martes, novembro 23, 2021

As mulleres da Marcha Mundial centran as denuncias deste 25N no papel da xustiza que reproduce cada día no noso país violencias contra as mulleres - En Ferrolterra o xoves 25 de novembro, na Praza do Concello de Fene, ás 17:30hs


As mulleres da Marcha Mundial decidimos centrar as denuncias deste 25N no papel da xustiza que reproduce cada día no noso país violencias contra as mulleres.

O sistema patriarcal irradia todos os ámbitos da nosa vida, tamén no institucional, as leis de igualdade e contra a violencia machista definen un marco legal de protección ás mulleres que non é efectivo.

Campañas con promesas de protección, atención e axuda do aparello institucional fican baleiras de contido. Cada día as mulleres que denuncian violencia machista ven violentados os seus dereitos: o dereito á defensa, á protección das crianzas e á protección fronte aos seus agresores. Neste proceso falla o asesoramento, hai eivas de redacción no atestado policial que afectará a posteriori, medidas cautelares insuficientes, informes que revitimizan ás mulleres, unha xudicatura machista, falta de formación, de empatía e implicación dos axentes que interveñen nos procesos xudiciais, falta de xulgados específicos, etc.

Por isto este 25 de Novembro baixo o lema

"COMBATER A XUSTIZA PATRIARCAL PARA ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA"

convocamos mobilizacións en 27 localidades galegas.

En concreto na nosa comarca, convocamos en Fene, diante da Praza do Concello ás 17.30, un acto para lembrar as vítimas dos feminicidios dos anos 2020 e 2021 e para denunciar o funcionamento da xustiza, que dá as costas ao clamor social por unha verdadeira xustiza para as vítimas de violencia machista.

Ferrol, 22 de novembro de 2021.

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Info baseada na enviada por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
22 de novembro de 2021 23:11

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon