xoves, novembro 18, 2021

A (re)formación da clase obreira, ... Por Beverly Judith Silver - Os teóricos da globalización escribiron innumerábeis obituarios da clase obreira, mais ignoraron o feito de que o capitalismo crea sucesivamente novas clases obreiras con novas fontes de poder, padecementos e reivindicacións


Por Beverly Judith Silver [*]
18.11.2021


Os teóricos da globalización escribiron innumerábeis obituarios da clase obreira, mais ignoraron o feito de que o capitalismo crea sucesivamente novas clases obreiras con novas fontes de poder, padecementos e reivindicacións

Cando os especialistas en ciencias sociais se refiren ao período 2019-2021, destacan tres signos de crise sistémica profunda: en primeiro lugar, a incapacidade da maioría dos Estados para responder acaídamente á pandemia da COVID-19, ese gran revelador das crebas sociais e gobernamentais. En segundo lugar, a aceptación de Estados Unidos do fracaso da guerra en Afganistán, que deixou en claro que a «guerra contra o terrorismo» non logrou reverter a perda de poder de Estados Unidos a nivel mundial. Para rematar, pero non menos importante, o tsunami de protestas sociais a nivel mundial, que empezou en 2010-2011 -como consecuencia da crise financeira de 2008- e non deixou de medrar até 2019.

Se poñemos a ollada no futuro, está claro que calquera estratexia obreira e socialista deberá ter en conta o terreo no que se despregan as loitas, é dicir, a inestabilidade hexemónica dos Estados Unidos no marco dunha crise capitalista mundial sen comparanza despois dos anos 1930. Como aconteceu durante a primeira metade do século vinte, a crise actual do capitalismo global adopta a forma dunha enorme crise de lexitimidade: a consigna «socialismo ou barbarie» volve xurdir con urxencia.

Ilustración: Nicolás Daniluk.

A creación, destrución e reconstrución da clase obreira mundial

Que poden facer as mobilizacións de clase para frear a deriva do presente cara á «barbarie»? Até hai algúns anos, a resposta dos teóricos da globalización, de esquerda e de dereita, era unánime: «Non moito». A tese da «carreira cara ao abismo» sinala que a globalización creou barreiras insuperábeis para a mobilización da clase obreira. Desde os anos 1980, os partidarios desta perspectiva escribiron innumerábeis obituarios da clase e o movemento obreiros, centrados no debilitamento e a destrución das clases obreiras existentes, sobre todo -e isto é significativo- as ocupadas na produción industrial dos países centrais. Mais ignoraron as formas en que o capitalismo -por medio de transformacións recorrentes da organización produtiva mundial- crea novas clases obreiras con novas fontes de poder, padecementos e reivindicacións.

Este enfoque alternativo pon o eixe na creación e reconstrución das clases obreiras, que responden á súa vez aos costados creativos e destrutivos do proceso de acumulación de capital. En efecto, a vaga mundial de mobilizacións dos anos 2010-2011 estivo marcada polas protestas de novas clases en proceso de formación e clases existentes que loitaban para conservar os dereitos conquistados en ciclos anteriores. O espectro abrangueu folgas de obreiros industriais en China, folgas ilegais nas minas de platino de Sudáfrica, xente nova desempregada e precaria que saíu a ocupar as prazas en todo o mundo e protestas contra a austeridade que se estenderon desde África do Norte até os Estados Unidos. O proceso terminou sendo só o preludio dun tsunami de protestas de clase que durou máis dunha década e estivo composto tanto por folgas obreiras como por mobilizacións na rúa.

Hai quen pensa que a lección dos anos 2010-2011 é que as loitas de clase se desprazaron desde os lugares de produción cara ás rúas. Con todo, aínda que non deberiamos menosprezar o significado das «mobilizacións na rúa», sería un grave erro subestimar as folgas nos lugares de traballo, pois son as fontes de poder que operan detrás deses movementos. Así, por exemplo, aínda que a historia estándar das protestas exipcias de 2011 se centra na ocupación da praza Tahrir, a verdade é que Mubarak renunciou ao seu cargo só cando os obreiros da canal de Suez -sitio fundamental para o comercio internacional e nacional- fixeron folga.

Desde os anos 1980, a adopción xeneralizada da produción «just in time» -a provisión de inputs mantense en niveis mínimos coa perspectiva de recortar custos distribuíndoos «xusto a tempo»- incrementou a vulnerabilidade das fábricas situadas máis abaixo na cadea ás folgas que se desenvolven nos sitios dos provedores. Este é o caso mesmo se a fábrica que para está na mesma provincia, como sucedeu, por exemplo, cando a folga dunha empresa auxiliar forzou a Honda a pechar todas as súas plantas de ensamblaxe en China.

A pandemia e o bloqueo da canal de Suez de marzo de 2020 deixaron claro que as cadeas de abastecemento globais son vulnerábeis a múltiples formas de interrupción, entre elas, as folgas obreiras. Até certo punto, isto non é nada novo. No século vinte, os traballadores do transporte dispoñían de moito poder en virtude da súa localización estratéxica nas cadeas de abastecemento globais e nacionais. De aí o papel central que xogaron no movemento obreiro en xeral. Non hai dúbida de que as cadeas de abastecemento globais serán distintas a mediados do século XXI -de feito, a pandemia e as tensións xeopolíticas están forzando a súa reestruturación-, pero é moi probábel que os traballadores do transporte, os almacéns e a comunicación sigan tendo poder (e, se cadra, cobren máis relevancia), dada a súa localización estratéxica nos procesos de acumulación de capital.

Do mesmo xeito, sería insensato desbotar a importancia futura das folgas dos obreiros industriais, pois a dispersión mundial da produción a gran escala, posta en marcha durante o século vinte, tivo como consecuencia a formación de novas clases obreiras e vagas sucesivas de conflitos de clase. A comezos do século vinte, cando o epicentro da produción industrial a gran escala se desprazou ao continente asiático, tamén o fixo a loita obreira: confirmouse a tese de que onde hai capital, hai conflito.

Esa frase ten un sentido xeográfico, pois o capital, ao ser relocalizado en busca de man de obra submisa e barata, termina creando clases obreiras e conflitos novos nos seus lugares de destino. Mais tamén ten un sentido intersectorial, pois a medida que o capital se despraza a novos sectores da economía, créanse novas clases obreiras e xorden conflitos orixinais.

Unha perspectiva obreira hexemónica

En que sectores nos debemos centrar hoxe? Sen dúbida, un moi importante é a «industria da educación» que, segundo a UNESCO, pasou de contar 8 millóns de docentes a nivel mundial en 1950 a 62 millóns en 2000, e creceu outro 50% en 2019, até alcanzar un total de 94 millóns de docentes. Máis aló do crecemento meteórico dos números, existen outros motivos para pensar que os docentes están xogando un papel fundamental no movemento obreiro a nivel mundial, análogo ao que xogaron os obreiros da industria téxtil no século XIX e os obreiros da industria do automóbil no século XX.

A tendencia ao conflito obreiro na «industria da educación» converteuse nun dato incuestionábel a fins do século XX, pero as mobilizacións da última década marcaron un punto de inflexión. Nos Estados Unidos, este punto correspondeu á urxencia da organización Caucus of Rank-and-File Educators (CORE) que, con amplo consenso social, dirixiu os docentes de Chicago a través do seu exitosa folga de 2012. O conflito logrou instalar a idea de que os docentes non só loitaban polos seus propios intereses, senón polos dos estudantes e as familias. A folga de Chicago foi seguida dunha vaga nacional de paros e mobilizacións en todo o país, especialmente nos distritos escolares localizados en estados cunha forte política antisindical.

En Chile, os docentes das escolas públicas que foron á folga baixo dirección do Colexio de Profesores de Chile (CPC) -con apoio de estudantes, veciños e outros traballadores- xogaron un papel central no ciclo de protestas nacionais que reivindicou o acceso universal á educación e o abandono da constitución neoliberal herdada da época de Pinochet. Producíronse mobilizacións similares en Costa Rica, Honduras e Colombia e, en Perú, o presidente de esquerda Pedro Castillo chegou ao poder con apoio do sindicato docente.

Esta nova vaga de militancia docente responde a unha serie de reivindicacións fundadas nun claro proceso de proletarización, que inclúe a intensificación do traballo, a deterioración das condicións laborais e a perda de autonomía e control sobre o proceso de traballo nas aulas. En parte, as folgas docentes son exitosas debido a que as súas reivindicacións se complementan cun forte poder de negociación nos seus lugares de traballo. É posíbel argumentar que a «industria da educación» fornece os bens de capital máis importantes do século XXI, é dicir, eses obreiros educados que despois deben inserirse nunha «economía da información». A diferenza da maioría das actividades manufactureiras, é imposíbel facer presión sobre os docentes mediante a ameaza de relocalizar a produción (máis aló dos experimentos virtuais a partir da pandemia, o ensino debe realizarse onde están os estudantes). Do mesmo xeito, a «industria da educación» parece resistir á automatización (substituír os docentes por robots non é algo que apareza no horizonte).

Ademais, os docentes ocupan un lugar estratéxico na división do traballo social concibida en termos máis amplos. Se os docentes fan folga, xeran un efecto dominó que afecta toda a división social do traballo: interrompen a rutina das familias e dificultan o traballo dos pais. Nese sentido, o poder estratéxico dos docentes, aínda que en última instancia está fundado na súa capacidade de interromper a economía, é bastante singular, pois depende especialmente da centralidade que ten a súa actividade na sociedade. Así e todo, a menos que este poder se exerza no marco dunha perspectiva hexemónica máis ampla, os docentes quedan expostos a que o Estado e o capital os utilicen como chibos expiatorios e os sometan á represión. En efecto, a crise cada vez máis grave do capitalismo leva consigo tamén a ampliación e a profundación das formas coercitivas do poder.

Como sexa, as folgas máis grandes da última década mostran que os docentes teñen o potencial de formular a devandita perspectiva, é dicir, de mostrar que as súas loitas particulares implican a defensa dos intereses de toda a sociedade. O seu propio labor fai que entren en contacto cotián con círculos moito máis amplos da clase obreira, pois son testemuñas de todos os problemas que afrontan os estudantes e as súas familias. Entón, abonda con que espallen a idea de que, mesmo se as súas reivindicacións buscan un beneficio que os afecta especificamente como docentes, tamén promoven os intereses dos estudantes, as súas familias, os seus barrios e as súas cidades. Por suposto, este potencial hexemónico, fundado en condicións estruturais, débese realizar a través dunha iniciativa política que vincule as loitas particulares dos docentes -e dos traballadores- con loitas máis amplas pola dignidade humana e a supervivencia planetaria.

Solidariedade forever

A automatización que promove a Intelixencia Artificial levou a moitos intelectuais a suxerir que estariamos chegando á «fin do traballo» e que, en consecuencia, se van acabar os conflitos laborais. Porén, prescindir completamente do traballo humano nos procesos de produción continúa a ser unha fantasía difícil de alcanzar, e non deberiamos subestimar a importancia que seguen a ter as loitas obreiras nos sitios de produción.

Sería un erro tamén subestimar as mobilizacións na rúa. En efecto, é posíbel derivar a ligazón esencial destes dous sitios de loita -o lugar de traballo e a rúa- a partir do Tomo I d’O Capital. Por unha banda, chegando á metade -onde describe o conflito ininterrompido entre o capital e o traballo pola duración, a intensidade e o ritmo da actividade-, Marx refírese ao que acontece na «oculta sede da produción». Doutra banda, no capítulo 25, Marx aclara que a lóxica do desenvolvemento capitalista, non só leva a constantes loitas nos lugares de traballo, senón tamén a conflitos máis amplos a nivel social, pois a acumulación de capital avanza da man da «acumulación de miseria», especialmente baixo a forma da expansión dun exército industrial de reserva de traballadores desempregados, subempregados e precarios.

Neste sentido, a historia do capitalismo caracterízase, non só polo proceso cíclico de destrución creativa no punto da produción, senón tamén pola tendencia a longo prazo a destruír os modos de vida existentes a un ritmo máis veloz do que define a creación doutros novos. Isto leva consigo a necesidade de definir tres tipos de conflitos obreiros: 1) as protestas das clases obreiras en proceso de formación; 2) as protestas das clases obreiras existentes que están sendo destruídas; e 3) as protestas deses traballadores que o capital ignora e exclúe, é dicir, os membros da clase obreira que, aínda que dependen exclusivamente diso para sobrevivir, é probábel que nunca logren vender a súa forza de traballo.

Os tres tipos de conflitos obreiros son manifestacións distintas dun proceso de desenvolvemento capitalista único. Os tres son visíbeis nas loitas actuais. O destino de cada un está intimamente ligado co dos outros. Unha estratexia socialista debe abranguelos todos. En efecto, a perspectiva estratéxica de Marx e Engels -desenvolvida no Manifesto do Partido Comunista e noutras obras-, chamaba os sindicatos a organizar estes tres segmentos da clase obreira mundial nun proxecto común.

Non fai falta dicir que se trata dunha tarefa inmensa. Pero ademais, sen deixar do todo de pecar de certo optimismo, Marx asumía que estes tres tipos de traballadores -os que son incorporados como asalariados durante as últimas fases de expansión material, os que son expulsados durante a última vaga de reestruturacións e os que son excedentes desde o punto de vista do capital- vivían nos mesmos fogares e barrios obreiros. Vivían xuntos e loitaban xuntos.

Noutros termos, as distincións no seo da clase obreira -entre traballadores empregados e desempregados, activos e en reserva, capaces de impoñer perdas custosas ao capital e capaces só de manifestarse nas rúas- non se solapaban con diferenzas de cidadanía, raza, etnicidade ou xénero. Entón, os traballadores que encarnaban calquera deses tres tipos conformaban unha soa clase obreira con mesmo poder e as mesmas demandas, e coa capacidade de xerar unha perspectiva poscapitalista sobre a emancipación da clase no seu conxunto.

Con todo, en termos históricos, o capitalismo desenvolveuse xunto ao colonialismo, ao racismo e ao patriarcado, é dicir, dividiu a clase obreira en función da súa condición e limou as súas capacidades para xerar unha visión común da emancipación. En períodos de grandes crises capitalistas, como a que estamos vivindo, estas divisións tenden a endurecerse. O capitalismo en crise empodera directa e indirectamente os «monstros» do «interregnum» gramsciano (movementos neofascistas, racistas, patriarcais, antiinmigrantes e xenófobos). Entón desenvólvense formas coercitivas de control social e militarismo contra un movemento socialista que é á vez «demasiado forte» como para ser ignorado (polo capital) e «demasiado débil» (até o de agora) como para salvar a humanidade dunha longa época de caos sistémico.

Porén, tamén asistimos a unha recrúa das loitas obreiras sen precedente a nivel histórico en canto á súa escala e ao seu alcance. Aínda que a magnitude do desafío que xera a crise do capitalismo global para a humanidade tampouco ten antecedentes, estes novos movementos están a construír pontes e, nalgúns casos, son capaces de conxugar a solidariedade dos protagonistas dos tres segmentos da clase obreira aos que nos referimos. É nestas loitas -e a través delas- onde xurdirá un proxecto emancipatorio capaz de guiarnos fóra deste capitalismo destrutivo, cara a un mundo onde a dignidade humana valla máis que os beneficios.

[Artigo tirado do sitio web Correspondencia de prensa, do 13 de novembro de 2021]

[*] Beverly Judith Silver (1957, Detroit, Estados Unidos) é unha socióloga e economista especializada na historia das forzas do traballo, o desenvolvemento e a globalización desde a perspectiva do sistema-mundo. Os seus traballos foron traducidos e publicados a máis de dez idiomas. Desde 1992 é profesora de socioloxía na Johns Hopkins University in Baltimore, Maryland. Foi discípula e colaboradora de Giovanni Arrighi [Wikipedia].

Publicado por Avantar. | 17.11.2021 | Baixo licenza Creative  Commons by-nc-sa/2.5.
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon