mércores, outubro 27, 2021

O sábado día 30 celebrarase, no Parque Etnográfico do río Sesín, unha nova edición do soutelo organizado polo Museo Etnográfico da Capela en colaboración coa Asociación Euroeume

Soutelo no río Sesín

O sábado día 30 celebrarase, no Parque Etnográfico do río Sesín, unha nova edición do soutelo organizado polo Museo Etnográfico da Capela en colaboración coa Asociación Euroeume, unha actividade orientada a familias con nenas e nenos de entre 4 e 12 anos.

A xornada comezará ás 10.30, coa presentación da actividade na Casa do Museo Etnográfico da Capela, no lugar de O Pazo, a continuación realizarase un pequeno roteiro a través das Fragas para chegar ata o Parque Etnográfico do río Sesín. Ás 11.30 comezará unha actividade de inspección ambiental do río, enmarcada dentro do Proxecto Ríos, na que as persoas participantes, guiados por persoas voluntarias de Euroeume analizarán a calidade das augas do río Sesín e o estado da fauna e a flora do río e da súa ribeira.

Ás 13.00 comezará o Soutelo, coa retirada das castañas da curripa do río Sesín. Nesta actividade reproducirase a fase final dun Soutelo tradicional. Coa chegada do outono comeza o tempo das castañas, e tradicionalmente as familiar comezaban a traballar no proceso que remataba coa súa recollida. Primeiro limpábanse os soutos e as curripas, despois vareábanse os castiñeiros para baixar ao chan ou ourizos verdes. Os ourizos recollíanse e trasladábanse ás curripas, onde, unha vez cubertos con felgos e polas, agardábase entre 10 e 15 días para que abrisen. Pasado este tempo, retirábanse os felgos  e as polas, e xa se podían recoller as castañas listas para consumir.  

Pola tarde continuarán as actividades, cun obradoiro de elaboración de xoguetes con elementos da natureza onde os bugallos, as polas, as cáscaras de noces e calquera outro elemento da natureza transformanse en xoguetes para incentivar a imaxinación dos máis pequenos.

O peche da actividade será ás 18.00, coa  celebración dunha castañada, na que se poderán degustar as castañas recollidas pola mañá na curripa.

Aquelas persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse ou ampliar a información a través do correo electrónico euroeume@euroeume.org

As Pontes, a 27 de outubro de 2021

Asoc. Euroeume

Enviado por:
Angel Lorenzo EuroEume
-euroeume@euroeume.org-
27 de outubro de 2021 09:58

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon