Foto: o LNG Ogun a menos de 100 metros do quimiqueiro 'Minerva Grace', no Porto de Punta Promontorio (Mugardos), na Ría de Ferrol. |
O 'LNG Ogun', é un buque gaseiro de grande porte, con 285 metros de eslora por 43 de manga, que navega baixo bandeira de conveniencia de Bermuda, construído en 2007. O 'LNG Ogun' arribou ao peirao de Punta Promontorio (Mugardos), procedente do Delta do Nixer (Bonny - Nixeria). Atracaba a primeira hora da mañá do pasado martes 28 de setembro, para descargar 141.041,3 m3 de GNL para Reganosa, proceso que durou unhas 24 horas. Perante ese tempo que durou a manobra de descarga do gaseiro, coincidiu no mesmo peirao, de apenas 650 metros de lonxitude, co buque quimiqueiro 'Minerva Grace' na zona de carga/descarga de graneis líquidos, un buque construído en 2005 de 183 m de eslora e 32 de manga e navegando baixo bandeira de conveniencia de Malta. Se a isto sumamos-lle a xa de por si perigosidade da planta regasificadora, localizada no Corazón da Ría de Ferrol, encostada ao complexo petroquímico, onde están presentes sustancias perigosas, inflamábeis e tóxicas para as persoas e para os organismos e animais mariños. Complexo conformado por Forestal del Atlántico e Imegasa, afectadas ambas as dúas, polas disposicións do Real decreto 840/2015, de 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan sustancias perigosas, sumado ás cisternas de Reganosa cargando GNL e ás de Forestal cargando fuel-óleo, metanol e formol.
Para a poboación que moramos na contorna da Ría significa aumentar as probabilidades de risco. Para o Grupo Tojeiro e o holding gasista supón un bo negocio.
Aínda que se lle outorgara a DIA, o 2 de decembro de 2020 (17 anos despois de comezar a construír-se, 13 anos despois de que comezara a funcionar e 5 sentenzas firmes do Tribunal Supremo na súa contra), en resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental -pola que se formulou Declaración de Impacto Ambienta (DIA) do proxecto de instalación da planta de gas-, os requisitos de "condicións de seguridade e protección do medio ambiente", son imposíbeis de conseguir, pola localización da planta dentro da Ría a poucos metros de núcleos de poboación, á beira dun complexo pretroquímico (que almacena máis de 300.000 m3 de liquidos inflamábeis), unha fábrica de colas (Imegasa) e unha planta de coxeneración eléctrica (que funciona a base de queimar fuel-oil), unha base naval militar e ter que atravesar os buques gaseiros un sinuoso, estreito, pouco profundo, longo e de fondo rochoso canle de entrada da Ría o que imposibilita ao buque saír polos seus propios medios como require a normativa UNE EN ISO 28460:2011 (Industrias do petróleo e do gas natural. Instalacións e equipamento para gas natural licuado. Interfaz terra-navío e operacións portuarias - ISO 28460:2010).
O buque quimiqueiro 'Minerva Grace' estaba a menos de 100 metros do 'LNG Ogun'. A normativa marca unha distancia mínima de 200 metros, nestes casos no que o gaseiro vai cargar GNL en Reganosa, cuestión que reiteradamente se está incumprindo, co consentimento das administracións e a vista gorda (moi gorda) da Autoridade Portuaria, que é a encargada de controlalo. Feitos que este CCE ten denunciado, en numerosas ocasións, e á Dirección Xeral da Mariña Mercante, que pasa tamén do tema.
Irresponsabilidade e lamentacións
Cando ocorra una desgracia, ninguén se sentirá culpábel de estar sempre mirando para outro lado en beneficio dos intereses dunha empresa perigosa, innecesaria e dunhas personaxes que levan 20 anos beneficiándose, para lucro privado, do diñeiro público e 13 anos recibindo retribucións públicas só por regasificar e transportar, e de todas as trampas e ilegalidades, a costa da nosa seguridade.
#GasNoneSolucion
#PlataDeGasForaDaRia
✔ Gas: os excesos dun sistema que pagas na factura. Un especial dixital realizado por "Ballena Blanca".
Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon