mércores, outubro 06, 2021

Ser galegofalante na Galiza, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
06.10.2021


Sei que non son o único traballador cara o público, que nalgún momento da súa vida tense sentido agredido por usar o seu idioma, o galego, na súa propia terra.

No meu caso son xa 25 anos traballando cara o público en distintas empresas, e teño tido que soportar este tipo de actitudes, irrespectuosas, e intentos de humillación en demasiadas ocasións, sempre son demasiadas porque non debería suceder nunca.

Cando un cliente me recrimina por falar en galego na Galiza existe claramente un problema, cando alguén se atreve a dicir que non te dirixas a el nese dialecto e o fagas en español, esta tentando denigrar o noso idioma  e está a agredir aos galegofalantes na súa propia terra, o fan aproveitando ademais a situación de vantaxe e superioridade ao agredir a unha persoa que esta traballando e non pode responder como é debido.

Neste caso ademais os galegofalantes nos atopamos cunha gran indefensión, cando se vulnera o dereito fundamental de poder utilizar o galego na Galiza non temos ferramentas legais para defendernos.

A verdade que cando tentar humillar o teu idioma é difícil manter a compostura. Persoalmente cando vexo que é xente de fóra sempre cambio ao castelán, non teño problema, pero normalmente os estranxeiros son os máis educados, e ata lles gusta escoitar a nosa fala. O problema ven cando dás con algún Talibán nacionalista español.

Namentres existan este tipo de actitudes que tentan humillar o meu idioma e menosprezar a miña nación dificilmente poderá haber convivencia.

Namentres se vulneren impunemente os meus  dereitos fundamentais como galego, se menosprece o meu idioma, o meu acento e a miña cultura será imposible que me sinta parte do Estado español.

Namentres teñamos un goberno da Xunta de Galicia que traballa para facer do noso idioma algo residual, e un españolismo que nos ve e nos trata como inferiores, a nosa mellor arma e falar galego para seguir sendo galegos.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
5 de outubro de 2021 14:3
3

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon