luns, outubro 04, 2021

O movimento de pensionistas de todo o Estado concentrara-se en Madrid o sábado 16 de outubro - A Plataforma de Ferrolterra na Defensa das Pensións Públicas organiza un autobús para participar na convocatoria - Polas pensións presentes e futuras... Participa !!


O pasado sábado 2 de outubro, tiña lugar unha marcha en Madrid convocada por máis de 90 organizacións e colectivos, na defensa dos dereitos sociais e os servizos públicos: pensións, dereitos laborais, igualdade, sanidade, educación, vivenda, atención social, residencias, transporte público, subministracións básicas, ecoloxismo, co obxectivo de defender uns dereitos e servizos públicos de calidade, universais e sostíbeis. Para o movemento na defensa das pensións públicas que participamos nesa marcha foi un avance da mobilización que está convocada para o vindeiro sábado 16 de outubro, tamén en Madrid, onde a grande maioría das plataformas de pensionistas puxémonos de acordo para a convocatoria desta grande mobilización unitaria. Desde a nosa comarca a Plataforma de Ferrolterra na Defensa das Pensións Públicas, estamos integrada na plataforma galega MODEPEN, imos ir a Madrid, para participar na mobilización, para o cal fretamos un autobús que sairá ás 12 da noite da Praza 10 de Marzo de Ferrol, pasando por Caranza, Fene e Cabanas, o regreso será o sábado 16 de outubro, sobre as 2 da tarde, unha vez rematada a concentración que terá lugar nas inmediacións do Congreso do Deputados, ás 12 do mediodía. O prezo do bus é de 32 euros ida e volta, o bus está adaptado ás normas covid, con dous condutores, con baño e sistema de ventilación adecuado. Para apuntar-se hau dous teléfonos de contacto o 616868602 e o 629850305.

Polas pensións presentes e futuras... Participa !!

En Madrid tamén imos a entregar aos grupos parlamentarios, as miles de sinaturas demandando unha auditoría das contas da Seguridade Social.

Valoración do MODEPEN do Acordo sobre Pensións de 28 de xuño de 2021

O 28 de xuño as organizacións sindicais CCOO e UGT, as patronais CEOE e CEPYME e o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións chegaron a un acordo para reformar o sistema público de pensións.

O Movemento Social en Defensa das Pensións Públicas (MSDPP) non foi convocado para a negociación [*]. É xa unha práctica internacional consolidada que, para acordar decisións de importancia estratéxica, se conte coas organizacións representativas da sociedade civil, por exemplo, nos cumes internacionais sobre a mudanza climática ou sobre dereitos da muller. Non é este o criterio no Reino de España, onde se deposita toda a representatividade nun grupo de organizacións afíns. Debemos lembrar que o MSDPP está constituído por decenas de plataformas en Galiza e máis de 300 en todo o Reino de España que levan anos desenvolvendo un labor de análise das reformas aprobadas, información pública e mobilización con grande influencia na sociedade. Porén, para o ministro Escrivá e as organizacións asinantes do Acordo, o MSDPP non existe.

Resumo da valoración do Acordo

A. Acéptanse tres reivindicacións do MSDPP:

A.1. Eliminación do factor de sostibilidade.

A.2. Eliminación do factor de índice de revalorización das pensións (IRP) e actualización anual de acordo co IPC.

A.3. Financiamento dos “gastos impropios” a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE).

A aceptación destas tres reivindicacións supón un enorme éxito para o MSDPP. Por primeira vez en décadas un movemento social pon á defensiva ao capital financeiro, dificultando o seu obxectivo de substituír o sistema público de pensións de repartición por un sistema privado de capitalización. O MSDPP demostra que desde a organización, a difusión de información e a mobilización continuada, a maioría social pode consolidar os dereitos xa conquistados e alargalos.

Por outra banda, tamén consideramos un éxito do movemento pensionista, termos conseguido que non se aprobaran este ano moitas das medidas máis importantes da Reforma das Pensións que Escrivá pretendía aprobar en 2021, como son as relativas á determinación do número de anos de cotización sobre os que se calculará a base reguladora das pensións, ou a posta en marcha da recomendación 16 do Pacto de Toledo, de iniciar a privatización do sistema de pensións mediante o fomento dos plans de emprego de capitalización. Estas medidas se pretenderán aprobar en 2022 e alí estará o movemento pensionista para mobilizarnos activamente contra a súa aprobación.

B. Porén, o acordo recolle elementos moi negativos entre os que destacamos:

B.1. Mantense a idade legal de xubilación aos 67 anos.

B.2. Increméntanse as penalizacións para as persoas que se xubilen antes da idade legal de xubilación e mellóranse os incentivos para as persoas que se xubilen despois da idade legal de xubilación.

B.3. Conxélanse as porcentaxes da base reguladora que se percibe en concepto de viuvez.

B.4. Mantéñense as ameazas que, para as pensión públicas, representan algunhas das medidas que se adían para unha segunda fase de negociacióno ano que ven, como son as relativas a:

a. Determinación do número de anos de cotización sobre os que se calculará a base reguladora das pensións.

b. Definición do chamado mecanismo de equidade interxeneracional.

c. Posta en marcha da recomendación 16 do Pacto de Toledo de iniciar a privatización do sistema de pensións mediante o fomento dos plans de emprego de capitalización.

Argumentación da valoración do Acordo

A. Acéptanse tres reivindicacións do MSDPP:

A.1. Eliminación do Factor de Sostibilidade.

Elimínase o factor de sostibilidade que reduciría as pensións iniciais en función, entre outros factores, do aumento da esperanza de vida.

A eliminación do factor de sostibilidade é unha das grandes conquistas do MSDPP. No ano 2020 producíronse máis de 18 mil altas nas pensións de xubilación en Galiza e máis de 285 mil en todo o Estado español. O número de altas en todas as modalidades de pensións foi de 36 mil e 532 mil respectivamente. Todas estas persoas, e un número semellante nos anos vindeiros, beneficiaranse da eliminación do factor de sostibilidade.

Porén, nos próximos 5 meses, polo tanto antes de novembro, o ministro Escrivá presentará para a súa negociación un chamado mecanismo de equidade interxeneracional. Desde o MODEPEN e todo o MSDPP estaremos vixilantes pois sospeitamos que Escrivá proporá unha versión edulcorada do anterior factor de sostibilidade. De confirmarse esta sospeita, denunciarémolo e mobilizarémonos para frustrar a redución das futuras pensións.

A.2. Eliminación do índice de revalorización das pensións (IRP) e actualización anual de acordo co IPC.

A mobilización masiva que se iniciou en 2018 conseguiu romper o teito do 0,25% que se derivaba da aplicación do IRP. Agora a presión sostida no tempo obriga a eliminalo definitivamente. As pensións de case 800 mil persoas na Galiza e 9 millóns en todo o Reino de España manterán o seu poder adquisitivo. O MSDPP derrotou os intentos do capital liderados polo Banco de España (BE) e a Comisión Europea (CE) de conxelar esa parte do produto social que reciben as clases traballadoras como salario diferido.

A.3. Financiamento dos chamados “gastos impropios a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE).

Anúnciase que se trasladarán uns 22 mil millóns de gastos impropios desde o orzamento da Seguridade Social (SS) aos OXE. Esta contribución incluirase na Lei Xeral da Seguridade Social. Outro triunfo do MSDPP que reivindica desde hai anos que, onde non cheguen as cotizacións sociais, se financie o sistema de SS con ingresos procedentes dos impostos.

Este traslado aumentará o déficit público total. Continuamos reclamando unha reforma fiscal integral para aumentar os ingresos das administracións públicas e a progresividade do sistema aumentando o imposto de sociedades, o IRPF ás rendas máis altas, e en xeral a imposición sobre as rendas do capital. Lembramos que os ingresos fiscais no Reino de España son 6 puntos do PIB inferiores á media da UE- 27, máis de 70 mil millóns de euros necesarios para recuperar o gasto en I+D+i, transición ecolóxica, fortalecemento dos sistemas educativo, sanitario e de dependencia públicos, recuperación dunha verdadeira política industrial, etc.

En calquera caso, continuamos a reclamar a derrogación da reforma laboral de 2012, e a suba dos salarios, comezando polo SMI, o que melloraría o poder adquisitivo das traballadoras e traballadores en activo, ao tempo que alargaría a masa salarial total sobre a que se calculan as cotizacións sociais.

B. Porén, o Acordo recolle elementos moi negativos entre os que destacamos:

B.1. Mantense a idade legal de xubilación aos 67 anos.

Non se atende unha das reivindicacións máis importantes do MSDPP, a derrogación da reforma das pensións de 2011 e a recuperación do dereito á xubilación aos 65 anos.

Nas 4 últimas décadas o número “normal” de persoas paradas no conxunto do Estado español é superior aos 3 millóns ao que se debe sumar os máis de 2 millóns de contratos a tempo parcial non desexados. Hai 1 millón e medio de mulleres ocupadas menos que homes. A taxa de emprego das persoas entre 16 e 64 anos é dun pobre 62%. A taxa de paro da poboación moza non adoita baixar do 40%. Manter a idade legal de xubilación nos 67 anos implica dificultar a incorporación das mozas e mozos ao emprego e non se xustifica pola “falta” de forza de traballo.

Alén diso, supón un castigo  inxusto e clasista para as traballadoras e traballadores que soportan condicións de traballo máis duras e esixentes. No conxunto da UE-27, a metade das ocupacións das clases traballadoras implican transportar cargas pesadas, case o 60% realízanse en posicións dolorosas ou fatigantes, e o 70% esixen movementos repetitivos de mans ou brazos. Podemos supor que na Galiza, estas porcentaxes son aínda superiores.

B.2. Increméntanse as penalizacións para as persoas que se xubilen antes da idade legal de xubilación e mellóranse os incentivos para as persoas que se xubilen despois da idade legal de xubilación.

a. Increméntase os coeficientes de penalización para as persoas que adianten a idade de xubilación 2 anos desde o actual máximo do 16% até o 21%. Esta reforma castiga as persoas que desempeñan traballos máis penosos. Lembramos que a idade legal de xubilación en 2021 é de 66 anos e que en 2027 chegará a 67 anos. As traballadoras da conserva, a atención a domicilio, as residencias da terceira idade, os traballadores da construción civil e naval ou das cadeas de produción deberán optar entre traballar en condicións penosas dous anos máis ou perder unha quinta parte da base reguladora á que teñen dereito polas cotizacións acumuladas. Son as empresas as que non queren traballadoras e traballadores de idade avanzada e os coaccionan para que deixen os postos de traballo. As carreiras laborais das mulleres son máis curtas debido entre outros factores aos abandonos temporais para coidado de familiares dependentes ao non existir un servizo de atención ás persoas dependentes semellante aos dos países socialmente máis avanzados. Os coeficientes presentan un nesgo de xénero evidente.

b. Incentivos ao atraso da xubilación. Increméntase os incentivos á permanencia no posto de traballo alén da idade legal de xubilación até o 4% e o 6% anual. En realidade “destópase” a pensión máxima. Os incentivos beneficiarán especialmente ás persoas que desempeñan profesións con mellores condicións de traballo, menor carga física, máis recoñecidas socialmente, con maior autonomía na organización das tarefas, e salarios máis altos: empresariado, funcionariado dos corpos máis altos, directivos das grandes empresas ...

c. O efecto combinado do aumento das penalizacións para as xubilacións anticipadas e os incentivos ao atraso da xubilación incrementará as diferenzas entre as pensións mínima, media e máximas, converténdose nun novo mecanismo clasista de aumento da desigualdade.

B.3. Conxélanse as porcentaxes da base reguladora que se percibe en concepto de viuvez.

Esquécese o colectivo de persoas viúvas o que as coloca nunha situación de precariedade, especialmente cando delas dependen outros familiares.

B.4. Déixase para unha segunda fase a negociación de varias cuestións de importancia decisiva e que supoñen unha forte ameaza para as pensións públicas:

a. Determinación do número de anos de cotización sobre os que se calculará a base reguladora das pensións.

Na reforma de 2011 aumentouse o número de anos para calcular a pensión inicial de 15 a 25. A intención do ministro Escrivá é chegar a toda a vida laboral. Na maioría das carreiras de cotización as bases de cotización máis altas concéntranse nos últimos anos traballados. Polo tanto, incrementar o número de anos contabilizados reduce a maioría das pensións iniciais. Estamos en contra desta proposta. Si, pensamos que se debe permitir elixir os mellores anos de cotización para colectivos como o das traballadoras e traballadores que quedaron en paro despois dos 50 anos.

b. Definición do chamado mecanismo de equidade interxeneracional.

O ministro Escrivá pretende reducir o gasto en pensións públicas, polo tanto é esperábel que presente un mecanismo cun novo nome e un contido semellante ao factor de sostibilidade.

c. Posta en marcha da recomendación 16 do Pacto de Toledo de iniciar a privatización do sistema de pensións mediante o fomento dos plans de emprego de capitalización.

MODEPEN oponse aos intentos de privatización das pensións mediante o fomento dos plans privados de capitalización de empresa.

Nos próximos meses MODEPEN, e o MSDPP, estaremos moi atentos á concreción destas tres cuestións e MOBILIZARÉMONOS SEMPRE QUE FOR NECESARIO EN DEFENSA DO SISTEMA PÚBLICO DE PENSIÓNS.

Nota.-

[*] O Movemento Social en Defensa das Pensións Públicas (MSDPP) está integrado polo conxunto de organizacións que se veñen mobilizando desde hai varios anos para defender o poder adquisitivo das pensións e o sistema público de seguridade social fronte ás propostas de privatización que promoven o Banco Central Europeo, a Comisión Europea e o Banco de España. É un movemento plural sobre tres eixos de actuación: organización, información e mobilización. Mantén unha presión constante que se fai masiva en momentos puntuais.

Tampouco foron convocadas á negociación outras centrais sindicais, como CIG e ELA-STV que, de acordo coa lexislación vixente, reúnen a condición de sindicatos máis representativos


Polo dereito a envellecer con dignidade...

Todos os cidadáns teñen dereito a unha vida digna!

Plataforma Ferrolterra na Defensa das Pensións Públicas, integrada en MODEPEN (Movemento Galego pola Defensa das Pensión Públicas).

Para contactar coa Plataforma:

Correo-e:
plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com

Conta no facebook:
https://www.facebook.com/DefensaPensionsFerrolterra/
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon