Con motivo do debate e votación no pleno do Congreso dos/as Deputados/as do RD/lei 32/2021, a CIG ten convocadas mobilizacións de delegadas e delegados o próximo xoves, 3 de febreiro, para amosar o seu total rexeitamento á nova reforma laboral. A central insta as forzas nacionalistas e de esquerda a non validar unha normativa que consolida a precariedade e reclama unha nova lexislación que permita recuperar os dereitos roubados e mellorar as condicións de traballo para termos emprego e salarios dignos.
HORAS E LUGARES DAS CONCENTRACIÓNS
A Coruña, ás 12h, na Delegación do Goberno (Praza de Ourense).
Vigo, ás 11, diante da Dirección Provincial do SEPE.
Pontevedra, ás 12h, na Subdelegación do Goberno
Ferrol, ás 12h, na Praza de Armas
Compostela, ás 11h, na Praza de Galiza.
Lugo, ás 12h, na Subdelegación do Goberno
Ourense, ás 11h, na Subdelegación do Goberno
Con estas concentracións a CIG dá continuidade ás mobilizacións realizadas o pasado domingo 30 de xaneiro contra este novo pacto social “que vén enterrar máis dereitos laborais e que significa consolidar as reformas de 2010 e 2012”, ao seguir dándolle a patronal todo o poder para que poida despedir fácil e barato, aplicar ERE, ERTE e modificacións substancias das condicións de traballo, baixar salarios e estender a precariedade e a pobreza laboral.
Esta reforma, pactada no diálogo social e que se quere impoñer no Congreso, é un novo instrumento que vai favorecer as nefastas políticas do PP e de Feijóo en Galiza e constitúe a peor solución para afrontar de maneira xusta a crise social e industrial que padece o noso país, a actual carestía da vida e os cambios que se están a dar no mundo do traballo resultado dos procesos da descarbonización e dixitalización.
Por iso, a CIG seguirá esixindo a derrogación inmediata das reformas laborais de 2010 e 2012 e reivindicando o dereito a negociar os convenios colectivos no noso país, de xeito que as persoas traballadoras poidamos decidir sobre as nosas condicións de traballo e que non sexan as cúpulas sindicais as que o fagan por nós dende Madrid.
Fonte: Avantar | 01.02.2022
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
02 de fevereiro de 2022 8:00
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon