O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas para que o Goberno do Estado estabeleza compensacións ao Concello de Ferrol pola redución de ingresos que supón a exención no pagamento do Imposto sobre bens inmóbeis afectos a fins de Defensa. Reclama así mesmo que se cuantifique o impacto económico da exención presentando un informe e que se modifique a normativa para fixar a obrigatoriedade de compensar economicamente aos concellos que padecen a perda de ingreso por ter afectado unha grande parte do seu territorio con inmóbeis exentos, como é o caso de Ferrol.
O imposto sobre a propiedade é un dos principais ingresos nas Facendas Locais, gravando o valor dos bens inmóbeis situados en cada municipio. Mais dentro da norma que o regulan existen excepcións que os concellos deben aplicar de maneira obrigatoria sobre bens radicados no termo municipal. En concreto, estabelecese que os bens afectos á defensa nacional están amparados por unha exención, sen que se contemple algunha compensación aos municipios afectados pola previsión legal.
“Esta exención do IBI supón un forte impacto na facenda local do Concello de Ferrol xa que preto de 20% do chan urbano está ocupado por edificios vinculados ao Ministerio de Defensa” explica o deputado nacionalista. Néstor Rego indica que, en termos comparativos, supón máis de 8.000 unidades catastrais o que supón “unha redución importante de ingresos”.
A formación nacionalista reclama elaborar, no prazo de tres meses, un informe sobre “o impacto da exención do Imposto sobre Bens Inmóbeis no financiamento no Concello de Ferrol”. Así mesmo, após o estudo, cabe realizar as compensacións oportunas ao municipio pola redución de ingresos que supón esa exención do pago do imposto e mesmo que esas “compensacións se estabelezan con carácter periódico”.
“Hai que modificar a normativa para estabelecer a obrigatoriedade do Estado de compensar de maneira económica a perda de ingresos tributarios que sofren os concellos que contan con importantes zonas ocupadas por bens declarados exentos do Imposto sobre Bens Inmobles, como é o caso de Ferrol pola grande ocupación de terreos por Defensa” subliña Rego.
Por outra banda, debe destacarse que esa exención legal outorgada no IBI aos bens afectos á defensa do Estado tampouco supón na actualidade outro tipo de vantaxes, como a de poder recibir cesión ou adquisición de terreos con maior facilidade cando os bens militares son desafectados e deixan de destinarse á defensa do Estado. “É unha reclamación da cidade de Ferrol que xa vén de vello” conclúe o deputado do BNG, Néstor Rego, “o concello debe soportar e asumir en grande medida custos e dificultades derivadas de albergar as instalacións de Defensa, porén, non reciben ningún tipo de compensación. É o momento de que o Goberno do Estado asuma as súas responsabilidades por esta situación, e dea un trato xusto a Ferrol e ao resto de concellos cunha situación semellante”.
Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.
Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
Ferrolterra | Web.
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
18 de fevereiro de 2022 12:37
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon