“Unha entrevista virtual”
Nun pequeno descanso dun día de abondoso traballo, o Alcalde de Ferrol decidiu revisar a súa correspondencia atrasada, e atopou unhas cartas da Asociación San Fernando, que fora constituída para a defensa do Patrimonio Histórico do Barrio de Recimil, concretado nas chamadas Casas Baratas. De súpeto lembrou que aquela era unhas das poucas asociacións coas que nunca falara e pensou que xa era hora de chamalos para saber que querían. Sen perda de tempo, chamou á súa Secretaria e pediulle que buscara unha data e unha hora libre na súa ateigada axenda e citase aos representantes daquela Asociación.
O día elixido, os representantes de San Fernando acudiron puntualmente á cita e, despois dos saúdos de rigor, o Sr. Alcalde tomou a palabra para invitalos a falar. E o resultado daquela conversa entre o Alcalde (A) e os Representantes da Asociación (SF) foi o seguinte:
A.- Vostedes dirán.
SF.- En primeiro lugar, queremos lle agradecer a súa amabilidade para nos conceder unha entrevista que levamos dez anos agardando, pois os dous anteriores Alcaldes non tiveron esa atención, malia as moitas veces que a solicitamos.
A.- Ben, dos meus antecesores non teño nada que dicir, mais no que me concirne, aínda que tarde, aquí me teñen disposto a escoitalos.
SF.- Grazas. Imos aló. Para comezar, dirémoslle que a nosa intención é, acadar a rehabilitación da barriada das Vivendas Protexidas ou Casas Baratas e, devolver a propiedade das vivendas a todos aqueles adxudicatarios legais que así o desexen.
A.- No asunto da rehabilitación, supoño que xa saberán que estamos a realizar importantes traballos en varios dos bloques de edificios. E no tema da propiedade das vivendas, moito me temo que de momento non se pode facer nada. O Concello é o propietario e non podería regalarllas as pisos aos veciños así polas boas.
SF.- Precisamente, sobre a propiedade das vivendas nós sostemos a teoría de que o Concello é propietario como resultado dunha descarada estafa cometida contra os adxudicatarios hai setenta anos e continuada no tempo, sen que ninguén queira facerse coñecedor do tema.
A.- Esa é unha afirmación moi grave e non se pode soster sen demostrala.
SF.- Certo. Mais o grave non está na afirmación, senón na imposibilidade de aportar as abondosas probas que temos, porque ninguén quere velas e oílas.
A.- Como é iso? Ninguén lles impide acudir á Xustiza. Na nosa Democracia hai leis que protexen aos cidadáns.
SF- Aquí convén lembrar o que dixo o Deus de Curros: “Que leis nin que raios, se valen tres pitos, que o demo me leve”. De calquera xeito, xa o fixemos e a resposta foi, sen nos escoitar e sen posibilidade de recurso, que non tiñamos razón. Ademais, por unha banda, a xustiza é moi cara e a maioría dos veciños non teñen posibilidades económicas de se meter en preitos; e por outra, por riba de non confiar na Xustiza, consideramos que este é un problema para solucionar política e/ou administrativamente.
A.- Pois non sei que solución haberá, a non ser que fose mediante unha venta, pero iso semella que sería moi complicado, no caso de ser legal.
SF.- Quizabes vostede non terá ese coñecemento, pero existen neste concello dous acordos plenarios unánimes para estudar a venta das vivendas aos adxudicatarios legais. No segundo deses acordos redactouse un documento por parte do funcionario municipal correspondente, do que temos a copia, no sentido de non haber impedimento legal para dita venda. Mais ámbolos dous acordos foron ilegal e unilateralmente anulados por un mesmo partido político, cando colleu o poder, malia ter sido asinante dos acordos.
A.- E vostedes que fixeron?
SF.- E que podiamos facer? Falamos cos partidos da oposición, pero non fixeron nada.
A.- Volvamos ao asunto da estafa, segundo vostedes, cometida polo Concello. En que se basea esa acusación?
SF.- Pois verá, temos unha boa cantidade de documentos que indican que alguén fixo moitas ilegalidades no principio do problema, incumprindo a lei das Vivendas Protexidas.
A.- Moitas ilegalidades? Perdoen pero, non estarán vostedes esaxerando?
SF.- Xulgue vostede mesmo. Primeiro saltáronse o Regulamento que establecía como preferido o sistema de amortización; despois sinalaron uns prezos de adxudicación por riba do establecido nese Regulamento; como lles parecía pouco, aumentaron aqueles prezos nun dez por cento das cantidades iniciais, como importe dunha serie de servizos recollidos nos contratos, servizos que nunca existiron; e ademais, se trampearon e falsificaron contratos; e por último, que non derradeiro, nin sequera se respectaron os amañados contratos que se firmaron.
A.- Comprenderán vostedes que me resulte difícil crer todas esas ilegalidades.
SF.- Por suposto, por suposto. É difícil de crer. Pero vostede comprenderá que nós non cometeríamos a estupidez de afirmalo, sen a documentación correspondente. Por exemplo, no caso da amortización recollida no Regulamento das Vivendas, se afirmou por parte dalgún funcionario, que o arrendamento se impuxo “por vontade” do Concello. Ante esta explicación e, aparte de adxudicar vontade a un ente impersoal como é un Concello, cabe preguntar quen ou que cousa era o Concello nos anos corenta do pasado século. Sería un Alcalde nomeado “a dedo” que firmaba o que lle poñían por diante? Ou sería algún funcionario “plenipotenciario” que facía o que quería?
A.- Eran outros tempos, e se facían moitas trapalladas. En calquera caso, non parece que aí exista ningunha arbitrariedade.
SF- Non sendo o incumprimento da lei das Vivendas Protexidas, claro, pero sábese que nun principio entregáronse varios contratos coa cláusula de amortización cuberta, dos que puidemos atopar só un, porque como tamén se coñece, case todos eses contratos cubertos con prezos de amortización, foron “recuperados” polo Concello e substituídos por outros cubertos a man, dos que temos algunha copia. Certo que hai un par de actas de plenos posteriores, que falan de impoñer o sistema de alugueiro, mantendo os avultados prezos e quedando o Concello como propietario das vivendas o que deixa clara a idea da estafa: Os veciños amortizan e o Concello queda como propietario. Pois que ben, non é?
A.- Iso é o que vostedes supoñen, pero eu non o vexo tan claro.
SF- Pois aínda hai máis. Temos copias de dous contratos firmados en Febreiro e Xuño de 1949, o primeiro coa cláusula de amortización cuberta e o segundo sen cubrir dita cláusula, coa firma do mesmo Sr. Alcalde. Xa que logo, con que vontade nos quedamos? É de supoñer que nalgún pleno ou xunta de goberno deses meses habería algún acordo para o cambio de amortización por alugueiro. Pois ben, revisadas no Arquivo Municipal, todas as actas das reunións daqueles meses, non apareceu ningún acordo sobre ese punto. E por si iso fose pouco, temos a copia dun daqueles contratos feitos a man, que substituíu a un dos primitivos, pero cun “tampón” no canto da firma do Sr. Alcalde.
A.- Se todo iso que me din é certo, eu xa non sei que pensar.
SF.- Coidamos que o que procede é comprobar a nosa información e decidir darlle unha solución ao problema, dialogando e consensuando, algo ao que nós estamos, en principio, abertos.
A.- Ben, pois estudaremos a cuestión e prométolles chamalos tan pronto como sexa posible. Pola miña parte nada máis e moitas grazas.
SF.- Moitas grazas a Vostede.
E neste punto espertei... E quedei afundido na desesperanza, na impotencia e no desprezo.
Amadeo Varela Rodríguez.
Presidente da Asociación San Fernando de Recimil.
[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Forma parte do Colectivo Ártabra 21.
Artigos de Amadeo Varela no xornal comarcal Diario de Ferrol. | Ir á Web.
Enviado por:
Amadeo Varela
-avarela36@mundo-r.com-
5 de dezembro de 2021 15:55
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon