O BNG CENSURA O PACTO DE SILENCIO DE FeC, PP e PSOE SOBRE O 50 ANIVERSARIO DOS SUCESOS DO 10 DE MARZO DO 72
Iván Rivas portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, lamenta o voto en contra de Ferrol en Común, do Partido Popular e do Partido Socialista á proposta nacionalista para que o concello de Ferrol conmemorase o 50 aniversario da loita obreira de marzo do 72 en Ferrol e a negativa a declarar o vindeiro ano com “Ano do Día da Clase Obreira Galega”.
Iván Rivas, portavoz nacionalista, salientou que resulta curiosa a coincidencia ideolóxica das tres organizacións políticas que se situaron en contra desta proposta. É unha pena que co seu voto impidan que o concello de Ferrol lembre os feitos do 10 de Marzo en Ferrol e o seu significado colectivo na Galiza de defensa da democracia e de emancipación da clase traballadora galega.
Para o BNG, FeC, PP e PSOE pretenden dulcificar o acontecido e consideran que o concello non debe asumir un papel significativo co obxecto de lembrar aquela loita igual que se negan a censurar o papel que o Estado decidiu atribuírlle á nosa cidade. Unha cidade que sofre desde hai anos a actitude indolente de gobernos dese mesmo estado que teñen desmantelado os nosos sectores produtivos sen ofrecer unha mínima e pequena alternativa para a situación que estamos a vivir nesta cidade desde hai décadas.
Rivas censurou o pacto de silencio entre as tres forzas estatais que teñen presenza no pleno municipal e a súa oposición a proposta do BNG sen presentar unha so alternativa por parte de ningún deles a piques de comezar o ano 2022.
É significativo que diante dunha proposta inclusiva como a do BNG o resto de grupos non optasen pola abstención e se situasen en conxunto en contra desta proposta sen propoñer nada.
Iván Rivas, portavoz do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas. E non dubidou en afirmar que o que aconteceu onte no pleno coa proposta do BNG é moi triste.
O BNG considera que terán que ser estas tres organizacións políticas quen expliquen o seu voto en contra a unha iniciativa que ademais de buscar o recoñecemento oficial do concello a esta efeméride durante o vindeiro ano procuraba espallala entre a cidadanía propondo a elaboración e desenvolvemento dun calendario de actividades: exposicións, conferencias, cursos ao longo do ano 2022. Estabelecer un galardón: “Premio Día da Clase Obreira Galega”co que premiar a persoas ou colectivos significados na defensa dos traballadores e traballadoras galegas e os seus dereitos, ou a elaboración dunha unidade didáctica sobre o 10 de marzo de 1972 e o “Día da Clase Obreira Galega” para a súa distribución nos centros de ensino da cidade e da comarca.
A tráxica data, o 10 de Marzo, as folgas de Vigo desde o mesmo mes e o asasinato posterior de Moncho Reboiras en Ferrol, foron o xerme doloroso do sindicalismo galego actual e demostran a dignidade e loita do pobo galego contra o réxime franquista que foi fortemente represor desde os seus inicios até o seu fin. A conmemoración deste feito, non debe converterse nun muro das lamentacións e debera ser máis ben uns actos de recoñecemento e posta en valor da loita dos traballadores e traballadoras galegas para combater a precariedade e a pobreza.
Ferrol, a 5 de novembro, de 2021.
Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.
Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
Ferrolterra | Web.
Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
5 de novembro de 2021 15:54
_______
Relacionada:
O BNG propón que Ferrol adique o ano 2022 ao 50 aniversario dos sucesos de marzo do 72 - Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas. | Ir Ártabra 21.
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon