir contando cos pequenos estabelecementos de proximidade.

Polo de agora manterán a produción en 80 millóns de litros de leite que envasan nas instalacións de Lactogal, en Pontedeume, agardando ver a resposta que ten nas e nos consumidores. En todo caso, aseguran que o abastecemento no mercado galego está asegurado.

Prezos xustos para gandeiras e gandeiros

"Fomos os primeiros en facer contratos estábeis de un ano", lembrou o xerente de Leite Noso, "e en abril de 2020 cando se incorporaron as explotacións máis importantes das comarcas da Coruña e Lugo, ampliámolo a tres anos con prezos xustos", engadiu.

Nesta mesma liña González asegurou que as granxas que lle entreguen a Deleite leite A2 asinaron nos últimos meses contratos a un prezo diferencial, por riba do que se paga polo leite convencional en cinco céntimos. A intención é beneficiar o traballo das explotacións que participan na marca impulsada polos propios gandeiros e gandeiras. Neste sentido, nos puntos de venda Deleite situarase na liña de prezos das marcas premium aínda que cunha oferta de lanzamento nas primeiras semanas.

"Mudamos todo, a partir de agora mesmo desaparece Deleite como leite convencional e pasa a ser todo A2", concretou González, "competirá co resto de leites nos mesmos lineais por considerar que non é especial, mais pensamos que o futuro está neste produto". Iso si, asegura que manterán o compromiso coa lingua e a cultura galegas polo que toda a rotulación, aínda que se distribúa fóra da Galiza, continuará a ser en galego.

Publicado en Nós Diario. | 27.08.2021

Foto: Pedro González, á esquerda, xunto membros e gandeiros de Leite Noso na presentación. (Foto: Arxina)
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon